¿Todo para os gandeiros pero sen os gandeiros?

Fortes críticas de parte dos produtores que estaban nos bloqueos das industrias lácteas á decisión dos sindicatos de desconvocar a mobilización sen contar coa súa opinión

¿Todo para os gandeiros pero sen os gandeiros?

Asemblea ante Gadis, en Betanzos, onde os descontentos co desbloqueo lle trasladaron o seu malestar á Plataforma.

O protagonismo que veñen reclamando os gandeiros na defensa dos seus intereses colleu co paso cambiado ás organizacións agrarias, que aínda non se afixeron ó novo escenario. O xeito en que se lle puxo fin ó bloqueo ás industrias lácteas o pasado mércores, sen consultar cos piquetes apostados durante días ante cada empresa, ilustra a situación. Ducias de gandeiros recrimináronlle ás organizacións agrarias este proceder nunha asemblea celebrada onte á tarde ante Gadisa, en Betanzos. “Por que non se contou con nós para tomar a decisión?” foi unha das preguntas máis repetidas.

O despropósito chegou a tal punto que nalgúns bloqueos comezaron a saír á tardiña os camións das industrias sen que os gandeiros concentrados ante elas tivesen aínda ningunha noticia da desconvocatoria por parte da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que agrupa ás organizacións agrarias convocantes da protesta (Unións Agrarias, Organización de Productores de Leche –OPL-, Sindicato Labrego e Fruga). “Foi unha vergoña. Saían os camións e non sabiamos o que estaba pasando”, recriminoulle un gandeiro ós sindicatos na asemblea de onte en Betanzos.

“Foi unha vergoña. Saían os camións da factoría e ninguén nos dixera aínda que se desconvocara o bloqueo” (Un gandeiro)

Descontento
A decisión da desconvocatoria do bloqueo tomouse nunha reunión da Plataforma celebrada en Lugo o mércores a partir das dúas da tarde e comunicouse en rolda de prensa ese mesmo día ás cinco da tarde. Sen embargo, gandeiros presentes na asemblea de onte aseguraron que os conductores dalgunha empresa, caso de Logística Alimentaria, xa entraran ás tres e media da tarde na factoría.

Por parte das organizacións agrarias deu a cara e as explicacións que fixeron falta Román Santalla, de Unións Agrarias, e mediada a asemblea tamén Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche (OPL). En menor medida, interviu Manuel Da Cal, da Fruga. O Sindicato Labrego, que os últimos quince días vén manténdose nun segundo plano, optou tamén onte por situarse a un lado da asemblea.

“Equivocámonos unha vez máis e temos que pedirvos desculpas” (Román Santalla)

Santalla foi claro ante os gandeiros: “Equivocámonos unha vez máis e temos que pedirvos desculpas”. Pero os ánimos dos produtores non estaban para conformarse coas desculpas. “Once días durmindo no tractor. Que menos que me consulten a miña opinión antes de desconvocar”, lamentaba un gandeiro no corro que se formou en torno ós representantes das organizacións agrarias. “Quen tomou esa decisión e como se tomou esa decisión?”, querían saber os produtores. “Que dean a cara”.

Como se tomou a decisión de desconvocar?

Logo de máis de catro horas de conversas, cun intervalo dunha hora no que a asemblea centrouse en negociar co presidente de Gadis, aclarouse un pouco a situación. A decisión de desconvocar, concluiuse, foi tomada nunha reunión de representantes da Plataforma na que figuraban as catro organizacións agrarias e algúns gandeiros representantes dos seus concellos, ós que se lles dou entrada na Plataforma a partir da tractorada de Santiago, cando así se pedira en asemblea. Non se logrou concretar o número dos representantes dos concellos na asemblea do mércores en Lugo, pero si que se contaban cos dedos dunha man.

“A min poderanme pedir explicacións os asociados da Fruga, non os demais” (Manuel Da Cal)

Naquela reunión, a postura das catro organizacións agrarias e de boa parte dos representantes dos concellos foi unánime: desconvocar o bloqueo ás industrias e iniciar protestas ante a distribución, con Gadisa como primeira parada.

Antes da xuntanza da Plataforma para desconvocar, algunha das organizacións agrarias, caso da OPL, celebrou ademais unha reunión previa cos seus gandeiros para tomar a súa propia decisión particular. Cando na asemblea de onte, os gandeiros lle pediron explicacións ós diferentes representantes das organizacións polo desbloqueo, Da Cal, da Fruga, foi claro: “A min poderanme pedir explicacións os asociados da Fruga, non os demais”.

A resposta revela un dos problemas de fondo, as lagoas de representatividade da Plataforma do Sector Lácteo, cunha parte significativa de produtores mobilizados que non estaban representados na Plataforma ou que non se sentían parte da mesma.

Que motivou a desconvocatoria?
As organizacións agrarias argumentaron a conveniencia da desconvocatoria dos bloqueos das factorías en seis puntos:

1) Cadeas de distribución como Mercadona e Eroski anunciaron subas de 2 céntimos nos pagos que as súas industrias proveedoras lle deberían de trasladar ós gandeiros. Industrias como Leche Celta e Clas confirmaron ademais a súa intención de retirar os contratos asinados á baixa.

2) Presentarónse alegacións á proposta de acordo do Ministerio que foron ben recibidas, segundo as organizacións agrarias. “Hai un compromiso de que o prezo sostible que deben cobrar os gandeiros se referencie a un estudo de custos da Interprofesional Láctea. Ese estudo marcaba en maio un prezo sostible de 33,7 céntimos”, expón Santalla. “Se este compromiso non se cumpre, non asinaremos o acordo”.

As organizacións agrarias quixeron evitar o enfrontamento entre gandeiros partidarios e non partidarios da folga

3) Evitar o enfrontamento entre gandeiros. A gran maioría dos produtores que estaban á porta das factorías eran partidarios de continuar as protestas, pero entre os que quedaran na casa, tamén había unha maioría que non quería facer folga de entregas do leite e que quería que as industrias retomasen a recollida, segundo a opinión das organizacións agrarias. Outra parte dos produtores era partidaria de medidas de presión ante cadeas de distribución, non ante industrias.

4) Os bloqueos de Lugo esixían a participación de moitos gandeiros da Coruña, pois entre os produtores lucenses a mobilización foi menor. Considerábase complicado manter os bloqueos moitos días se tal situación non cambiaba.

5) Temor a posibles sancións e á intervención dos antidisturbios. Os bloqueos pecháronse sen sancións na maioría das factorías, a excepción das factorías de Lactalis en Vilalba e en Lugo (Puleva). Lactalis –que envasa con marcas como Lauki, Puleva ou President- denunciou ós gandeiros dos bloqueos por vía xudicial.

6) Presións políticas, empresariais e mediáticas para poñer fin ó bloqueo. Tanto a Plataforma como os gandeiros que estaban presentes nos bloqueos amosáronse en reiteradas ocasións descontentos do tratamento mediático, en especial no referente ás televisións públicas.

Por parte dos gandeiros participantes na asemblea de onte, cuestiónanse os logros anunciados polas organizacións agrarias. “Fomos alí buscar algo e saímos sen nada”, valoraba algún dos produtores. Cando se coñeza a proposta de acordo final do Ministerio de Agricultura, previsiblemente antes do mércores 23, día da sinatura, haberá máis elementos para valorar os logros dos bloqueos. O tempo dará e quitará razóns.

Una idea sobre “¿Todo para os gandeiros pero sen os gandeiros?

  1. Sócrates

    E como dixen noutro post, imaxe para a posteridade: Manolo Da Cal axudándolle co megáfono a Roberto Tojeiro.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información