Situación das viñas en Galicia: Boas previsións para a floración pero alerta pola elevada incidencia de black rot e mildiu

Repasamos a situación das viñas nas distintas DO´s de Galicia: As baixas temperaturas retrasaron ata agora a propagación do mildeu e do black rot, polo que co cambio de tempo que se prevé estes días será clave renovar os tratamentos. Aínda que é moi cedo, as previsións da campaña son boas grazas á ausencia de xeadas e a unha boa floración

Publicidade
Situación das viñas en Galicia: Boas previsións para a floración pero alerta pola elevada incidencia de black rot e mildiu

O black rot e o mildiu son os principais pesadelos para os viticultores en Galicia, quen deben estar vixiantes da expansión das enfermidades posto que a climatoloxía pode favorecer o seu desenvolvemento. Porén, a pesar de que hai bastante humidade, as baixas temperaturas que está a haber, principalmente polas noites, son o principal motivo polo que non se está a detectar unha grande incidencia de mildiu nin black rot nos viñedos, segundo indican dende os Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe. Agardan que estas enfermidades non causen máis dano que noutras campañas, a pesar de que as continuas choivas están provocando que se retrase a aplicación dos tratamentos.

Representantes das diferentes DO coinciden en que é pronto para indicar se a incidencia dos fungos vai ser moi alta nesta campaña, “pero as previsións son boas” e coinciden en que non será maior que noutros anos. Dende o Ribeiro sinalan que “diferentes fenómenos meteorolóxicos atacaron máis algunha zona que outras e nalgunha parcela xa se atoparon manchas de mildiu illadas”. No Valdeorras indican que lles constan algunha detección de manchas, “pero nada destacado con respecto a outros anos. Ben é certo que se soben as temperaturas, como se prevé, e se mantén este nivel de humidade pode haber unha maior incidencia”.

Pola súa banda, nas Rías Baixas o que máis detectan é black rot: “Temos constancia de que se están detectando manchas nalgún viñedo e nas fincas piloto que se atopan nesta zona. Non é nada alarmante, pero si que se debe estar moi alerta a partir de agora, cando veña o bo tempo”. O mesmo sucede na Ribeira Sacra, onde destaca algún brote de black rot, pero que está controlado. “Non se puideron aplicar os tratamentos correspondentes e o único que protexeu aos viñedos foron as baixas temperaturas”, indican e recalcan que a incidencia non é moi alta, pero insisten en que é necesario estar vixiantes.

Retraso na aplicación de tratamentos

Nestes momentos dende as DO inciden en que se aproveiten os claros para aplicar os tratamentos correspondentes ante os fungos, xa que se foron retrasando polas continuas choivas. Indican que os anteriores tratamentos xa están caducados e que “pode ser clave para frear a incidencia do mildiu e do black rot, principalmente, xa que se se aplican a tempo non causará problemas”.

Dende a Ribeira Sacra sinalan que “non se precisa moito tempo para aplicar os tratamentos, pero si que a climatoloxía dea unha tregua. Cónstanos que hai xente que aproveitou algúns claros para renovar os tratamentos e nestes días sabemos que hai xente aplicándoos. Aínda así, na nosa zona hai moita viticultura de fin de semana, polo que se nunha fin de semana non podes aplicar os tratamentos xa se retrasa outra semana máis e iso pode ser crucial”.

Prevén grandes producións

En canto a previsións de como será a vindeira campaña a maioría coinciden en que, polo momento, parece que será unha boa campaña. “En principio naceu bastante viño, está empezando a floración. Está no momento inicial co cal o tempo seco axudaría, pero hai que sempre contar co factor natureza, que a veces facemos previsións que logo cambian radicalmente”, indican dende a DO Ribeira Sacra. No mesmo sentido, dende o Valdeorras destacan que as previsións son “moi boas” e que están a agardar “como se desenvolverá a floración. As próximas semanas serán cruciais”. Na DO Rías Baixas realizan a estimación a mediados de xuño, “pero vese boa fertilidade e cremos que haberá bastante cantidade de uva”.

Polo contrario, dende o Ribeiro consideran “que aínda é moi cedo para poder facer algunha previsión en relación á colleita ou á vendima deste ano, pero podemos aventurarnos en dicir que haberá bastante desigualdade entre viticultores dependendo da zona ou do Concello onde teña situada a viña”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información