
Elio López e Daniel Pardo, cofundadores de Innogando, xunto ao director xeral de COVAP, Antonio Carmona
A Cooperativa Ganadera del Valle de Pedroches (COVAP) entra no accionariado de Innogando, a startup galega líder na innovación tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de solucións avanzadas para a monitorización do gando, e en cuxo accionariado se atopa tamén presente o grupo farmacéutico galego Zendal.
O obxectivo de COVAP con este investimento, o primeiro que fai destas características, é seguir apostando pola innovación e dixitalización do sector e das súas ganderías socias da man de Innogando e de RUMI, o colar intelixente de xeolocalización e monitorización de actividades que permite o seguimento en tempo real do comportamento do animal, axudando a identificar celos, partos, enfermidades temperás, localizacións en áreas extensas e zonas de pasto.
No accionariado de Innogando está tamén presente a farmacéutica galega Zendal
Innogando foi unha das finalistas de GEN_, o programa de Innovación Aberta que lanzou a cooperativa andaluza en 2022, cuxo obxectivo é que as startups formen parte da súa estratexia de innovación e modernización. A tecnoloxía desenvolvida pola empresa galega permite mellorar a produtividade das ganderías e contribúe a prácticas máis sostibles, aliñadas co necesario relevo xeracional no sector. A importancia para COVAP das solucións técnicas que ofrece Innogando radica na súa aplicabilidade tanto para o gando vacún de leite como para o de carne en sistemas extensivos.
Como destaca Antonio Carmona, director xeral de COVAP “Innogando, fundada por mozos gandeiros con profundo coñecemento da actividade, desenvolve produtos dixitais que responden as necesidades reais da gandería moderna, tecnificándoa e facilitando así a vida do gandeiro, achegándolle solucións prácticas e efectivas”.
Incremento paulatino da presenza en Galicia
O investimento nesta startup é un avance máis na aposta da cooperativa andaluza por Galicia, onde está presente desde o ano 2018 en Meira coa industria láctea Naturleite, que envasa uns 140 millóns de litros de leite da marca Hacendado para Mercadona, e a adquisición posterior en 2023 da fábrica de pensos, NaturRego.
COVAP é unha cooperativa agroalimentaria de primeiro grao fundada hai 65 anos para defender e mellorar a renda e a calidade de vida dos seus socios gandeiros, uns 2.000 cooperativistas neste momento. O Grupo COVAP, que facturou 1.040 millóns de euros en 2023, conta cun cadro de persoal de 1.294 traballadores e está presente en sectores como o lácteo ou o cárnico. Desde Andalucía foise estendendo nos últimos anos a outras comunidades como Estremadura, Castela e León (Lactiber), Cataluña (Làctia) ou Galicia (Naturleite), ademais de ter presenza en Reino Unido e EEUU.
Rumi, o ‘smartwatch’ para vacas instalado xa en máis de 20.000 animais de 5 países
Innogando, fundada fai agora catro anos, é unha empresa especializada en desenvolver tecnoloxía avanzada para a monitorización e localización do gando. O seu produto estrela, Rumi, é un smartwatch para vacas que permite a vixilancia en tempo real do comportamento animal, así como a súa localización.
Este colar intelixente conta con versións tanto para granxas intensivas como para ganderías extensivas, dotado neste caso dunha pequena placa solar incorporada que recarga a súa batería interna para que non sexa necesaria a súa substitución. Outra das vantaxes é o seu funcionamento mediante unha rede propia que garante a súa operatividade en zonas remotas ou de sombra nas que non existe cobertura de telefonía móbil.
Innogando está centrada en ofrecer solucións prácticas e efectivas para mellorar a eficiencia, rendibilidade e sustentabilidade no sector gandeiro
Rumi comezou a comercializarse no ano 2022 e está xa instalado en máis de 20.000 animais de 5 países: España, Portugal, Francia, Italia e México. A empresa está a dar pasos para incrementar a súa presenza en Latinoamérica, con proxectos en países como Paraguai. En 2023, Innogando alcanzou unha facturación de 1,5 millóns de euros, reflectindo o seu crecemento e aceptación no mercado.
A empresa conta cun cadro de persoal de 25 traballadores cunha alta cualificación técnica (veterinarios, enxeñeiros informáticos, enxeñeiros agrónomos) e está situada no Arneiro (Cospeito), onde se realiza todo o proceso de produción dos dispositivos.
COVAP aglutina o 90% do leite producido en Andalucía
Elio López, CEO e cofundador de Innogando, destaca a importancia deste acordo con COVAP. “Sabemos a importancia que ten a tecnoloxía para mellorar a rendibilidade e asegurar o relevo xeracional. Esta alianza permitiranos crecer e desenvolver novas solucións para o futuro da gandería”, asegura.
COVAP, con sede en Pozoblanco, controla preto do 90% do leite producido en Andalucía. Conta cunhas 300 ganderías lácteas socias na provincia de Córdoba, ás que se suman os 80 gandeiros granadinos da cooperativa Alba, tras romper hai un ano con Lactalis e culminar a súa integración en COVAP este mesmo mes de maio.