“Pasamos de ter que mercar xovencas todos os anos a poder vender os nosos excedentes de recría”

Labajo Luis SC é unha das 11 ganderías de Paradinas de San Juan, o municipio con máis produción de leite da provincia de Salamanca. Os irmáns Jesús, Santiago e Alberto Díaz Muñoz empezaron a cruzar as súas vacas frisoas hai 7 anos. Hoxe fano tamén outras granxas do pobo

Jesús Díaz Muñoz, junto a las vacas de su explotación en Paradinas de San Juan

Jesús Díaz Muñoz, xunto coas vacas da súa explotación en Paradinas de San Juan

Paradinas de San Juan é a Santa Comba de Salamanca. O pobo, de 394 habitantes, conta con 3.200 hectáreas agrícolas e 2.300 vacas leiteiras, as que suman en conxunto as 11 explotacións que rodean o pobo.

A provincia de Salamanca produciu o ano pasado 46 millóns de litros de leite de vaca, o 5,2% da produción total de Castela e León (893 millóns de litros) e 4 de cada 10 litros foron muxidos neste municipio da comarca de Peñaranda.

Catro de cada 10 litros de leite que se producen na provincia de Salamanca saen de Paradinas de San Juan

Os 50.000 litros diarios que saen das granxas paradinenses garántenlles a recollida do leite. A Paradinas acoden a subministrarse diariamente os camións cisterna de empresas como Leite Celta, Pascual ou Entrepinares. Labajo Luis SC, por exemplo, entrega á queixería de Valladolid, que traballa para Mercadona.

Vacas procross

Todas as vacas desta gandería son cruzadas, do mesmo xeito que ocorre noutras granxas do pobo, xa que hoxe en día polo menos outras 6 explotacións de Paradinas están tamén inseminando con touros de raza montbeliard e rojo sueco as súas vacas frisoas (chamadas suízas nesta zona).

A explotación dos irmáns Jesús, Santiago e Alberto Díaz Muñoz trouxo as primeiras procross de Portugal en setembro de 2017 e as demais ganderías non tardaron en imitar a súa estratexia xenética.

Pasou o mesmo cos robots de muxido ou con outras novidades. Compartir eses avances failles mellorar a todos e é tamén a filosofía que utiliza o método Procross, un sistema de cruzamiento rotacional no que cada raza achega o mellor de si mesma: a holstein produción, a montbeliard condición corporal e fertilidade e a roja sueca trazos de saúde, por exemplo en ubres ou patas.

Os gandeiros comparten os avances que cada un fai na súa granxa cos demais para que o resto de ganderías tamén poidan beneficiarse desas melloras

Esa camaradería nótase no bar Quinto, situado na praza principal, fronte á igrexa e á Casa Consistorial, e centro neurálxico da vida social. Alí mentres ven a corrida de touros que botan pola tele, os veciños comentan como vai a colleita de alfalfa ou de millo e os prezos das ofertas das industrias para comprarlles o leite os próximos meses.

Mellora da rendibilidade

LABAJO LUIS SC (Salamanca) vacas producion procross

A granxa dos Díaz Muñoz cobrou o leite entregado en abril a 48 céntimos pero para maio e xuño o prezo baixará 1,5 e 0,5 céntimos respectivamente. Sumando as primas por calidades redondearán o prezo final por enriba dos 50 céntimos, xa que contan cunha porcentaxe de graxa do 4,09% e de proteína do 3,55%. “Esas calidades non as consegues coas frisoas e quédaste no prezo base”, argumenta Jesús.

Os 50.000 litros diarios que producen en conxunto as 11 granxas do municipio garántenlles a recollida do leite

“Para nós a situación cambiou por completo ao pasarnos ás vacas cruzadas. Antes tiñamos que comprar xovencas todos os anos porque as vacas durábannos moi pouco, a media era un parto, e non nos chegaba a nada a nosa recría. Traiamos moitas xovencas de Francia e eran boas vacas, pero de moi pouca duración. Agora temos animais de 8 partos producindo leite e podemos vender as tenreiras que nos sobran”, explica Jesús.

Temos vacas con 7 partos dando 62 litros; non te podes desfacer deses animais

Nos últimos tres anos venderon dous camións de xatas próximas ao parto, uns 50 animais, a ganderías galegas e hoxe teñen xa outras 40 dispoñibles, para as que non teñen sitio na nave de produción. “Temos aínda algunha das vacas que viñeron de Portugal. Unha pariu hai un mes, é a súa sétima lactación e está a dar 62 litros. Non te podes desfacer desas vacas”, insiste en referencia á posibilidade de facer algún descarte para dar entrada ao excedente de xovencas no rabaño.

A media de produción móvese entre 39 e 40 litros por vaca e día cun 4% de graxa e un 3,5% de proteína

A media de produción desta gandería móvese entre 39 e 40 litros por vaca e día. “Ao principio o meu irmán Alberto non estaba do todo convencido cando trouxemos de Portugal as primeiras procross e as baixamos aquí do camión, pero hoxe estamos moi contentos co cambio. Nós coas frisoas nunca chegaramos aos 40 litros de media”, recoñece.

“Para min as vacas cruzadas son mellores que as holstein puras. Nós temos xovencas procross de 40 e 50 litros en primeira lactación e vacas de segundo parto que pasan dos 60 litros”, indica.

Reprodución

Vaca cruzada trihíbrida de segundo parto, con 43 días en lactación y una producción de 63 litros diarios

Vaca cruzada trihíbrida de segundo parto, con 43 días en lactación e unha produción de 63 litros diarios

De xuño a setembro manteñen en funcionamento o sistema de ventiladores e aspersores da nave para mellorar o confort térmico do gando e evitar tanto a baixada de produción de leite como a caída nos índices reprodutivos. “Nótase menos o descenso de produción e reprodución nas vacas cruzadas que nas frisoas puras”, aseguran.

A taxa de preñez na actualidade é do 21% (cunha fertilidade do 35-40%) pero fai tan só 7 anos situábase en menos da metade. A mellora reprodutiva, sumado ao aumento da lonxevidade no rabaño, fai que a granxa estea desbordada de recría.

Inseminan ás xatas aos 15 meses e non utilizan seme sexado

“Levamos xa 400 tenreiras procross recriadas en 7 anos”, conta Jesús. E iso que non están a utilizar seme sexado, de modo que os machos que saen son vendidos para carne e as femias recriadas.

As xatas son inseminadas aos 15 meses. “José Antonio, o noso veterinario, dinos que hai que inseminar antes pero eu creo que se nota o feito de inseminar un pouco máis tarde á hora de entrar en produción porque son animais máis desenvolvidos e o custo da alimentación das xovencas é máis baixo, porque está baseado en forraxe e palla principalmente”, argumenta Jesús.

Utilizan colares de detección de celos, que colocan ás tenreiras ao cumprir o ano de vida e unha vez preñadas pasan a un lote no que poden saír ao exterior, ao igual que as vacas secas.

Instalación de robots de muxido hai 5 anos

Una de las vacas llegadas de Portugal en 2017 y que todavía continúan en la granja produciendo leche, en este caso con 62 litros de media en 7ª lactación

Unha das vacas chegadas de Portugal no 2017 que segue na granxa, con 62 litros de media na 7ª lactación

O pai dos tres irmáns Díaz Muñoz empezou a producir leite con 8 vacas. Eles foron ampliando o número de cabezas até que fai 17 anos decidiron facer unha nave nova nas aforas do pobo.

Hoxe contan con 119 vacas en muxido tras acometer a última ampliación, unha terceira fila con 50 cubículos máis. Foi hai 5 anos, cando instalaron dous robots de muxido coa intención de modernizar a granxa e facer fronte á escaseza de man de obra no sector.

Hai 8 anos valoraron vender a granxa ao non ser rendible; hoxe prefiren reducir traballo agrario e quedar coas vacas

Jesús está xa xubilado e Santiago é o próximo en facelo, pero a Alberto aínda lle quedan 10 anos. Teñen tamén un traballador contratado e están a valorar distintas posibilidades unha vez que se xubile Santiago. “Veremos o que facemos, ou ben quitamos vacas ou ben deixaremos terras, en función do que sexa máis rendible. A granxa vai rodada, polo que posiblemente reduzamos traballo agrario”, argumenta Jesús. Esa decisión era impensable hai 8 anos, cando estiveron mesmo valorando vender a granxa ante a desesperación de pelexar con animais pouco fértiles e moi fráxiles.

200 hectáreas de superficie

LABAJO LUIS SC (Salamanca) alfalfa

Ademais de atender ás vacas, eles mesmos realizan a maior parte do traballo agrícola (salvo picar e transportar para o silo, que é algo que subcontratan) nas 200 hectáreas agrícolas coas que contan (unha parte delas, ao redor do 50%, alugadas). Nelas producen distintos tipos de forraxes cos que alimentar ao gando, como silo de herba, silo de millo e feno de alfalfa.

O ano pasado tivemos que comprar 100.000 quilos de alfalfa e pagámola a 400 euros a tonelada

De alfalfa teñen 9 hectáreas, nas que fan tres cortes. Despois de 5 anos levántana. É insuficiente para o consumo que teñen na ración durante todo o ano e o ano pasado tiveron que comprar uns 100.000 quilos de alfalfa a maiores. “Pagámola a 400 euros a tonelada e este ano está a 160-170€”, detalla.

O custo do regadío

O millo seméntano no mes de maio para colleitalo a finais de agosto ou principios de setembro. Logran producións medias, un ano con outro, dun 80.000 kg por hectárea, pero todo iso a base de regar, do mesmo xeito que a alfalfa. Por iso, evidencia Jesús, “o custo da alimentación en Galicia é moito máis barato que aquí”.

Regar o millo desde xuño a finais de agosto supón un custo duns 2.000 euros por hectárea

“A produción que logramos é a base de regar e regar, pero iso ten un custo moi elevado. Desde xuño a finais de agosto o millo temos que regalo todos os días. Son máis ou menos uns 2.000 euros por hectárea só regar o millo. Temos pozos de sondaxe propios para extraer a auga, pero despois hai que bombeala e mover o pivote para regar e o motor consome 17 litros de gasóleo á hora”, detalla.

Para tratar de reducir os custos de produción agrícola, Labajo Luis SC tenta aproveitar ao máximo o poder fertilizante do xurro e o esterco xerado na propia explotación, aplicándoo con cisterna de tubos colgantes, e é unha das 20 ganderías que subministrarán materia prima á planta de biogás que se prevé instalar en Cantaracillo. Inicialmente a localización desta instalación estaba prevista en Paradinas, pero a protección ambiental coa que conta o municipio, declarado zona de Rede Natura, impediu o seu desenvolvemento e obrigou a buscar unha localización alternativa.

“Fálase moito do benestar animal, pero para mín un elemento esencial é o benestar do gandeiro”

Lote de novillas y vacas secas que tienen la posibilidad de salir al exterior

Lote de xovencas e vacas secas, que teñen a posibilidade de saír ao exterior

José Antonio Veigas leva 35 anos exercendo como veterinario e é a referencia para moitas das ganderías da zona. Encárgase da parte clínica e reprodutiva pero ademais de atender ás vacas trata de coidar tamén o máis posible ao gandeiro.

“O benestar animal está ben pero o benestar do gandeiro é esencial nunha granxa. Para min iso ten máis valor que os propios datos. Porque nunca se logará resolver o problema de relevo que hai no sector se a xente non está cómoda nas explotacións”, argumenta.

Paradinas de San Juan é o municipio con máis vacas leiteiras da provincia de Salamanca

Labajo Luis era unha desas explotacións. “Estaban moi queimados coas vacas, era unha granxa con serios problemas, por unha suma de distintos factores, e que case daban por perdida. Hoxe, pola contra, é unha gandería estable e rendible e hai un ambiente moito máis relaxado na explotación”, compara.

A holstein pura pásache factura de forma inmediata e xera máis estrés no gandeiro

“O ir a máximos xera máis estrés, tanto nos animais como nos gandeiros. Dependes de boas materias primas para a ración de alimentación e dun manexo exquisito porque a holstein pura pásache factura de forma inmediata. O sistema de cruces dáche un pouco máis de marxe de erro porque a curva de lactación é distinta e a condición corporal tamén”, argumenta.

Menos patoloxías, medicamentos e hormonas

“Temos menos incidencia de cuallares, antes operábanse moitísimos, e tamén hai menos mamites e problemas metabólicos. Os animais cruzados son moito máis resistentes, xa só pola condición corporal, que lles achega maior fortaleza”, asegura.

Cun uso de medicamentos cada vez máis restritivo, contar con animais máis sans e fértiles é unha garantía para poder cumprir cos novos límites impostos pola normativa ás explotacións gandeiras.

Agora picamos moi poucas vacas, non necesitamos facer sincronizaciones sistemáticas coma antes

“O uso de antibióticos está xa moi restrinxido e as hormonas será o seguinte paso”, advirte José Antonio. “O maior cambio que tivemos nesta granxa son os protocolos reprodutivos. Agora pínchanse moi poucas vacas; hoxe non necesitamos facer sincronizaciones sistemáticas e os resultados melloraron, pero antes non nos quedaba outra, porque a taxa de preñez era do 10% naquel momento”, explica.

Pero recoñece que “en 4 ou 5 anos cambiou por completo a dinámica da granxa”. Á chegada de vacas cruzadas, “que son animais máis fértiles e con mellor condición corporal”, insiste, uniuse a incorporación dos robots de muxido e os sistemas asociados de monitorización do gando, o que contribuíu a mellorar a detección de celos na explotación.

Rabaño homoxéneo

Os animais procross que Labajo Luis SC trouxo de Portugal procedían de ganderías que levaban xa anos seguindo o sistema de cruzamientos coas tres razas, polo que moitas das xovencas que chegaron á explotación viñan xa coas tres sangres: holstein, montbeliard e vermella sueca.

“Para min, a maior dificultade neste sistema é a transición, os anos necesarios para lograr vacas trihibridas na propia granxa cando empezas a cruzar, porque ao principio poden saír animais máis dispares a nivel produtivo e moi desiguais morfoloxicamente. Neste caso, ao comprar xatas que xa completaran todo o ciclo de cruces, deron un salto de 8 ou 10 anos sen ter que pasar ese proceso”, destaca.

Antes tiñan que comprar recría continuamente, con todo o risco que supón meter gañado de fóra

Derivado da mellora na fertilidade e na lonxevidade das vacas, ademais de non necesitar comprar recría, tamén houbo efectos na produción de leite. “O atraso reprodutivo nótase tamén na produción porque as lactacións alónganse, muxindo vacas con moitos días en leite, e porque a necesidade de facer descartes obriga a meter xovencas, con menor produción media que as vacas adultas”, explica.

Aínda que Labajo Luis sempre tivera niveis altos de sólidos, foron capaces de conservalos ao aumentar a produción, axudados pola achega da raza montbeliard. “Manter a graxa e a proteína é máis difícil cando sobes a media”, admite José Antonio.

Reportaxe elaborada coa colaboración de Global Genetics.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información