Sindicato Labrego e Fruga alertan de que o reparto das axudas da próxima PAC dentro de España vai perxudicar a Galicia

Sindicato Labrego e Fruga alertan de que o reparto das axudas da próxima PAC dentro de España vai perxudicar a Galicia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) veñen de emitir senllos comunicados nos que alertan de que Galicia pode sair especialmente prexudicada dentro do Estado español no reparto dos fondos da nova PAC 2021/2027, cuxo orzamento xa experimentará un recorte do 12,2% (804 millóns de euros menos ao ano no caso de España).

Asemade, botan en falta unha postura da Consellería de Medio Rural para defender os intereses das pequenas e medianas granxas galegas. No caso do Sindicato Labrego advirten de que “o importe de fondos para Galiza depende desa menor asignación para o Estado español, pero depende aínda máis de como se repartan dentro do Estado Español eses fondos cumprindo cos Regulamentos que se aproben na Unión Europea”.

Sindicato Labrego: “As explotacións que cobran máis de 100.000 euros, seguirán cobrando moito”

Neste sentido, critican que no acordo para a nova PAC acadado en Bruxelas hai dous aspectos que resultan prexudiciais para os intereses galegos. Son o capping, ou límite de pagos, “que empeora con respecto á proposta inicial , pois será voluntario para os Estados, e a partir dos 100.000 euros , só para a axuda básica á renda e coa posibilidade de restar custes laborais”.

“Isto significa que teremos menos fondos pero as explotacións que cobran moito, seguirán cobrando moito: no Estado imos seguir tendo perceptores de PAC de varios millóns de euros. Na Galiza, que cobren máis de 100.000 euros de pago básico hai dúas explotacións. É dicir, o 20% dos perceptores van seguir cobrando o 80% dos fondos e xa veremos se non hai concentración aínda maior polo seguinte punto”, denuncian dende o Sindicato Labrego.

Outro punto do acordo da nova PAC, que segundo o sindicato prexudicará a Galicia é a converxencia dos pagos directos por hectárea. “Din que no ano 2022 todos os Estados membros terán un nivel de polo menos 200 euros por hectárea e todos os Estados membros alcanzarán polo menos 215 euros por hectárea en 2027. Neste caso, Galiza perde sempre dentro do Estado e dentro de Europa, porque ten unha porcentaxe Superficie Agraria Útil das máis baixas do Estado e de Europa e dentro desa SAU temos moitas hectáreas que non cobran PAC neste momento e temos unha superficie media por explotación moi baixa. Por estas peculiaridades galegas, esta converxencia dos pagos directos pode ser extraordinariamente negativa na Galiza posto que o pago por hectárea vai sufrir bastantes variacións para adaptarse á converxencia e vai significar outro reparto de fondos distinto por rexións dentro do Estado”, explican dende o Sindicato Labrego.

Ante esta situación, a diagnose da organización agraria é que “todo apunta a que vai seguir sendo o mesmo pero peor: probablemente as pequenas explotacións cobren menos aínda porque, por un lado temos menos fondos, e ademais, polo que deixan ver eses dous puntos, as grandes explotacións queren seguir cobrando o mesmo e están facendo o posible para que nada cambie. Iso sí, todo revestido de loita contra o cambio climático e sostibilidade medioambiental cando é este sistema agroindustrial promovido pola PAC e destinado á exportación o que contribúe realmente ao cambio climático”.

Fruga: “O Estado español prioriza no reparto das axudas da PAC aos grandes propietarios”

Dende a Federación Rural Galega (FRUGA) lembran que “o 80% das axudas da PAC no Estado español son cobradas soamente polo 20% dos e das beneficiarias, pola contra o 80% de beneficiarias téñense que conformar co 20% do orzamento, unha distribución a todas luces inxusta”.

“Sendo o Estado español o segundo estado da UE que mais orzamento recibe das axudas da PAC após o estado francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos mais baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria”, critican dende a organización agraria.

Neste sentido, na FRUGA reclaman que os apoios do primeiro piar da PAC (axudas directas á actividade agrogandeira) “teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan o 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas maos de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión”.

Ademáis, lembran que “moitos e moitas profesionais agrarios non receben ningún apoio dos orzamentos da PAC, por exemplo a maioría de quen na Galiza se dedica a horta ou a viticultura, unha situación que o novo Plano Estratéxico do Estado español ten de solucionar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información