Gandeiros e agricultores recibirán un 12% menos de axudas europeas na próxima PAC 2021-2027

Ministerio de Agricultura e organizacións agrarias valoran de forma desigual o acordo sobre o orzamento da Unión Europea para os próximos anos, que contempla un recorte para España duns 800 millóns de euros anuais

Gandeiros e agricultores recibirán un 12% menos de axudas europeas na próxima PAC 2021-2027

O 40% das axudas directas da PAC estarán condicionadas a accións para mitigar o cambio climático

Baile de cifras sobre canto percibirán de axudas da PAC os gandeiros e agricultores europeos no próximo período 2021-2027. Mentres que o Ministerio de Agricultura defende que España recibirá os mesmos fondos que na anterior programación 2014-2020, organizacións agrarias como o COAG advirten de que co acordo orzamentario da Unión Europea alcanzado esta madrugada en Bruxelas supón un recorte dun 12% nas axudas europeas a agricultores e gandeiros -uns 800 millóns menos ao ano no caso de España-, a mesma porcentaxe de recorte aproximadamente que supuñan as achegas do Reino Unido ao orzamento comunitario, e que se esfumaron co Brexit.

Porén, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación,Luís Planas, insistiu hoxe en que “a PAC 2021-2027 contará con máis de 50.000 millóns de euros en España, 47.500 millóns de euros procedentes da UE máis os fondos achegados polas administracións central e autonómicas”.

“España logrou a súa prioridade de manter a mesma contía de fondos para agricultores e gandeiros na Política Agraria Común (PAC) que no período anterior. Así, o sector agrario español recibirá 47.500 millóns para o próximo período orzamentario, uns 6.800 millóns anuais que se inxectan ao sector, no que temos uns 700.000 perceptores -27.000 en Galicia-”, desagregou.

O ministro calcula que este paquete orzamentario superará os 50.000 millóns de euros, ao sumar as achegas do Estado e das comunidades autónomas. Ademais, contará, con achegas adicionais do fondo de recuperación da UE e do Plan Nacional de Investimentos e Reformas.

Luís Planas tamén lembrou que os próximos regulamentos da PAC non entrarán en vigor até 2023, pero que até entón ábrese un período transitorio no que se seguirá actuando coas normas actuais e co orzamento novo.

Para os novos regulamentos, reiterou a súa confianza en que antes de final de ano se acade un acordo respecto da futura PAC. En referencia ao pacto nacional sobre a aplicación do plan estratéxico, lembrou que o vindeiro xoves, día 23, convocou a unha reunión aos conselleiros e conselleiras das comunidades autónomas. O obxectivo é realizar unha primeira aproximación sobre a aplicación da PAC en España e que espera consolídese cun acordo no outono.

COAG: “O recorte en termos reais do 12% dos fondos agrícolas dificulta afrontar as maiores esixencias do Paquete Verde e a crecente competencia desleal das importacións”

Sen embargo, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) considera “inaceptable e insuficiente” o acordo alcanzado polos Xefes de Estado e de Goberno para o marco financeiro da UE durante o período 2021-2027.

“Os números revelan a hipocrisía e incoherencia da UE; políticas de escaparate verde que acaban sendo financiadas polos profesionais agrarios e menos apoio aos nosos produtores á vez que se asinan acordos de libre comercio con terceiros países, porta de entrada de importacións que non cumpren cos estándares de calidade, seguridade alimentaria, respecto medio ambiente e benestar animal da UE, e caldo de cultivo para a competencia desleal e a presión á baixa dos prezos no campo”, subliñou Miguel Blanco, Secretario Xeral de COAG.

E é que segundo o COAG, o acordo final dos 27 recolle un descenso do gasto agrario en termos reais (-12,2%), máis drástico no capítulo de desenvolvemento rural (-19,7%) que no piar de axudas directas da PAC ( -9,6%).

A análise comparativa realizado pola COAG cuantifica este recorte en 47.000 millóns de euros (repartidos en 7 anos) respecto ao marco financeiro 2014-2020. A perda anual a nivel comunitario ascendería a 6.700 millóns de euros, dos que 804 millóns € corresponderían a España, dado que a participación española nos fondos agrarios é do 12%.

NOVA PAC COAGFonte: Elaboración dos SSTT de COAG a partir dos cadros financeiros oficiais da UE

Ademais, advirte dun recorte do 50% nos fondos New Generation, que se inclúen na partida de Desenvolvemento Rural para afrontar a transición verde de Europa. “Esta partida pasa dos 15.000 millóns que recollía a proposta de partida da Comisión Europea aos 7.500 finalmente aprobados, nun acordo que recolle que o 40% das axudas directas da PAC estarán condicionadas a accións para mitigar o cambio climático”, subliñan desde o COAG.

UPA cre que os recortes na PAC poden liquidarse cunha repartición nacional máis xusto

Desde a Unión de Pequeños Agricultores (UPA) tamén desmenten a información do Ministerio e estiman que os recortes na PAC, tanto no primeiro como no segundo piar, roldarán o 10% para o período 2021-2027.

UPA cree non obstante que “hai que mirar máis aló das cifras, e deseñar agora unha repartición máis xusta e máis social dos fondos que cheguen de Europa”.

“A pelota estará agora no tellado dos estados membros que deberán definir un Plan Estratéxico que artelle un esquema de axudas que sente as bases de futuro para a agricultura e a gandaría españolas”, defenden.

Nesa repartición, UPA cre que é fundamental que se rebaixe o teito de axudas por explotación e que se quiten as axudas aos sectores que non o necesitan, como as producións superintensivas, e se destinen a apoiar aos que si requiren de axudas para saír adiante. Ademais, a organización pedirá que os montantes do fondo de recuperación que cheguen a España se destinen tamén aos sectores agrogandeiros que peor o están a pasar pola COVID-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información