SAT Romepen, unha explotación centrada en atender o gando

Ubicada na parroquia da Pena, en Sarria, esta gandería manda as xatas pequenas ao centro de recría da cooperativa Aira, que lle sirve tamén diariamente a ración para as vacas en produción. Miguel e a súa irmá Lorena veñen de modernizar as instalacións coa colocación de tres robots de muxido para centrarse en coidar dos animais

Miguel, na nave de produción, ubicada no lugar de Rosende, que pertence ao municipio de Sarria

Miguel, na nave de produción, ubicada no lugar de Rosende, que pertence ao municipio de Sarria

“Tiñamos unha sala de 10 puntos que tiña máis de 20 anos, ía moi ben e era rápida, pero quedaba pequena. Era poñer unha sala nova ou meternos aos robots”. Así xustifica Miguel Fernández Leizán a súa decisión de instalar tres robots de muxido na súa explotación, SAT Romepen, ubicada no lugar de Rosende, pertencente ao concello de Sarria pero raiando xa co de Samos.

Miguel incorporouse no ano 2011 a esta SAT formada no ano 1989 por catros socios do pobo e que desde fai catro anos é unha gandería familiar, ao quedar con ela o seu pai José Ramón e a súa nai Orieta. Agora vén de incorporarse tamén a súa irmá Lorena, aproveitando para ampliar e modernizar as instalacións.

Con 320 cabezas totais, teñen 155 animais en produción neste momento, pero esperan estar muxindo nuns meses, por xaneiro e febreiro, entre 170 e 180 vacas, completando practicamente deste xeito a capacidade dos tres robots. “A nosa idea é medrar ata poñernos entre 180 e 200 vacas en produción, xa veremos o número que somos capaces de meterlle aos robots”, indican.

Ampliaron o establo coa construción da terceira fila de cubículos

O ano pasado ampliaron o establo coa construción da terceira fila de cubículos

Un crecemento planificado que comezou fai dous anos, no mes de novembro de 2018, coa construción dunha nave para a recría. “Fixémola para poder sacar as becerras da nave de produción de cara a facer a ampliación”, explica Miguel. Logo veu a construción da terceira fila de cubículos no verán de 2019 para poder acoller o aumento do número de cabezas en produción e a instalación dos tres robots, os dous primeiros no mes de setembro do ano pasado e o terceiro en febreiro deste ano.

“Os dous primeiros puxémolos no lote das vacas de segundo e terceiro parto e durante eses meses muxiamos as multíparas nos robots e seguiamos muxindo na sala ás primeirizas ata que instalamos o robot delas. Pero nin as vacas nin as novillas, unha vez que empezaron no robot, volveron muxirse á sala”, conta.

Boa adaptación aos robots

Robot no lote de primeirizas, con entrada frontal e tráfico libre

Robot no lote de primeirizas, con entrada frontal e tráfico libre

A adaptación ao novo sistema de muxido automatizado foi boa, di Miguel. “Era algo que non me asustaba, porque sabía que había que ter moita paciencia porque tiñan que adaptarse as vacas ao robot e tamén nós a outra maneira de traballar e a outro manexo distinto. Pero se o facías ben na sala non tes por que facelo mal cos robots”, argumenta.

Mantiveron o sistema de dous lotes nos que xa tiñan repartido o gando cando muxían na sala. “Fai anos empezamos facendo un lote de alta produción e outro de baixa porque as vacas saían a pacer e no 2011 cando fixemos o cambio á ración húmida comezamos cos dous lotes actuais, un de primeirizas e outro de adultas. Fora unha boa decisión dividilas así, porque deste xeito non hai vacas que tenten abusar das máis pequenas, que están máis relaxadas. A nós foinos ben así e decidimos mantelo nos robots”, explica.

Hai que ter paciencia pero se o facías ben na sala non tes por que facelo mal cos robots

No lote das primeirizas a entrada ao robot é frontal e están en tráfico libre. “As xovencas son máis vivas e curiosas e tamén máis áxiles e adáptanse moito mellor, entran desde o primeiro día”, di. Pero os dous robots instalados na zona das multíparas están situados en posición lateral e con selección previa. “A sala de espera axudounos moito na adaptación, porque o sistema selecciona previamente a cal lle toca muxirse e que vaca non ten que entrar”, indica.

O modelo de robot polo que optaron, un GEA Monobox R9500, que permite facer colocación manual das pezoneiras, permitiulles non ter que facer moitos descartes de animais na transición ao muxido automatizado. “Vacas que tiñan os tetos xuntos, por exemplo, aproveitámolas durante esa lactación e despois non as volvimos reproducir”, conta.

Penalización na reprodución por mor das obras

Lote de preparto. Neste momento están muxindo animais con moitos días en leite por un desaxuste na fertilidade o verán pasado

Animais no lote de preparto. Neste momento están muxindo vacas con moitos días en leite polo desaxuste que tiveron na fertilidade o verán pasado

Pero malia que a adaptación aos robots foi boa, seguen arrastrando aínda hoxe problemas derivados das obras que foi necesario acometer no establo tanto para ampliar a zona de cubículos como para instalar os robots. “Estamos neste momento cos días en leite moi altos, cunha media de 210 días, cando sempre estabamos en 170. As obras coincidiron co verán e a fertilidade baixou moito. Este ano nos meses do verán andivemos nunha media do 40%, pero o ano pasado baixamos á metade, ao 20%, e iso é algo que nunca o pagas no momento, estámolo pagando agora, un ano despois, porque quedaron moitas vacas retrasadas na reprodución”, indica Miguel.

Notámolo na reprodución, porque a taxa de fertilidade caeunos á metade o verán pasado, e estamos pagando agora as consecuencias

Ademais de estar muxindo neste momento un número de animais que está por debaixo da capacidade total dos robots, as vacas que están dando leite están paridas de máis tempo e iso nótase na produción. “Estamos nunha media de 38 litros por vaca e día, por debaixo aínda da produción que tiñamos cando muxiamos na sala, que estabamos entre 39 e 40 litros de media en tanque con dúas muxiduras. Pero en canto logremos estabilizar a reprodución contamos superar esas cifras. Co robot a intención é subir entre 3 e 4 litros unha vez pasado o periodo de adaptación e a volta á normalidade en canto á fertilidade”, di.

Estamos cos días en leite moi altos porque temos 20 vacas que no canto de estaren no pico de produción están en cola de lactación

Agardan moitos partos nos vindeiros meses pero, mentres tanto, están aguantando animais que doutro xeito terían pasado xa ao lote de vacas secas. “Temos neste momento 20 vacas que en vez de estar no pico de produción están en cola de lactación, pero como temos sitio nos robots estamos aguantando vacas sen secar que noutras circunstancias xa estarían secas. Nunca me gustou secar moi cedo, acostumo aguantalas bastante para reducir os días de secado e tratar de maximizar a rendibilidade do rabaño. Secamos normalmente dous meses antes de parir, nunca antes”, detalla.

Instalación dun tanque vertical de 25.000 litros

SAT Romepen (Sarria) tanque 25.000 litrosCos robots folgados, como están neste momento, o número de muxiduras diarias sitúase en medias de 2,8 e 2,9 muxiduras por vaca, pero Miguel non espera que eses parámetros empeoren en canto lle empecen a parir vacas. “Cada robot ten case 4 horas libres ao día, así que estou tranquilo niso porque sei que van ter capacidade para facer fronte á maior demanda que imos ter coas vacas recén paridas”, di.

Estou tranquilo, sei que imos subir en canto normalizemos a reprodución. A idea é estar entre 3 e 4 litros por enriba da produción que tiñamos cando muxiamos na sala

Instalaron tamén un tanque vertical de 25.000 litros de capacidade que comezou a funcionar cando o fixeron os robots e entregan o leite a Río desde fai catro anos. “Estiveramos xa con eles 17 anos, despois botamos 3 en Lactalis e agora volvimos a Río”, conta. En canto a calidades, no inverno teñen medias do 3,80% de graxa e 3,30% de proteína e baixan no verán ao 3,50% de graxa e 3,20% de proteína.

Cambio a cama de carbonato e serrín

Cama cun 60% de carbonato e un 40% de serrín

Ao poñer os robots cambiaron a cama de area a unha mestura cun 60% de carbonato e un 40% de serrín

Ademais do tanque, os robots e a ampliación da nave, a modernización das instalacións incluíu a construción no ano 2016 dunha fosa de purín con capacidade para 2,3 millóns de litros, que se suma á que xa tiñan para 1,5 millóns de litros de xurro.

Outro dos cambios que introduciu SAT Romepen foi no material empregado nas camas. “Desde que eu me incorporei no ano 2011 cambiáranse os cubículos, que estaban en palla, e pasáranse a area e agora volvimos ao carbonato con serrín. Para as vacas é mellor a area, pero por desgaste de pasillos e robots decidimos pasar a carbonato. O que imos facer é volver raiar os patios para evitar que as vacas esvaren. Antes tiñamos o seguro de accidentes, pero sacámolo ao meter a area porque non caía ningunha e non facía falta”, explica Miguel.

A mestura de carbonato con serrín sae un pouco máis cara que a area pero tamén o aforras nas terras porque non hai que encalar

Nas camas empregan agora unha mestura co 60% de carbonato e o 40% de serrín. “Non temos problemas de mamites nin de células, e iso que lle tiñamos medo polo estrés que sempre se xera no gando polas obras e os cambios, pero movémonos entre 150.000 e 170.000 células. Como cama é expectacular pero sae algo máis cara que a area, pero tamén o aforras nas terras porque baixa o PH e non fai falta encalar coma antes”, razoa.

Datos que permiten atallar antes os problemas

Os robots permítenlles ter datos de inxesta, rumia ou celos, dos que non dispoñían antes ao non contar cunha sala informatizada

Os robots aportan datos de inxesta, rumia ou celos, dos que non dispoñían antes ao non ter a sala informatizada

Nesta explotación traballan catro persoas: Miguel, Lorena, súa nai Orieta e un empregado. A instalación dos robots permitiulles aforrar en man de obra, xa que antes da incorporación de Lorena traballaba na gandería o seu pai, José Ramón, agora xa xubilado, e dous empregados.

Ademais de reducir persoal, o novo sistema permítelles ter un horario máis flexible. “Madrugamos menos, antes muxiamos ás seis e media da mañá e agora estamos chegando sobre as oito porque case non temos retrasos ao non estar saturados os robots”, explica.

Evitas enfermidades post-parto como a cetose e deste xeito as vacas non perden quilos nin produción

Outra das vantaxes que Miguel lles ve aos robots son os datos que aportan. “Nós viñamos dunha sala sen informatizar e agora os robots permítenos ter datos individualizados de inxesta, rumia, celos ou inactividade. Tamén é moi cómodo para non ter que monitorizar as vacas de postparto e problemas como os de cetose logras atallalos moito antes e deste xeito as vacas non perden quilos nin produción”, asegura.

Alimentación mediante cátering

Nave de xovencas coa ración seca que lles sirve Aira

Nave de xovencas chegadas do centro de recría de Castragude coa ración seca que lles sirve Aira

SAT Romepen é unha das 40 ganderías socias que alimentan o seu gando coa ración húmida que lles sirve diariamente a cooperativa Aira desde a planta de forraxes que ten en San Xulián da Veiga. A escaseza de superficie agraria e as malas condicións para o cultivo de millo nesta zona levaron a esta explotación da Pena a introducir o cátering para as vacas en produción no ano 2011.

“Contamos con 58 hectáreas en total na PAC, das que só unhas 15 son propias e non podemos botar millo porque non é unha boa zona para iso e o millo é un cultivo que onde non se dá ben non se pode botar porque non compensa”, explica Miguel. A ración das vacas de leite sáelles a 12,8 céntimos por quilo e o penso que suplementa o robot, uns 4 quilos e medio, a 25,8 céntimos o quilo máis IVE, detalla. Aira lévalles tamén unha ración específica para as xovencas e as vacas en preparto que lles sae a uns 17 céntimos.

Esta non é unha boa zona para o millo e ese é un cultivo que onde non se dá ben non se pode botar porque non compensa

A cooperativa recólleles a herba para ensilar e lévaa para a planta de San Xulián e logo durante todo o ano sírvelles a ración húmida adaptada ao actual sistema de muxido da gandería e aos demais lotes nos que ten divididos os seus animais. Como practicamente non fan traballo agrario, “case non temos maquinaria, temos só o básico”, explica Miguel.

Recría primeiro en Castragude e despois no pasto

Unha das vacas secas da explotación nunha das 40 hectáreas que adican a facer pastoreo

Unha das vacas secas da explotación nunha finca das 40 hectáreas que adican a facer pastoreo

SAT Romepen bota man tamén da cooperativa Aira para sacar adiante a recría mentres as becerras son pequenas. “Dos 15 días de vida aos 11 ou 12 meses as xatas mandámolas ao centro de recría que ten a cooperativa”, explican. O centro atópase en Castragude, no municipio do Incio. Poderían estar alí até o momento do parto, pero nesta explotación prefiren traelas antes de volta para deste xeito tratar de aforrar algo no custo da recría.

Nós temos as xovencas fóra porque pacer é o máis barato que hai. Así tratamos de compensar a desvantaxe de non poder botar millo abaratando a recría

“No centro de recría poderían estar até os 24 meses pero interésame traelas para aquí canto antes porque aforro moito. Alí sáenme a 2,69 euros/día máis Ive e aquí bótoas fóra e sáenme case gratis, porque están só con pasto e herba seca”, explica Miguel. “Pacer é o máis barato que hai e deste xeito afórrolle moito á recría. Así a desvantaxe de non poder botar millo tratamos de compensala abaratando a recría”, di.

Cando as xatas chegan de volta á explotación ao cumpriren o ano Miguel lévaas para a nave que construíu para elas fai dous anos e da que poden entrar e saír cando queren. Con 13 meses, se teñen a talla axeitada, xa as insemina e unha vez que están positivas pasan a estar sempre fóra no mesmo lote xunto ás vacas secas, agás en días de moita invernía, nos que non saen.

Inseminan o 30% con carne

Miguel encárgase tamén de facer a inseminación, tanto da recría cando volve de Castragude, como das vacas. “Ás xovencas póñolles sexado no 80 ou 90% dos casos, no segundo parto poño normalmente convencional en todas as vacas medias a non ser nas mellores vacas ou nas que considero que teñen máis potencial, que poden ser un 10 ou un 20%, onde volvo poñer sexado, e a partir do terceiro parto xa uso moito cruce con limusín, eu calculo que o 30% do seme que usamos é de carne, porque co sexado das primeirizas xa aseguro moita recría”, explica.

Case non temos maquinaria, temos só o básico

As xovencas acaban de criarse mesturadas coas secas en pastoreo. “Ao final é o máis barato e o que máis me gusta para a recría e para as secas, porque canto máis exercicio fagan mellor están”, opina. SAT Romepen adica máis de 40 hectáreas de superficie a isto, nas que vai rotando o gando no tempo do ensilado para poder recoller a forraxe que entrega a Aira.

Nesta zona comezan a ter tamén problemas co lobo e por iso introduciron mastíns para ter co gando nas pradeiras. “O ano pasado no mes de xuño o lobo matounos unha xata e outras tres a un veciño. Colléunola fóra e a partir diso criamos tres mastíns para que anden con elas fóra”, explica Miguel.

O ano pasado no mes de xuño o lobo matounos unha xata e outras tres a un veciño

Cando tanto as vacas secas como as xovencas se achegan ao momento do parto danlles unha ración de preparto que tamén lle subministra Aira. “Os animais que están no lote de preparto traémolos de volta para a nave de produción cun mes ou 20 días antes de parir para que así se vaian acostumando de novo a estar dentro”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información