SAT Lodos e Pérez, innovacións buscando funcionalidade e comodidade para o gando

Esta explotación familiar da Pastoriza conta cunha nova nave con capacidade para 160 animais en produción na que instalaron algunhas melloras pioneiras en Galicia, como unha cornadiza flexible e sen barra superior que permite maior liberdade ás vacas

María del Mar e Alfonso, xunto á súa filla María e aos seus sobriños Cándido e David

María del Mar e Alfonso, xunto á súa filla María e aos seus sobriños Cándido e David

“A nosa ilusión era ter algo moderno para que a xente que vén detrás o vexa atractivo e se decida a seguir con isto”. Alfonso Lodos define así a motivación que levou a esta explotación familiar, SAT Lodos e Pérez, a construir un novo establo con todas as innovacións tecnolóxicas dispoñibles no mercado para facilitar o traballo na granxa e a comodidade do gando. 

“Tiñamos feita nesta finca una fosa de purín desde había 7 anos coa previsión de facer aquí un establo novo, pero non había relevo e non nos acababamos de decidir. Sen embargo, desde que tivemos a cativa iso foi un incentivo para meternos a isto. Meu irmán ten dous fillos, Cándido e David, e nós unha nena, María. Agora quédalles isto cómodo para seguir se queren, para nós sería unha felicidade que algún dos tres continuase”, di.

O investimento feito foi elevado pero as instalacións contan con melloras tecnolóxicas e numerosas innovacións que fan máis eficiente o seu funcionamento 

Logo dun importante investimento feito, no mes de decembro de 2019 comezaban a muxir as primeiras vacas nas novas instalacións, situadas na parroquia de Lousada, a un quilómetro da explotación antiga, que a partir de agora acollerá a recría da granxa.

Colaboración de tres irmáns

Coma todas as decisións que se toman nesta explotación, o deseño do novo establo tamén foi meditado e moi pensado. E iso nótase en moitos detalles que ao final marcan a diferenza. Os tres irmáns Lodos aportaron os seus coñecementos e a súa experiencia, cada un no seu ámbito (Manuel é arquitecto, Juan Carlos veterinario e Alfonso gandeiro), para lograr funcionalidade no resultado final. “Meu irmán Juan viaxou e viu cousas e detalles que logo aplicamos aquí, o feito de que a construción fose supervisada por un veterinario foi importante”, afirma Alfonso.

Apostaron pola robotización

Apostaron pola robotización por falta de man de obra

A SAT está formada por Alfonso, a súa muller María del Mar e o seu irmán Juan Carlos e contan a maiores con dous traballadores a xornada completa (un está sempre na nave nova e outro atende a explotación antiga e fai as racións de alimentación. “O novo establo foi pensado ante a expectativa da pouca man de obra dispoñible que hai, de maneira que unha persoa soa sexa capaz de encargarse de atendelo”, conta Alfonso. 

Ademais dos robots, nesta explotación contan tamén con arrimador automático e amamantadora para as becerras

Apostaron pola robotización, tanto no muxido coma noutras tarefas, como a alimentación do gando, e contan con arrimador automático e amamantadora para as becerras. “É outro xeito de traballar, non quere dicir que non teñas que estar aquí pero é outro sistema de traballo. Horas quizais botamos tantas agora coma antes, pero é un traballo diferente, máis de supervisión, porque chegas pola mañá e mentres metes catro retrasos fas as camas e estras as xatas. Ningún sistema te saca de traballar, a robotización tampouco, pero é un traballo distinto. Aínda que eu penso que isto é todo cuestión de ilusión e interese e se che gustan as vacas ao final as cousas saen ben nun ou noutro sistema, aínda que de vez en cando saian tortas”, engade. 

Altura máxima permitida

A estrutura foi construida con ferro galvanizado e é totalmente aberta

A estrutura foi construida con ferro galvanizado e é totalmente aberta para facilitar a ventilación

O primeiro que chama a atención é a altura da nave, superior á maioría das que se constrúen en Galicia. “Fómonos ao máximo que permite a Lei do Solo e a normativa urbanística do Concello, que son 7 metros máis 3,60 de diferenza ao punto máis alto, é dicir, a estrutura ten 7 metros na parte baixa e alcanza os 10,60 metros ao cume de altura máxima na parte central, cando o que se fai normalmente é ir a 7 metros pero no punto máis alto”, detalla Alfonso. 

A nave ten 7 metros na parte máis baixa e chega aos 10,60 metros no cume

Desta maneira, ao ser unha nave aberta polos seus catro lados, con aperturas cenitais e moi ventilada non teñen problemas de estrés por calor do gando no verán nin tiveron que adoptar ningunha medida correctora. “Aquí non hai ventiladores, non fan falta. Á hora de construír son uns metros máis de ferro pero despois ao ser tan alta non notas acumulación de aire quente nin correntes, porque o aire igual que entra sae porque ten por onde saír”, di.  

“As vacas non notan frío, notámolo nós, pero elas non o notan e vanse deitar onde dá o aire. Até agora buscábase temperatura nos establos porque se buscaba a comodidade para o gandeiro pero non para as vacas. Pero elas agradecen e compensan con leite estas condicións, que están pensadas para elas”, engade. 

As vacas agradecen e compensan cunha maior produción de leite estas condicións, que están pensadas para elas

A estrutura é de ferro pero está toda galvanizada para evitar a aparición de óxido. “Se fose pintada aforrabamos cartos, pero así hai menos problemas de corrosión”, argumenta Alfonso, que explica outra das vantaxes do material que elixiron: “meter a estrutura en ferro permitiunos facer a obra a medida, ao noso xeito e meterlle as aperturas no teito do tamaño que nós queriamos”, indica. 

O único inconvinte dunha nave tan alta é a súa menor protección contra a choiva, algo que resolveron colocando unha malla cortaventos na parte orientada ao sur para evitar que a chuvia molle as camas. 

Comedeiro e separadores de cubículo flexibles

O comedeiro xira cara adiante 30 centímetros, o que permite ás vacas chegar á comida en todo o comedeiro

As barras xiran cara adiante 30 centímetros, o que permite ás vacas chegar á comida en todo o comedeiro

Entre outros elementos innovadores de confort para o gando que incorporou esta explotación atópanse tanto separadores de cubículo como no comedeiro flexibles. Neste caso non se trata dunha cornadiza convencional, senón que carece de trabantes ou barra limitadora superior, o que permite moita maior liberdade ás vacas, reducindo o seu nivel de estrés á hora de alimentárense. 

“Os separadores de cubículo flexibles están ben porque evitan golpes das vacas, pero a min gústame incluso máis o sistema do comedeiro, penso que foi un gran acerto. Teño que recoñecer que eu tiña algunha reticencia inicial, pero a meu irmán gustáballe e puxémolo e penso que foi o maior acerto que tivemos, porque a vaca está libre totalmente. O comedeiro xira ademais 30 centímetros cara adiante, o que permite á vaca chegar comendo tamén máis adiante”, explica Alfonso. 

O feito de non ter trabantes súplese cunha manga en cada lote que facilita a aplicación de tratamentos, inseminacións e saneamento

O feito de non dispoñer de trabantes que faciliten a inmobilización das vacas súplese coa presenza dunha manga integrada no interior de cada lote. A manga conta cunha porta con trabadiza e cun foso para acceder ao ubre para o secado. Con este sistema aplícanse os tratamentos ao gando, realízanse as inseminacións e faise o saneamento. 

Capacidade para 160 vacas en produción

Vacas da explotación agardando para entrar no robot de muxido

Vacas da explotación agardando para entrar nun dos robots de muxido

Lodos e Pérez conta na actualidade con 262 cabezas totais, das que 140 son vacas en muxidura. As novas instalacións foron construídas para contar con 3 robots e unha capacidade máxima de 160 animais en produción, aínda que polo de agora só ten instalados dous robots. “Queremos poñer o terceiro mediante un plan de mellora”, explica Alfonso.

Neste momento aínda moxen no establo vello algunhas vacas, sobre todo aquelas que peor se adaptaron aos robots instalados na nave nova. “Neste momento temos funcionando os dous robots con 115 animais e muximos outras 25 vacas na sala no outro establo. Poderiamos ter todas as vacas aquí, pero o feito de manter a sala nas instalacións antigas permíteche seleccionar o gando que tes nos robots e seguir aproveitando as vacas que teñen dificultades de adaptación este primeiro ano, aínda que é un pouco rollo ter que muxir nos dous sitios e fai máis lioso o manexo o feito de que non teñamos todos os lotes de produción xuntos cos tres robots funcionando”, recoñece. 

Podiamos ter todas as vacas aquí, pero o feito de manter a sala no establo vello permítenos selecionar máis o gando que temos nos robots e aproveitar este primeiro ano as vacas que non se adaptan

Deste xeito, di, “a adaptación foi extraordinaria, case tardaron máis en adaptarse ao sistema de limpeza e ao paso das arrobadeiras que ao robot. Nese sentido, non houbo moito que pelexar con elas, tamén porque como as nosas vacas foran criadas nun centro de recría estaban acostumadas a pasar por mangas e entraron ben aos robots desde o primeiro momento. As xovencas son as que mellor entran, nunha semana xa están totalmente acostumadas, o resto das vacas que van parindo sempre hai algunha que tes que ir buscar, nós dámoslles de prazo 11 horas desde o anterior muxido antes de metelas ao robot, salvo que estean recén paridas, sempre se lles dá un tempo para deixar que sexan elas as que tomen a iniciativa de vir”, conta.

Altas producións con medias de 45 litros

SAT Lodos e Pérez entrega a Naturleite desde esta primavera e, aínda que contaba xa con altas producións na explotación antiga, lograron mesmo incrementala nuns 5 litros diarios por vaca coa posta en funcionamento do novo establo. “Nós viñamos de producións medias de 40 litros xa na outra cuadra e agora cos robots e con máis ordeños temos tamén máis produción. No novo establo temos as vacas máis produtoras, con medias de 48-49 quilos por día e no vello obtemos medias de 32 litros dos animais que alí temos. En conxunto o promedio por vaca é de 45 litros con 3,60% de graxa e 3,20% de proteína”, detalla Alfonso.

Non por sobrecargar os robots sacas máis leite, moitas veces con menos vacas fas máis muxiduras e sacas o mesmo leite

Cos 115 animais en produción actuais que teñen repartidos nos dous robots logran medias de máis de 3 muxiduras. “Non por sobrecargar os robots sacas máis leite, moitas veces con menos vacas fas máis muxiduras e sacas o mesmo leite”, considera. Con esa filosofía contan completar os tres robots só con 160 vacas. 

Vacas secas en cama de compost

Fresan dúas veces ao día o compost para airealo e no inverno engádenlle carbonato

Fresan dúas veces ao día o compost para airealo e no inverno engádenlle carbonato

A nova nave de SAT Lodos e Pérez foi pensada para acoller, ademáis dos tres lotes de produción, o lote das vacas secas e o das becerras até o destete. “As vacas secas tiñámolas fóra e agora están en cama de compost nunha zona con capacidade para 39 animais e os metros necesarios correspondentes a ese número de animais. Fresamos o compost dúas veces ao día e no inverno botamos ademais algo de carbonato. No verán chegaría con fresar só unha vez ao día pero no inverno é necesario airear dúas veces para que enxugue, porque os días húmidos nótanse moito”, recoñece. 

Tiñan a recría externalizada no Rancho Las Nieves de Zaragoza por falta de sitio pero agora xa comezaron a facela eles

As camas dos animais en produción son agora de area nas novas instalacións e manteñen as camas de palla no establo vello. “A outra cuadra ten 22 anos pero xa era unha explotación moderna naquel tempo, con estabulación libre e un sistema de limpeza innovador, xa que se limpa coa auga da fosa de purín, que vai a uns depósitos que hai nas cabezas dos pasillos e cando se lle abre a esa auga limpa por arrastre e leva o que hai. Agora funciona moi ben porque hai poucos animais, pero é un sistema bastante traballoso”, explica Alfonso. 

SAT Lodos e Perez sistema humedecer pasillos

Sistema de canalización para regar os pasillos

Aínda que na nova nave hai arrobadeiras automáticas para a limpeza, tamén deixaron instaladas unhas chaves de paso nos laterais para poder humedecer os pasillos con auga e facilitar deste xeito a limpeza en épocas secas. “Meteuse un sistema de canalización desde o pozo de purín para regar os pasillos para que non se resequen tanto e limpen mellor as arrobadeiras”, conta.

Debido á falta de capacidade no establo vello, Lodos e Pérez optara por mandar a recría ao Rancho Las Nieves de Zaragoza, co que viñan traballando desde fai 17 anos. “Aínda temos alí 55 xovencas, pero xa deixamos de mandar as becerras que nacen para facer nós a recría. Até destetar témolas con amamantadora, están uns 79 días e logo pasan a outro lote na nave nova outros 70 días e despois van para o establo vello, que queremos deixar para a recría”, avanzan. 

70 hectáreas de superficie

As camas son agora de area

As camas son agora de area, antes eran de palla, o que aportaba maiores niveis de materia orgánica ás terras

Un dos principais factores limitantes para esta SAT, igual que para moitas outras en Galicia, é o feito de non contar con superficie dispoñible na zona. “Aquí facerse con terreo é algo case milagroso. Como non temos moitas hectáreas temos que facer que as que hai sexan produtivas. Todos os anos se encalan as fincas e cada dous anos apórtaselles tamén fósforo”, detalla. 

A base do abonado é o purín que sae da propia explotación, aínda que Alfonso admite que a partir de agora a calidade do xurro vai empeorar. “Está claro que para o purín a area non é o mesmo que a palla, a materia orgánica non é a mesma, aínda che cambia ben o conto”, opina. 

Sen unhas boas forraxes non tes produción de leite, é algo imprescindible

En total contan con 70 hectáreas, 10 con pradeira permanente de raigrás inglés e 60 en rotación anual de millo con dúas cortas de raigrás. “A base dunha boa produción son unhas moi boas forraxes, sen iso non tes litros”, asegura Alfonso. 

Dispoñen de carro propio para elaborar as distintas racións de alimentación e esta circunstancia permítelles facer a mestura dúas veces ao día para as vacas de leite, algo que xa facían tamén antes, pero agora con racións diferenciadas para os animais que se moxen no robot (con menos penso ao suplementar despois o concentrado o robot según produción até un máximo de 8 quilos) e os que se seguen a muxir na sala no establo vello. 

A ración de robot inclúe 28 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba, 6 quilos de penso e 1 de palla e para as de sala fana con 30 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba, 10 quilos de penso e sen palla. As vacas secas teñen tamén unha ración diferenciada, mentres que as becerras pequenas comen a ración de robot e nas de máis de 8 meses usan a ración das secas pero con máis soia. 

“Á hora de facer obras e melloras moitas veces bota para atrás o papeleo e os trámites coas Administracións”

Fosa de purín cuberta da explotación

Cuberta da fosa de purín, para a que lles volveron pedir a documentación aportada dous anos antes

As obras das novas instalacións de SAT Lodos e Pérez duraron un ano pero os trámites para o seu inicio comezaron moito antes e os gastos imprevistos multiplicáronse. “Estivemos un ano enteiro pagando un grupo electróxeno para poder facer a obra porque non nos daban posto a luz. Tardaron un ano e medio en poñérnola e iso que tiñamos pagado xa. Foron 40.000 euros por poñer tres postes e un transformador, un roubo”, denuncia Alfonso. 

Para reducir o consumo eléctrico da granxa instalaron ademais placas solares para unha potencia máxima de 20Kw que os fai, en boa medida, autosuficientes. “No verán abastécese a cuadra de sobra e cos excedentes puxemos un termo e quentamos a auga que usamos para lavado e limpeza do sistema de muxido e do tanque do leite”, explica. 

Pero ademais do custo, Alfonso denuncia a excesiva burocracia á que se enfrontan as explotacións que, coma eles, se deciden a mellorar e ampliar as súas instalacións. “Bota para atrás o papeleo e os trámites coas Administracións, co Concello, coa Xunta, con Medio Ambiente”, enumera.

Tivemos que recurrir a unha empresa de xestión de puríns porque nós, por impacto ambiental, tiñamos que ter 400 hectáreas de terreo para que nos autorizaran a obra

“Nós, por impacto ambiental, tiñamos que ter 400 hectáreas de terreo para que nos autorizaran a obra e como non as temos tivemos que incluir a xestión de puríns mediante unha empresa autorizada para que nos aprobaran a obra”, conta.

Pero os problemas volvéronse repetir tan só dous anos despois de facer a solicitude para a construción da nave. “Pedimos un plan de mellora para cubrir a fosa de purín e volveron pedirnos todas as cousas que presentaramos dous anos antes para facer a nave. É absurdo, digo eu que en dous anos non cambiaron as fincas de sitio”, razoa.

Nesta SAT reclaman unha necesaria simplificación e axilización dos procedementos para a concesión de axudas por parte das Administracións pero tamén unha maior valoración por parte das industrias lácteas do esforzo e os investimentos feitos por parte dos gandeiros. “É unha mágoa que non teñamos un prezo do leite un pouco decente para axudar a pagar isto en menos anos”, conclúe Alfonso.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información