As altas temperaturas adoitan ocasionar problemas nas vacas de leite provocándolles unha situación de estrés que afecta á súa alimentación, produción ou mesmo á reprodución. É unha situación que se acusa máis en establos antigos, moitas veces pouco ventilados e de altura insuficiente. A súa adaptación en ocasións non resulta doada e a instalación de ventiladores resulta imprescindible para manter un mínimo confort interior para o gando. Pero hai outras medidas a nivel de manexo que tamén se poden adoptar e que resultan efectivas.
As ondas de calor extremo son un fenómeno cada vez máis frecuente, tamén en Galicia, por mor do cambio climático. O estrés por calor no gando vacún é unha combinación de temperatura e humidade elevada, que se manifesta normalmente a partir dos 30 graos e dun 70% de humidade. Sen embargo, debido ao alto nivel de humidade relativa existente en Galicia, as penalizacións por calor nas vacas de leite comezan a notarse a temperaturas máis baixas ca noutras zonas con clima máis seco.
Os animais de raza holstein, os máis habituais na produción de leite en Galicia, atopan a súa zona de confort térmico entre os 0ºC e 24ºC, podendo manter a súa temperatura corporal mesmo a temperaturas ambientais de -10ºC, polo que o frío non resulta un problema, pero si o calor.
Os animais de raza holstein, os máis habituais na produción de leite en Galicia, atopan a súa zona de confort térmico entre os 0ºC e 24ºC. Fóra deses parámetros, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal
Os mecanismos fisiolóxicos da vaca para eliminar o exceso de calor prodúcense mediante convección (transmisión de calor a través do aire que rodea ao animal), condución (sucede cando un corpo quente entra en contacto con outro máis frío, nas vacas ocorre cando están en contacto coa cama, por exemplo) e evaporación (a través do aparello respiratorio, da pel e pola eliminación de ouriños e bosta).
Ás vacas resúltalles doado regular a súa temperatura corporal mentres a temperatura do aire sexa inferior á súa, que adoita situarse nun valor medio de 38,5 graos centígrados, pero cando se sitúa por enriba destes valores, ou mesmo por baixo se existe un grado de humidade alto no ambiente, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal.
O estrés por calor, que se manifesta con temperaturas elevadas e un grado de humidade ambiental alto, é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán, así como do contido en graxa do leite
É por iso que o estrés por calor é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán. Cando as vacas acusan unha situación deste tipo reducen a súa inxesta de materia seca, o que se deriva nunha menor produción de leite e este contén tamén menos graxa.
Aínda que os animais en produción son os que máis acusan os efectos da calor, tamén as vacas secas e as becerras sofren deste estrés que afecta ao seu desenvolvemento, xa que hai un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal.
Alimentación e auga fresca
As vacas no verán comen menos. O descenso do consumo de materia seca por cabeza nos días de calor pode mesmo chegar ao 20 ou 30%, coa conseguinte perda de produción. Gardar as mellores forraxes para os meses do verán (as forraxes de menor calidade, con alto contido en Fibra Neutro Deterxente, producen máis calor no animal ao fermentar no rume) e desbotar aquelas partes do silo onde poida haber fungos, así como incrementar o contido en fibra dixestible e de calidade para evitar o risco de acedose rumial é sempre a primeira recomendación en materia de alimentación nos meses cálidos.
As forraxes de menor calidade, con alto contido en Fibra Neutro Deterxente, producen máis calor no animal ao fermentar no rume
Hai que poñer especial énfase no verán na mestura da ración, para evitar que a vaca escolla. De non ser así, como a inxesta é menor, pode producirse un desequilibrio metabólico por exceso de enerxía, algo que se dá sobre todo en ganderías con robot de muxido, xa que a inxesta en pesebre redúcese pero a cantidade de concentrado que suplementa o robot non diminúe.
Para facer a ración máis apetecible pódense engadir ingredientes como pulpa de remolacha, bagazo de cervexa ou melaza, aínda que vixiando o nivel de zucres para manter o equilibrio da dieta. As vacas saliban máis cando teñen calor, polo que se produce unha maior perda de bicarbonato. Por iso debe reforzarse tamén o contido en minerais da ración, tanto de bicarbonato como tamén de potasio e sodio, debido tamén á perda pola saliba.
Debe procurarse preparar a ración con máis frecuencia e poñer especial énfase na mestura, para evitar que a vaca escolla e se produza un desaxuste metabólico
Debe procurarse preparar a ración con máis frecuencia, por exemplo dúas veces ao día, para ofrecerlle á vaca comida fresca, e servir a alimentación pola mañá cedo ou á tardiña, evitando depositala no comedeiro nas horas centrais do día e tamén que lle dea o sol ou queza e fermente.
Xunto co alimento, é clave proporcionar aos animais auga limpa, fresca e abundante, con caudal suficiente e un mínimo de 10 centímetros de bededeiro por vaca e sempre con máis dun bebedeiro por lote para mitigar o efecto das vacas dominantes. A necesidade de auga acrecéntase tralo muxido e a limpeza dos bebedeiros tórnase esencial no verán.
Adaptación da ración
Gandería Mosquera Vaamonde SC, de Ordes, é a primeira en produción por vaca de Galicia, con 15.620 quilos de media ao ano, segundo o ránking de Fefriga do 2019. É un galardón no que repite xa por quinta vez desde que o lograra por primeira vez no 2013.
O coidado individualizado a cada unha das súas 31 vacas en muxido é unha das claves destas cifras. Entre outros aspectos do manexo diario, Pablo Mosquera, responsable xunto á súa nai desta explotación, coida ao máximo a calidade das forraxes e adapta a ración nos meses de verán concentrando o seu valor nutricional.
Gandería Mosquera Vaamonde SC concentra a ración no verán para que aínda que as vacas coman menos en volume, a cantidade de materia seca inxerida non varíe e minimizar deste xeito as perdas de produción
“No verán as vacas comen menos, así que reduzo o volume da ración e concentro a cantidade desde o punto de vista nutricional, subindo a soia e baixando a herba, así a vaca inxesta a mesma materia seca con respecto ao resto do ano pero con menos volume e deste xeito a vaca non che baixa tanto ao leite no verán”, razoa Pablo.
Instalacións
Xunto á comida e á auga, proporcionar á vaca sombra e ventilación son outros dous elementos esenciais no verán. A orientación da nave (en Galicia, unha orientación Nordeste-Suroeste protexe da exposición lateral e cenital aos ventos predominantes e reduce a incidencia solar no verán), o mesmo que a súa altura e a presencia de aperturas laterais e na cumbreira, axudan á ventilación natural.
A nova nave de SAT Lodos e Pérez, na Pastoriza, non precisa sistemas de ventilación forzada
Foi o que perseguiron na SAT Lodos e Pérez, no concello da Pastoriza, coa construción do seu novo establo. A nave parte de 7 metros de altura na parte máis baixa e acada os 10 metros na súa parte central. Trátase dunha estrutura metálica con aperturas no teito e totalmente aberta polos catro laterais o que fai que o aire quente non se acumule no seu interior. “Aquí non hai ventiladores porque non fan falta, non hai necesidade de mover o aire, ao ser a nave tan alta non se acumula o aire quente e non notas corrientes porque o aire igual que entra sae”, explica Alfonso Lodos, un dos socios desta gandería ubicada na parroquia de Pousada.
Pero cando a circulación natural de aire non é suficiente, pódese suplir ou suplementar con sistemas de ventilación forzada. Trátase de manter o aire en movemento dentro das granxas, creando artificialmente correntes de aire no interior cando a refrixeración natural non é dabondo.
Nos ventiladores habituais, colocados en liña a unha altura de entre 2,5 e 3 metros sobre o comedeiro ou a zona de camas, e cunha inclinación de 30 grados, a distancia de separación entre eles será de 10 veces o seu diámetro
Para iso, os ventiladores deben ser os axeitados, en potencia e en número, de xeito que sexan capaces de proporcionar unha corrente de aire de cando menos 8 quilómetros hora na dirección do vento predominante. Deben estar colocados sempre fóra do alcance dos animais, o persoal ou a maquinaria usada no establo pero o máis baixos posible. Ademais da zona de comedeiro ou dos cubículos, debe habelos tamén na área de espera para o muxido.
Aspersores de auga
A maiores da colocación de ventiladores, pode optarse tamén pola instalación de pulverizadores de auga, unha combinación frecuente noutras zonas pero menos habitual en lugares coma Galicia, onde a humidade ambiental é xa de por si elevada e o uso de a aspersores pode ser mesmo contraproducente.
Los aspersores adoitan colocarse en liña cos trabantes a uns dous metros de altura pero dirixidos cara o corpo da vaca e non cara o comedeiro. Os difusores contan cun programador e funcionan habitualmente entre 1 e 3 minutos cada 15 minutos, durante as horas centrais do día. Cando os aspersores están combinados cos ventiladores, os emisores de aire deben estar xusto por enriba dos difusores de auga.
Aínda que este sistema é menos frecuente velo en Galicia, existen algúns exemplos de ganderías que o teñen en funcionamento. SAT A Campiña, ubicada na parroquia de Vilaxuste, en Portomarín, reconvertiu unha antiga granxa de polos dun dos socios para o establo das vacas en produción. Como o establo ten menos altura da recomendada, incorporaron un sistema de ventiladores e aspersores de auga para controlar a temperatura no seu interior.
SAT A Campiña dispón dunha combinación de aspersores de auga e ventiladores que acenden automáticamente canto a temperatura pasa dos 25 grados
Os días de calor abundan nesta zona do interior da provincia de Lugo, con temperaturas que pasan frecuentemente dos 30 grados, pero o sistema de ventiladores e aspersores de auga acende automaticamente cando a temperatura pasa dos 25 grados centígrados, segundo explica Ricardo Pérez, un dos tres socios desta SAT.
No caso de empregar aspersores de auga, existen unha serie de recomendacións a ter en conta. A fundamental é que hai que asegurarse de que mollan á vaca, por exemplo mentres está comendo na cornadiza, pero de que a auga non caia na comida, pois isto provocaría a aparición de fungos e que coa calor a ración fermentase ao longo do día. Tamén poden pulverizar os pasillos, pero nunca a zona das camas, xa que incrementaría a humidade do material empregado nos cubículos supoñendo un risco elevado de mamite.
Espera para o muxido
Tamén regan as vacas na gandería Casa Devesa, ubicada na parroquia de Baamorto, en Monforte, onde a calor tamén aperta no verán. Pero neste caso non o fan na zona de alimentación nin na nave de produción, senón cando os animais están na sala de espera para muxírense, outro dos momentos críticos e dos puntos débiles de moitos establos en canto á refrixeración, pois ao xuntárense as vacas aumenta a calor.
En Casa Devesa regan ás vacas mentras se atopan agardando para entrar na sala de muxido
“Mentras agardan botámoslles auga por enriba para refrescalas e logo témoslles uns ventiladores que as secan”, conta Francisco Javier Losada, propietario desta gandería monfortina que tamén emprega silo de pulpa de mazá para a alimentación do gando, que aporta humidade e fai máis apetecible a ración.
Ventiladores de teito
Outra das melloras nos últimos anos nesta explotación no aspecto do confort dos animais foi a adquisición duns potentes ventiladores de teito, con aspas de grandes dimensións, máis efectivos que os habituais ventiladores colocados en liña na maioría das explotacións.
SAT Herbón Núñez colocou potentes ventiladores sobre a zona de cubículos
Tamén dispoñen deste tipo de ventiladores suspendidos do teito en SAT Herbón Núñez, na parroquia de Pacios, en Baralla. É un sistema que nesta gandería introduciron logo dunha viaxe fai anos a Israel, onde José Manuel, un dos dous irmáns que levan a granxa, os viu funcionando nas explotacións daquel país, onde malia as altas temperaturas logran importantes producións de leite.
Nesta SAT de Baralla están pendurados sobre a zona de cubículos e refrescan directamente aos animais cando están deitados nas camas, aínda que logran tamén chegar a cubrir coa renovación do aire a zona de alimentación. Os que eles instalaron son de orixe italiana e ademais de ter máis potencia e lograr mover máis aire, fan tamén menos ruído, destaca José Manuel, un factor tamén importante para contribuir á redución do estrés no gando.
Secas e recría
Aínda que adoita ser habitual centrar os esforzos en mitigar a calor dos animais en produción, non debe esquecerse o resto da cabana, pois os efectos son menos visibles e inmediatos que os percibidos no tanque do leite pero non por iso menos importantes.
Os problemas derivados do estrés por calor non só afectan ás vacas senón ós xatos, xa que é habitual que as xestacións se acurten varios días e os becerros nazan máis febles e aumente a mortaldade das crías. Por iso, hai que extremar os coidados neonatais. Cando os boxes están fóra, no exterior das instalacións, é fundamental proporcionarlles sombra.
O peso dos xatos e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación e cando a becerra se destina a recría estes efectos nótanse despois ao longo de toda a súa fase de crecemento
O peso dos xatos e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación e cando a becerra se destina a recría estes efectos nótanse despois ao longo de toda a súa fase de crecemento, pois afecta ao seu desenvolvemento. As becerras que nacen nos meses de verán teñen un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal, que retrasa a idade de inseminación e, consecuentemente, o seu primeiro parto.
Efectos reprodutivos e na saúde
A estas consecuencias engádense outros efectos directos da calor centrados na reprodución do animal. A calor provoca unha diminución da lívido, a fertilidade e increméntase o risco de perder o embrión.
Os desequilibrios hormonais que xera a calor teñen efectos negativos na ovulación e na implantación e supervivencia embrionaria
As consecuencias sobre a saúde tamén son importantes. Co calor prodúcese unha inmunodepresión do gando, polo que é máis sensible ao efecto dos patóxenos, con repercusións sobre a saúde do ubre e a calidade do leite. Tamén adoitan darse máis trastornos de saúde como a retención de placenta, increméntanse as coxeiras, as metrites e as mastites.
Por iso a importancia da posta en marcha de medidas e elementos correctivos que axuden a mitigar as consecuencias do estrés por calor nas explotacións de vacún de leite.
Dúas explotacións de Palas de Rei instalan un sistema que mellora a eficacia dos ventiladores tradicionais
Nas naves de nova construción, un dos aspectos que xa se ten en conta é o da ventilación, con teitos altos e aperturas tanto laterais como cenitais que favorezan a saída do aire quente do interior. Pero os establos construídos décadas atrás moitas veces non foron feitos con estas premisas e é necesario adaptalos para mellorar o seu comportamento térmico.
A estratexia habitual até o de agora nestes casos era a colocación de ventiladores en liña sobre a zona de comedeiro ou das camas a unha distancia entre eles que permita a creación dunha corrente de aire en horizontal atravesando a nave dunha parte a outra (a súa distancia de separación será de 10 veces o seu diámetro e cunha inclinación de 30 grados aproximadamente). Pero o volume de aire que son capaces de mover os ventiladores é limitado e o seu número multiplica a factura eléctrica.
Os ventiladores habituais multiplican a factura eléctrica, pois requírese un número importante deles para resultaren efectivos
Pero existen outros métodos máis modernos e eficientes en canto á mobilidade e distribución uniforme do aire ao longo do establo. Un deles é o que acaban de instalar dúas explotacións de Palas de Rei, SAT San Antonio e Gandería Chancela. Vén de Dinamarca e é unha innovación da empresa Cow Welfare consistente nun ventilador que toma o aire do exterior do establo conectado a un tubo plástico con buratos que o distribúe polo interior da nave, cun funcionamento semellante ao dos sistemas de climatización de aeroportos ou grandes naves industriais ou comerciais pero sen enfriar o aire, captándoo do exterior a temperatura ambiente.
“Este sistema mete aire limpo de fóra, por iso me gustou”
Gandería Chancela está ubicada en San Xurxo de Augasantas, en Palas de Rei. Esta explotación familiar, que conta con 135 vacas en muxidura, dispón dun establo construído fai 20 anos onde todos os veráns se notaban os efectos do calor no gando. “A nave ten seis metros ao cume pero non tiña moita saída de aire e cando viña o verán notabámolo moito. As vacas empreñaban máis mal, fai dous anos fora unha catástrofe. Agora atrévome a dicir que hai máis posibilidades de que empreñen”, argumenta José Antonio Serén, que ten tamén unha empresa de servizos agrarios.
José Antonio estaba barallando distintas alternativas para mellorar o comportamento térmico do establo e nunha viaxe organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Monterroso a Luxemburgo viu un sistema novo que pensou que podía adaptarse ás súas necesidades. “O funcionamento é sinxelo pero é efectivo, consiste nun tubo de lona cun ventilador na punta ao que podes darlle máis ou menos intensidade. O tubo ten buratos e vai soltando o aire no interior e repartíndoo de xeito uniforme. A vantaxe é que mete aire limpo de fóra, por iso me gustou, porque os ventiladores tradicionais o que fan é remover simplemente o aire quente que hai dentro da nave, pero este sistema renova o aire e a distribución é máis uniforme”, explica.
Antes de que melloraramos o comportamento térmico do establo as vacas no verán empreñaban mal, fai dous anos fora unha catástrofe
Este sistema innovador, pioneiro en Galicia, vén de Dinamarca e non é difícil de instalar, di José Antonio. En xullo do ano pasado Gandería Chancela puxo un primeiro tubo conductor enriba da liña de cubículos e o seu efecto notouse de xeito inmediato. “Dentro da granxa notas que refresca. O verán pasado as vacas xa o pasaron mellor”, conta.
Pero a nave non tiña cumbreira e o aire quente que o sistema empurraba cara arriba non tiña por onde saír, así que no mes de setembro reformaron o teito para colocar unha cumbreira de policarbonato que ao mesmo tempo que permite saír ao aire quente dá claridade ao pasillo de alimentación.
Contentos co resultado, nesta explotación familiar de Palas colocaron este verán outra liña de conductos de aire, mellorando a efectividade do sistema. “Cos dous tubos funciona mellor porque reparte mellor o aire no interior da nave”, di José Antonio.
“Había días con dous litros de diferenza por vaca”
Comprobado o rendemento do sistema de climatización instalado en Gandería Chancela, outras explotacións da zona de Palas tamén se decidiron a poñelo. É o caso de SAT San Antonio, ubicada en Vilar de Donas. Xurdida hai 20 anos da unión de 5 ganderías da zona, contan neste momento con 565 cabezas totais e unhas 270 vacas en produción.
“A SAT constituíuse no 2000 e metemos o gando no 2002. Nós xa construímos co máximo de altura que nos deixaban daquela e tiñamos un ventilador grande na zona de muxido, na sala de espera, e tiñamos pensado montar tamén ventiladores nas naves do gando. Non queriamos poñer aspersores porque o clima en Galicia xa é bastante húmido e nós nas camas usamos carbonato con serrín, así que humedecer é contraproducente. Pero optamos por este sistema porque só é necesario un ventilador por tubo e do outro xeito eran máis de 20 ventiladores os que tiñamos que poñer, co consumo diario que supoñen. Penso que non nos equivocamos, porque o aforro en luz é considerable. Desta maneira resolvimos con catro tubos e catro ventiladores, tres nas naves onde están os lotes de leite e un na zona de muxido. Vén de Dinamarca. Trae un libro de instrucións e instalámolo nós, é de fácil instalación, non ten moito problema”, explica José Antonio Paredes, un dos socios desta explotación.
O sistema instalado na cumbreira, que resolve o problema de falta de apertura cenital que padecen moitos establos antigos, é creación da empresa local Talleres Santaballa
Para mellorar a eficacia do sistema SAT San Antonio tamén optou por substituir a cumbreira de chapa de uralita que tiñan por unha de policarbonato, que dá claridade e está dotada tamén dunhas chapas metálicas laterais que serven para que a circulación de aire existente sobre a cuberta non impida a saída do aire quente do interior da nave. “Trátase de mover o aire quente cos tubos que temos repartidos pola nave para que saia por arriba e o sistema da cumbreira mellora o tiro e o efecto chimenea”, conta José Antonio. O sistema instalado na cumbreira é unha creación dunha empresa local, Talleres Santaballa, e resolve o problema de falta de apertura cenital do que padecen moitos establos antigos.
Gastamos 60.000 euros no cambio da cumbreira e na instalación dos catro tubos de ventilación pero é un investimento que logo se recupera
SAT San Antonio fixo os cambios este verán e gastou 60.000 euros na substitución da cumbreira e na instalación dos catro tubos de ventilación, pero José Antonio considera que é un investimento rendible. “Levamos pouco tempo pero xa se notou cambio. Antes chegabas ao mediodía e vías ás vacas todas amoreadas nas portas para coller aire. Agora están repartidas polo establo e móveste pola nave e non notas o aire quente coma antes. Nos días de calor había un litro de diferenza por vaca en cada muxidura, así que son case 1.000 litros cada dous días máis no tanque, polo que logo se paga o investimento feito”, argumenta José Antonio.