O muxido é unha das tarefas diarias esenciais nunha explotación de produción de leite. Con distintas opcións dispoñibles no mercado, a escolla dun sistema ou outro vai condicionar o manexo do gando, os turnos de traballo ou mesmo a alimentación das vacas.
Por iso, a elección da máquina de muxido é unha das decisións máis importantes á hora de poñer en marcha unha granxa ou reformar unha existente. “Antes de decidirse por un sistema ou outro, hai que analizar ben unha serie de condicionantes: tipo de explotación, dispoñibilidade de man de obra, número de vacas a muxir, perspectivas de crecemento, etc”, recomenda Andrés Mejuto, presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (AGATEM).
Hai que ter en conta o tipo de vaca que hai na explotación e a persoa que a vai muxir
“Hai que analizar a máquina, o animal e o gandeiro, é dicir, o que dá a vaca, as instalacións que tes e a persoa que vai muxir. En función de todo iso é cando hai que optar por unha máquina de muxir ou outra, pero moitas veces non se ten nada diso en conta”, di.
Establos de nova construción ou remodelacións
Outro dos aspectos decisorios ten que ver coa facilidade de instalación, tendo en conta neste sentido se se trata dun establo de nova construción ou é necesario facer obras de adaptación para o cambio dun sistema de muxido por outro nunha granxa xa existente.
“Poñer robots moitas veces obriga a quitar prazas e perder uns cubículos, pero nalgún caso é moito máis doado pasar dunha sala a un robot que cambiar ou aumentar a sala”, asegura Andrés, porque “hai que seguir muxindo todos os días durante o tempo que duran as obras e cambiar a sala pode levar tranquilamente un mes se se monta unha un pouco grande”, indica.
É moito máis doado pasar dunha sala a un robot que substituír unha sala por outra no mesmo sitio
Por iso, di, se nunha explotación segue funcionando a sala mentres se poñen os robots non supón tanto problema como cambiar unha sala por outra no mesmo sitio. “Convértese moitas veces nun problema gordo, é unha cousa que hai que pensar moito, porque hai que muxir todos os días 2 ou 3 veces nunha sala que vai estar en obras e as vacas estrésanse porque acabas variándolles os horarios para aproveitar máis tempo para traballar”.
Para evitar este tipo de perxuizos, explica, hai ganderías que optan por construír dende cero a nova sala de muxido noutra ubicación ou nun edificio aparte, para seguir mantendo operativa durante ese tempo a vella sala. Esta opción recoméndaa, sempre que sexa posible, sobre todo en casos nos que se vai incrementar moito a capacidade da sala pero cóntase cun espazo reducido ou cunha sala de espera de escasas dimensións.
Número de cabezas estabilizado ou en aumento
Unha das disxuntivas que deberían influír na escolla do sistema de muxido é o tamaño futuro da explotación a medio ou longo prazo. “Se a gandería está estabilizada escollerá unha máquina acorde ao número de cabezas que ten, pero se ten pensado medrar ten que ter en conta como o vai facer porque o robot, nese sentido, obrígate a facelo de 50 en 50 vacas e moitas veces coa recría da propia explotación non chega. A sala dáche máis flexibilidade nese sentido”, afirma Andrés.
Inflúe o tamaño de explotación presente e futuro porque se un quere medrar, en función do sistema de muxido que teña, ten que pensar como facelo
Pero mesmo no caso de instalar unha sala, as decisións de crecemento futuro teñen que ser tidas en conta. “A sala hai que dimensionala, xa non só no número de puntos a instalar, senón na capacidade das infraestruturas de condución do leite ou na conexión eléctrica”, exemplifica.
Se se ten pensado medrar xa pode quedar preparada para iso, di. “O ideal cando un establo está evolucionando é meter unha sala de muxir de liña baixa, porque se adapta moito mellor, e deixar o foso xa preparado. Nese caso só habería que aumentar a condución de leite e a bomba de baleiro acorde ao número de novos puntos a instalar”, explica.
Distintos tipos de salas de muxido en función da produción por vaca
Dentro das salas de muxido tamén as hai de varios tipos en función da colocación dos animais e aínda que “é cuestión de gustos ou do espazo dispoñible escoller unha ou outra”, Andrés recomenda ter en conta o número de muxidos diarios que se realizan e o nivel produtivo do rabaño.
“O muxido traseiro eu recomendaríao só para vacas de alta produción, de máis de 40 litros diarios. As vacas co ubre cheo non teñen máis remedio que abrir as patas, pero se estás a tres muxiduras ou tes vacas con pouca produción a vaca pecha as pernas e é difícil moitas veces poñer a pezoneira por atrás. Ao meu modo de ver, a sala máis cómoda para colocar e que menos problemas dá é unha sala en espiña, aínda que moitas veces non é posible por problemas de espazo e móntase unha semitraseira”, detalla.
A sala en espiña é a que menos problemas ten; eu unha traseira só a recomendaría para vacas de alta produción, por enriba de 40 litros a 2 muxiduras
Independentemente do tipo de colocación, Andrés recomenda sempre salas de liña baixa para vacas de alta produción. “O muxido é máis rápido e o nivel de baleiro menor”, di. Do mesmo xeito, engade, “as salas con medición electrónica, que son as que se poñen hoxe en día, son mais eficientes porque podes variar os parámetros e regular a pulsación en función da produción da vaca”.
Lotes de muxido en sala e número de animais por robot
Á hora de muxir, cando se distribúe o gando por lotes de produción, precísase un maior diámetro para a saída cara ao tanque de frío. “Se metes as vacas de moito leite xuntas necesitas unha sala con diámetros de condución máis fortes que se o gando entra mesturado”, explica Andrés.
No caso dos robots, unha das claves para evitar retrasos é calcular ben o número de animais por cabina en función da súa produción e da velocidade de muxido do gando. “A vaca cando ten sensación de que precisa muxirse acude ao robot, pero se está ocupado dá a volta e igual xa non volve entrar”, razoa Andrés, que considera que os modelos de tráfico libre teñen “menor complicación” que os de tráfico dirixido.
Moitas veces o problema do robot é que está muxindo 65 ou 70 vacas
Con máis dun robot, a distribución en lotes dos animais, ao igual que no caso do muxido en sala, permite elaborar racións de alimentación diferenciadas, pero, a maiores, tamén é posible puntear de xeito individualizado o concentrado en función dos litros de leite producidos por cada vaca.
Man de obra
Aínda que a proliferación actual de robots de muxido é en gran parte unha consecuencia directa da falta de man de obra dispoñible no sector, Andrés asegura que “un robot esixe moita máis man de obra que unha sala, porque hai que estar as 24 horas pendente del”.
“Moitas veces o problema do robot é que moxe 65 ou 70 vacas. Se ten pouca carga de animais haberá menos atrasadas e podes esperar a pola mañá para metelas, pero se está saturado non”, aclara.
O robot esixe ser un gandeiro moi profesional e tamén é necesaria man de obra para atendelo
En canto aos problemas de células, di, “hainos igual no robot que na sala”. “Unha parte do problema pode ser a máquina, porque actúa 2 ou 3 veces ao día enriba do ubre e se non está ben calibrada ou non funciona axeitadamente pode causar danos, pero outra parte do problema procede habitualmente da cama, o manexo ou a alimentación”, argumenta.
Robot vs sala: custo do litro de leite
Na súa opinión, nunha explotación de 170 vacas en produción o debate entre poñer sala ou montar tres robots debe despexarse en termos económicos, máis que de man de obra. “Hai que pensar canto vai custar o litro de leite e hoxe pode haber tranquilamente entre 4 e 5 céntimos de diferenza a favor da sala, porque o robot aumenta o consumo de luz e de penso e incrementa os gastos de mantemento”, opina.
O robot limítate máis, porque te obriga a medrar de 50 en 50 animais
“É certo que as vacas no robot aumentan á produción, pero fano ao aumentar o consumo de penso e nunca foi rendible producir litros de leite a base de penso”, afirma.
En canto ás salas de muxido, insiste en que “hai que dimensionalas en función das necesidades da granxa”. “O muxido hai que facelo rápido, senón a xente que está operando cansa e perde a concentración. Muxir é un traballo delicado que esixe facelo ben, pero se pasas moitas horas o que queres ao final é acabar, aínda que sexa de calquera maneira. O máximo recomendado serían dúas horas máis o tempo de lavado”, indica.
Cando optar por unha rotativa?
Aínda que cada vez se ven máis robots de muxido instalados en ganderías de maior volume de produción, “os establos moi grandes escapan dos robots”, considera Andrés, que tampouco recomenda as salas rotativas para ganderías e pequeno tamaño.
Para non ter que reducir a velocidade de xiro ten que haber como mínimo 3 persoas muxindo
“Hai rotativas pequenas, de 24 ou 32 puntos, pero tamén as hai de 60, pero para rendibilizar unha sala rotativa cantas máis vacas muxas mellor, pero sempre a partir de 100 vacas en produción”, di. Entre outros motivos, porque “nunha rotativa de colocación exterior hai que ter como mínimo 3 persoas funcionando: unha preparando ubres, outra poñendo pezoneiras e outra aplicando sellador e atallando os problemas que poidan xurdir”, indica. “Se falta man de obra hai que retrasar a velocidade de xiro, pero desa maneira xa non é eficiente unha rotativa”, asegura.
O mesmo acontece nunha sala convencional: “nunha sala de 24 puntos podes muxir con 2 persoas ou con 1 soa, pero non é rendible, porque pode implicar ter a sala funcionando en baleiro a metade do tempo e a sala desgástase igual funcionando sen vacas que con elas, son horas de funcionamento igual”, insiste. “Hai que equilibrar o número de operarios cos puntos a atender para non ter as vacas moito tempo na sala, porque non están agusto”, lembra.
Vida útil das instalacións
“Todas as máquinas de muxir, sexa cal sexa, estropéanse sempre cando están en funcionamento”, di. Por iso, independentemente do sistema de muxido que un teña, é preciso levar a cabo un axeitado mantemento das instalacións, a maquinaria e os elementos de reposición, como gomas o pezoneiras.
As avarías nas máquinas de muxir prodúcense sempre á hora de muxir
“Depende do gandeiro, do meticuloso que sexa, e do mantemento que se faga da instalación, pero a vida útil dunha sala pode pasar dos 30 anos funcionando perfectamente. As salas quédanse normalmente anticuadas porque as vacas aumentaron moito á produción e as conducións de leite non teñen o diámetro axeitado e iso pode provocar moitos problemas de células”, explica.
Ese aspecto hai que telo en conta tamén antes de ampliar a sala. “Se aumentas aos puntos tes que ter en conta o promedio actual de produción por vaca e día, o número de operarios que hai normalmente no foso muxindo a un tempo e o número de puntos cos que se conta para saber se as conducións que hai van ser suficientes para ese fluxo de leite que imos mandar”, recomenda.
Unha máquina funcionando mal non é unha máquina de muxir, senón unha máquina de mallar nas vacas
Ampliar unha sala, sobre todo se xa quedou previsto, “é máis barato que mercar outro robot”, di. “O segundo robot é máis doado de montar, pero ás veces se se tarda moito tempo xa non é posible sen cambiar todo o sistema porque os novos modelos pode que non sexan compatibles co antigo, a non ser que se instale un como o que tés de segunda man”, indica. En canto á vida útil dun robot, afirma: “normalmente cando o acabas de pagar xa está el tamén acabado”.
Finalmente, sobre as salas rotativas, di, “son máquinas caras e complexas porque levan moitos automatismos”. En caso de avaría no sistema de rotación, acostuma haber problemas para liberar o gando. “Se che queda atrancada, que non poidas sacar as vacas, é un follón, porque tes que ter a eses animais sen comer, beber ou muxirse mentres non vén o técnico e a repara, e poden pasar un par de horas”, describe.
“A rotativa obrígate a andar máis rápido”
Gandería Barbeiro conta con dous sistemas de muxido diferentes nos seus establos: sala paralela en Alfoz e sala rotativa interior en Ribadeo. Nos dous casos son instalacións de 20 puntos nas que moxe un operario só, polo que é posible comparar a eficacia dos dous sistemas.
“Nun rabaño homoxéneo no que non haxa retardos é un pelín máis rápida a rotativa. A rotativa obrígate a sacar máis vacas, hai unha diferenza duns 10 animais por hora”, explica Juanjo Fraga.
En Alfoz están muxindo na actualidade unhas 250 vacas a un ritmo de entre 85 e 90 vacas por hora, mentres en Ribadeo moxen 210 a un ritmo de entre 90 e 95 vacas á hora, detalla.
A paralela vai ao ritmo teu; na rotativa tes que ir ti ao ritmo dela para non retardala
“A rotativa é moi práctica, pero hai que estar máis atento, porque tes que atender varios puntos simultaneamente, mentres que na paralela o sistema é máis mecánico porque traballas en bloque, é dicir, entran 10 vacas xuntas, fas o predipping ás 10, colocas pezoneiras ás 10 e unha vez retirado fas o selado ás 10. A paralela vai ao ritmo teu, na rotativa tes que ir ti ao ritmo dela e se non das feito retárdala ti e ao final o que fas é baixarlle o rendemento á sala”, razoa.
“Un operario con 20 puntos ten que andar rápido en calquera das dúas para que non haxa retrasos, na paralela o ideal sería 16 puntos para un operario”, recoñece.
Tres muxidos
Nos dous casos, tanto en Alfoz como en Ribadeo, están a facer tres muxiduras diarias ás 7 da mañá, ás 3 da tarde e ás 10 da noite con dous turnos de traballo de dúas persoas por turno: unha para muxir e a outra de apoio para meter vacas e facer camas. “Con 4 persoas amañamos o muxido nas dúas granxas pero temos sempre outras 4 persoas de reforzo para que haxa sempre un mínimo de 2 persoas por turno por se houbese calquera incidendia”, conta.
A intención de Juanjo é ampliar a curto prazo a capacidade dos dous establos para achegarse aos 500 animais en produción en cada un deles, dobrando a capacidade actual das instalacións. “Contando a recría e as secas estariamos xa practicamente na capacidade máxima legal fixada para as explotacións leiteiras, 850 UGM”, calcula.
Aumentando o número de vacas queremos restar tempos mortos e optimizar as salas sen facer grandes investimentos en instalacións de muxido
Nese momento pasarán a tres turnos de traballo de 8 horas e aumentarán o tempo de funcionamento das dúas salas até as 18 horas diarias. “Queremos restar tempos mortos e optimizar as salas sen facer grandes investimentos en instalacións de muxido, que ao final é o máis caro”, di.
Nin robots nin unha rotativa exterior
Juanjo non ve factibles os robots para un tamaño de granxa como o que van ter as súas. “Eu o robot véxoo para muxir 120 ou 180 vacas, máis de aí xa non. Para as 200 vacas máis que imos ter en Alfoz teriamos que poñer 3 cabinas de robot máis, que serían 300.000 euros. Coa sala ese investimento non o temos que facer”, compara.
O robot non o descarto no futuro, pero ten que aparecer unha alternativa de robot para este volume de animais
En canto ao persoal necesario, di, “na sala actual de 20 puntos en 6 horas imos poder muxir casi 500 vacas cunha persoa soa e non eres capaz de atender esas vacas en robot co dobre de xente”, considera.
Non descarta incorporar sistemas de muxido robotizado no futuro, pero di que “ten que aparecer unha alternativa de robot para este volume de animais, porque na vindeira primavera imos ter 500 vacas en muxido en Alfoz e teriamos que ter 10 robots”, evidencia.
Non vexo factible unha sala rotativa exterior para unha granxa de tamaño medio
Tampouco ve viable a instalación dunha rotativa exterior porque multiplicaría as necesidades de persoal. “Non a vexo factible para unha granxa de tipo medio porque fan falta 3 persoas para atendela”, asegura.
Gandería Barbeiro fixo investimentos nos últimos anos para modernizar os seus sistemas de muxido. En Ribadeo a sala rotativa orixinaria, do ano 2007, era unha Gascoigne, pero foi remodelada no 2019 mantendo unicamente a estrutura e cambiando toda a parte de muxido polo sistema Afimilk. “Témola actualizada na parte electrónica de medición e identificación”, explica Juanjo. No caso da sala paralela de Alfoz, da marca Fullwood, foi montada no ano 2013 e xa lle actualizaron a identificación cun sistema máis moderno.
“Non concibo a nosa granxa sen os robots”
Hai xa case 20 anos que Lebón SC moxe en robot. Esta explotación de Samos foi unha das primeiras ganderías de Galicia en incorporar o sistema de muxido robotizado para as súas vacas. Manuel López fixera unha viaxe a Holanda, onde vira por primeira vez os robots, que aínda non se vendían en España. Estaba facendo o establo novo e xa non montou sala.
Hoxe o seu fillo Marcos di non concebir a explotación sen os robots. “Vista a falta de persoal que hai, non me vexo muxindo nunha sala. Unha granxa familiar como a nosa a 3 muxiduras sería inviable e cos robots logro un promedio de 3 muxidos e unha produción por vaca entre 44 e 45 litros diarios. A media por lactación superou os 14.000 litros en 2022 no Control Leiteiro”, detalla.
Contan na actualidade con tres Lely A5, despois de incorporar o último o pasado mes de xaneiro. O muxido robotizado, di Marcos, mellorou moito desde aquel primeiro Lely A2 montado no ano 2004.
Esa evolución do sistema de muxido acompañou o crecemento desta gandería. No ano 2010 montaron o segundo robot, no 2018 cambiaron os dous por un modelo máis moderno e hai 5 meses instalaron o terceiro.
Non queremos ter máis de 55-60 vacas por robot, en función da época do ano
Marcos non se sinte condicionado pola capacidade do robot á hora de ir medrando. Neste momento está muxindo 145 vacas repartidas nas tres unidades, pero a súa intención é ir incrementando paulatinamente o número de vacas por cabina ata as 55-60 como máximo, dependendo da época do ano.
Flexibilidade horaria e calidade de vida
Dos robots Marcos destaca “a flexibilidade horaria e a calidade de vida que che dan”. “Eu non me vexo ás 10 da noite nun establo todos os días do ano. Nós, salvo en campaña, na que as xornadas laborais sempre se alongan, ás 8 da tarde rematamos o traballo. Ao día seguinte empezamos ás 7 e media a meter atrasos, que normalmente son moi poucos, pero se un día vas ás 9 tampouco non pasa nada. A flexibilidade horaria é outra. Pero penso que os gandeiros valoran pouco ter un horario”, di.
A gandería aténdena 3 persoas, pero muxindo nunha sala tres veces diarias as necesidades de persoal serían moito maiores para poder cubrir os distintos turnos e as libranzas, di. “A nosa granxa pode atendela unha persoa soa. Nunha sala iso non sería posible. Nós temos un obreiro e enténdese perfectamente cos robots porque o traballo é moito máis sinxelo”, di.
Aínda que te chame unha vez ao mes, prefiro iso que ter que muxir os 30 días
Hai que estar pendente dos avisos pero asegura que “poucas veces hai que ir porque o robot pare de muxir”. “Aínda que te chame unha vez ao mes, prefiro iso que ter que muxir os 30 días”, argumenta.
Marcos non concibe a día de hoxe a súa explotación con sala de muxido. “Sería volver atrás”, considera, aínda que respecta que outros gandeiros aposten por outras opcións. “Cada un ten que escoller o sistema que mellor se lle adapte ou no que se sinta máis cómodo”, opina.
Con todo, considera imparable a robotización das ganderías de leite. “A demanda de robots non para de medrar. Antes dicíase que os robots eran para granxas pequenas pero agora hai tamén explotacións grandes con robots. Polo centro de España hai granxas de 6 e 8 robots”, exemplifica.