Manuel López foi pioneiro en moitas cousas en Galicia. A súa gandeiría, Lebón SC, ubicada na parroquia de Suñide, no concello de Samos, foi das primeiras en contar cun robot de muxido na nosa comunidade e tamén das primeiras en apostar pola mestura húmida como sistema para a alimentación das súas vacas.
Fai disto xa máis de 15 anos e agora, o seu fillo Marcos, que colleu o relevo na explotación familiar, está a facer investimentos en tecnoloxía e novas instalacións para non quedar atrás. Cóntannos como traballan para lograr medias de produción de leite de 44 quilos por vaca e día.
“Nunha viaxe a Holanda vira o robot nunha explotación dalí. Estabamos facendo un establo novo e xa non montei sala, pero tiveramos que agardar dous anos a que se venderan en España”, lembra Manuel
“A clave está en seguir modernizándose e en mellorar o manexo”, asegura Manuel, que lembra os dous anos que botou agardando a que venderan en España os robots de muxido que vira nunha viaxe a Holanda. “Comezaramos a facer un establo novo e inicialmente estaba pensado para poñer unha sala de muxido, pero nesas fora a unha viaxe a Holanda e vira o robot nunha explotación alí e cando volvín xa non montei a sala. Pero tivemos que agardar case dous anos polo robot, así que tiñamos aquí as vacas e levabámolas a muxirse todos os días á sala da cuadra vella, que está a 300 metros”, recorda. Ao final aquel primeiro robot de muxido instalouse a finais do 2004 nesta explotación e foi un dos primeiros de Galicia en funcionar. “Puxérase outro noutra gandeiría en Arzúa”, lembra Manuel.
Lebón SC é unha gandeiría familiar que leva máis de 50 anos producindo leite. “Empezou coas vacas de leite meu pai nos anos 60, ía eu aínda á escola, comezou cunha pinta e cinco rubias”, conta Manuel. Cando el asumiu o testigo, no ano 85, fixo o primeiro establo con estabulación libre e sala de muxido en forma de espiña de peixe, que logo cambiou por unha Auto Tandem de 6 puntos.
No ano 98 Manuel e a súa muller, Consuelo, comezaron a facer unha nova nave que, con reformas e melloras, segue ser a base da explotación actual. No seu momento xa foi pensada para 140 vacas e para funcionar con robots de muxido, algo totalmente novidoso en Galicia.
Mestura húmida de Aira para as vacas en produción
Xa daquela esta explotación producía de xeito intensivo e alimentaba ao seu gando mediante o sistema de cátering diario. “Levamos na mestura húmida máis tempo que nos robots. Nunha viaxe á Seo d’Urgell coa cooperativa Cogasar viramos o sistema e implantárase aquí. Eramos unha rareza naquel tempo, con cátering e robot”, di.
Hoxe manteñen esta modalidade para as vacas en muxido. “Estamos nunha zona na que non se dá moito o millo nin hai moito terreo dispoñible e aumentamos máis ás cabezas de gando que á base territorial”, explica o seu fillo Marcos. A ración de produción sírvellela diariamente a cooperativa Aira, mentres que para as vacas secas e para a recría fan eles unha mestura seca, coa que alimentan unhas 135 cabezas de gando.
O custo da ración é de 8 euros diarios nas vacas en produción tendo en conta o cátering máis o punteo de concentrado no robot
Dispoñen en total dunhas 65 hectáreas de superficie agraria (23 propias e 41 alugadas e 2 pertencentes ao monte comunal), das que 18 “só valen para facer pastoreo”, aclara Marcos. É nestas parcelas nas que teñen a recría unha vez que as xovencas están preñadas.
No resto das fincas venden dúas cortas de herba para ensilado, nas que sacaron este ano uns 20.000 quilos de forraxe sumando as dúas cortas, e fan unha para herba seca, coa que logran sobre 3.000 quilos de herba seca en rolos.
“Coa nosa produción de herba non nos chegaría para cubrir a alimentación e teriamos que mercar todo o resto, así que para iso xa o mercamos feito”, xustifica a decisión de apostar polo sistema de cátering para produción. Pero aclara: “co cátering é fundamental lograr altas producións porque minimizas o custo da ración”. No seu caso, a ración por vaca de leite sáelles a 8 euros diarios, tendo en conta os custos do carro de Aira e o concentrado do punteo do robot.
1,8 millóns de litros producidos en 2019
No ano 2019 a media de produción de leite desta explotación situouse en 44 quilos por vaca e día cunhas calidades que oscilaron entre o 3,50% e o 3,60% de graxa e entre o 3,20% e o 3,25% de proteína. “Entregamos a Leite Río e interésannos litros, porque as calidades non se valoran nin se pagan”, afirma Marcos.
A produción total deste ano chegou a 1,8 millóns de litros, o que supón un 20% máis que o ano anterior. No 2018 produciran 1.468.823 litros, que representa á súa vez o dobre que 10 anos antes (no 2008 a produción total nesta gandeiría foi de 750.000 litros).
O promedio de cualificación morfolóxica do rabaño desta explotación situouse en 2018 en 81,76 puntos, cun ICO de 2.504 puntos e a media de produción de leite por vaca e ano foi nese ano de 11.395 litros. “Pero cando saian os datos oficiais de Africor de 2019 eses parámetros van subir moito”, adianta xa Marcos.
“A produción non está reñida coa lonxevidade. Cada vez logramos que as vacas nos duren máis porque se mellorou o confort”
Malia lograr grandes producións diarias, esta gandeiría demostra que a produtividade non está reñida coa lonxevidade se o manexo e os coidados son os axeitados. “Cada vez logramos que as vacas nos duren máis porque se mellorou o confort. Temos inseminada unha vaca, Lebón Calipso Elba, con 8 partos e case 110.000 litros producidos e con 15.000 litros previstos para a oitava lactación”, pon como exemplo Marcos. “Pariu todos os anos. As vacas boas son esas, as que non dan problemas e dan leite”, engade o seu pai.
Robots de última xeración
Unha das claves para o incremento de produción que lograron en 2019 foi a substitución a finais de 2018 dos primeiros robots que instalaran por outros de última xeración, uns Lely A5. “Os novos robots son máis rápidos e teñen capacidade para absorber maior número de vacas”, explica Marcos.
Con 125 vacas en produción, acadan medias de entre 2,7 e 2,8 muxiduras diarias, aínda que aseguran que “iso é algo que non nos preocupa moito, miramos máis a produción que a media de muxidos, iso non nos obsesiona”, din. “Chegamos a ter 72 vacas co primeiro robot que montamos no 2004. Estaba sobrecargadísima aquela máquina. Cinco anos despois trouxemos o segundo robot e repartimos o gando nos dous, logo fomos aumentando ás cabezas até completalos pero sen mercar vacas”, explica Manuel.
“Nunha explotación familiar non nos podemos plantexar facer tres muxiduras diarias nunha sala”
O cambio dos robots antigos polos novos, que van instalados no mesmo sitio, fixérono en só 10 días. “Puxemos os vellos a funcionar ao lado mentres instalabamos os novos para poder seguir muxindo”, conta Marcos, que afirma que “o robot non é a panacea, é un sistema máis que ten vantaxes e inconvintes a respecto da sala, porque por un lado tes máis flexibilidade horaria pero por outro tamén te pode chamar a calquera hora. Pero nós nunha explotación familiar non nos podemos plantexar facer tres muxiduras nunha sala”, conclúe.
E engade o seu pai: “o robot non che dá só mecanización e aforro de man de obra, apórtache tamén moitos datos de cada vaca e dache fiabilidade no muxido, porque non hai empregado que muxa como o fai o robot e sempre da mesma maneira”, afirma.
Co muxido diario resolto mediante os robots e coa alimentación solucionada en parte co servizo de cátering de Aira, o mantemento das camas é, xunto coa atención da recría, dous dos traballos diarios que máis tempo consomen. “Aquí a demanda de man de obra que temos débese ao sistema de recría, posto que temos animais en varios sitios diferentes. Nas camas estivemos con area até que puxemos os robots novos e nos pasamos a serrín con carbonato”, engade Marcos.
Novos investimentos previstos
Marcos, o seu pai Manuel e a súa nai Consuelo son os que atenden a día de hoxe a gandeiría, á que no 2018 se incorporou tamén a muller de Marcos, Noelia. Coa incorporación de Noelia acometeron unha serie de melloras na explotación, que incluíron a substitución dos robots e a construción de dúas naves, unha para as vacas secas e outra para instalar unha amamantadora.
Pero queren seguir modernizando a explotación e os novos investimentos que teñen previsto facer son a incorporación da amamantadora, un arrimador automático para a comida, cubrir a fosa do purín e mellorar o illamento da nave de produción. “No Plan de Mellora metimos tamén unha báscula e o inxector de purín. Con iso imos esgotar o límite dos 500.000 euros de investimento”, explica Marcos.
“Queremos mellorar o illamento da nave de produción porque cando fai calor no establo baixamos desde os 46 litros de media no inverno a 41 nos meses do verán”
O seu pai Manuel fora previsor. Tanto a capacidade da fosa de purín como a estrutura da nave de produción xa foran pensadas no seu día, fai xa 20 anos, para as vacas en produción que teñen hoxe e os robots novos están no mesmo sitio que estaban os vellos, pero queren mellorar o illamento do teito.
“O teito é de uralita e no verán nótase o calor. Esa é unha das reformas que temos pensado facer, pero non sabemos aínda moi ben que solución adoptaremos para mitigar o estrés por calor. Nos meses do verán baixamos desde os 46 litros de media no inverno aos 41 litros. O que está claro é que cando hai calor no establo baixa a media de muxiduras, iso é matemático”, explica Manuel.
Mellora no confort das vacas secas
A última mellora que acometeron, en 2018, foi a construción dunha nave nova para acoller ás vacas que se atopan no periodo seco. “É fundamental mellorar o manexo das vacas secas para lograr altas producións nas lactacións e nós coa nave nova para as secas melloramos moito niso e xa se está a notar”, asegura Manuel. A nova nave ten 42 cubículos e tres parideiras e foi construída nunha das cabezas da nave de produción para que o arrimador de comida que queren incorporar lles sirva para as dúas naves. Trátase dunha construción de estrutura metálica aberta polos lados e na que prima a funcionalidade.
“Ao principio tiñamos as vacas secas na nave de produción pero logo liberamos ese sitio para poñer o segundo robot no ano 2009″, conta Marcos. A nave de produción fora feita cunhas dimensións para 140 animais pero inicialmente só se puxeran 70 cubículos, que eran as vacas que tiñamos. Despois pouco a pouco foise dobrando”, explica.
Recría na propia explotación
Lebón SC conta hoxe con 258 cabezas totais. Ademais das 125 vacas en muxidura teñen 21 secas e 112 animais totais nas distintas fases de recría, que fan na propia explotación. Na actualidade destetan aos dous meses e medio e teñen intención de incorporar unha amamantadora.
Logo as becerras pasan a unha nave a uns 500 metros, que era unha antiga granxa de porcino, e onde as tenreiras están en cama quente en lotes de 4 ou 5 animais. Arredor dos 12 meses de vida lévanas a outra nave que teñen alugada xunto a 10 hectáreas de terreo e onde están até o momento de inseminar. Nesta cuadra instalaron unha antena para poder usar o detector de celo nas xovencas co mesmo sistema que se usa nos robots. Unha vez inseminadas e diagnosticadas saen a fóra a pastorear e aos 7 meses de preñadas volven á nave de produción ao lote de preparto.
Da inseminación tamén se encargan eles mesmos. “Usamos algo de sexado nas xovencas, máis ou menos o 50% e poñemos carne nos descartes”, explica Marcos. “Aquí hai vacas grandes pero non busco iso, de feito, é unha das cousas que lle miro ao touro, que non dea moita estatura”, engade.
Placas solares para reducir a factura eléctrica
Outra das medidas polas que apostaron recentemente foi a instalación o pasado mes de setembro de placas solares cunha potencia de 14,7 kW para tentar aforrar na factura eléctrica. “Pagabamos 800 euros ao mes de luz, incluído o consumo da casa, con 2 robots, cepillos eléctricos e recuperador de calor do tanque”, explica Marcos.
O Inega non lles permite verter á rede a enerxía sobrante que xera a súa instalación e víronse obrigados a instalar un sistema antiverquido ou de inxección cero que lles supuxo un gasto engadido. “É algo que non entendo, é enerxía que se produce e que podía ser aproveitada”, afirma Manuel, que pide á Administración que se actualice (a aprobación do Real Decreto 244/2019, que regula o autoconsumo de enerxías renovables, modificou diversos aspectos da normativa existente até o momento, un dos máis salientables é precisamente que agora pode venderse o excedente de produción de enerxía mediante a inxección á rede de transporte e distribución, aínda que o Inega non tivo aínda en conta este cambio) e lembra que cando puxo o primeiro robot a Consellería non admitía como mellora nas granxas esa innovación.
Necesidade de man de obra
A automatización da granxa permite a esta familia atender a gandeiría sen necesidade de ter empregados, aínda que a próxima xubilación de Manuel e Consuelo vai cambiar a situación actual. “Non temos traballadores externos neste momento pero queremos meter un porque os meus pais están a piques de xubilarse”, explica Marcos.
Para poder contratar traballadores non descartan aumentar o número de cabezas, aínda que aclaran que “a curto prazo a prioridade non é aumentar porque se van facer primeiro outros investimentos e queremos rematar antes esas melloras”.
“Unha explotación familiar sen asalariados é moi complexa de xestionar, porque tes que atender a moitos aspectos. Nas granxas máis grandes ou de varios socios esa labor é moito máis doada”
“Creo que para medrar e poder xestionar ben unha granxa o futuro pasa por asociarse, porque senón é moi complicado de levar para unha persoa soa, e non digamos xa a tranquilidade que dá ser varios cando non estás ou colles unhas vacacións. Eu considero que unha explotación familiar sen asalariados é moi complexa de xestionar, porque tes que atender a moitos aspectos, polo que creo que nas granxas máis grandes ou de varios socios esa labor é moito máis doada”, argumenta.