A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia estivo a funcionar dende o 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción, e acaba de rexistrarse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar como tal.
Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España. A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente a asociación conta con 34 ganderías socias, con 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías, con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL.
Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20% de produción de leite cru española, segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura do 2020.
O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios, cos que darán apoio ao sector. O proceso de rexistro da OPL, foi encargado a Agronovo Ecoloxía, asesoría especializada en agricultura e gandería ecolóxica.
A asociación convida ó resto de gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa para obter un beneficio mutuo, xa que se poderán beneficiar de formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, por citar algúns beneficios de pertenza á OPL.