Lactalis revisa os contratos coas granxas coa fórmula de prezos A e B

A industria láctea argumenta que ten que adaptar os seus acordos ó Real Decreto-ley 5/2020, que prohíbe usar o índice de referenciación que empregaba a compañía, o prezo Fega. A decisión suscita o descontento das organizacións agrarias, xa que é posible unha baixada de prezos cos novos contratos

Lactalis revisa os contratos coas granxas coa fórmula de prezos A e B

Factoría de Lactalis en Vilalba. / Arquivo.

Lactalis – Puleva, a principal industria láctea con recollida en Galicia, está a revisar os contratos anuais que asinou coas súas granxas proveedoras a comezos de ano. Os contratos, en vigor desde o 1 de marzo, tiñan en principio validez por un ano, pero a compañía advirte de que o Real Decreto ley 5/2020 obrígaa a reemprazar os contratos actuais por outros novos, a fin de deixar de empregar o índice de referenciación utilizado naqueles acordos, o prezo Fega de Galicia.

A cuestión é que o Ministerio prohibe desde febreiro que os contratos se referencien a índices que poidan estar intervidos pola propia industria asinante, como é o caso, xa que o prezo do leite en Galicia (Fega) está conformado en parte polos pagos feitos por Lactalis, que é a principal industria con recollida na comunidade, con arredor dun 20% do leite total.

Por ese motivo, Lactalis, consultada por Campo Galego, sinala que se ve “obrigada a deixar de utilizar o índice de referenciación de prezos pactado nos contratos, motivo polo cal é necesario suscribir novos contratos que fixen de xeito diferente o prezo”.

Na proposta de novos contratos, que entrarían en vigor en agosto, Lactalis ofrece un prezo base de 29,5 céntimos / Kg. para o 75% do leite (o mesmo prezo base que entrou en vigor en marzo), en tanto o restante 25% estaría referenciado ó prezo do leite en po en Europa, cun arco de prezo que sempre se situaría entre 28 céntimos (mínimo) e 30 céntimos (máximo), segundo os datos que trascenderon no campo.

Valoracións no sector
A revisión que propón Lactalis non gusta nas organizacións agrarias, pois é posible que implique unha baixada de prezos no campo en relación ó anterior contrato. O espírito do Real decreto ley 5/2020, de medidas urxentes en materia de agricultura e gandería, é o de asegurar prezos no campo que cubran custos de produción, unha cuestión que o Sindicato Labrego interpreta que eluden os novos contratos de Lactalis e outros.

“As industrias estanlle trasladando ás granxas contratos cunha cláusula na que se di que o prezo acordado cubre custos, coa única opción real de asinalo baixo imposición, sen negociar nada e sen ter en conta a suba de custes no campo”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Desde Unións Agrarias consideran tamén que os novos contratos propostos por Lactalis “non deberían ser legais”. “O que se asina, hai que cumprilo”, valora Óscar Pose, en relación ós contratos asinados por Lactalis a comezos de ano.

Cando Lactalis – Puleva comezou a trasladarlle esta nova proposta de contrato ás granxas, a finais de maio, a situación de baixos prezos do leite en po apuntaba a conseguintes caídas de prezos do leite no campo, xa que un 25% do leite nos novos contratos pasaba a estar referenciado ó leite en po.

Sen embargo, a evolución do mercado de produtos lácteos industriais nas últimas semanas é positiva, polo que desde Unións ven posible que non se chegue a producir baixada de prezos cos novos contratos da compañía.

Recuperación de prezos europeos

Os últimos datos de prezos de leite en po desnatado en Europa, do 7 de xuño, confirman a tendencia de recuperación das últimas semanas. A cotización sitúase en 217 euros / 100 Kg., un 15% máis que un par de meses antes, cando o valor chegou a caer a 191 euros / 100 Kg. (19 de abril).

En canto á manteiga, a evolución tamén é a alza, pasando dos 292 euros do 26 de abril ós 309 euros /100 Kg. do 7 de xuño.

Outra referencia internacional, a subasta do Global Dairy Trade, de Fonterra, amosa tamén unha tendencia á alza no leite en po desnatado, que remontou un 3,1% na poxa desta semana, en relación á anterior. A manteiga, sen embargo, caíu un 1%.

Organización de produtores Ulega
Por outra banda, Ulega, a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias, ten previsto retomar as negociacións con Lactalis e con outras industrias no mes que vén, pois tralo inicio da crise da Covid-19, as distintas partes acordaran postergar as negociacións, prorrogando os contratos daquela vixentes ou asinando contratos a curto prazo para as granxas que forman parte de Ulega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información