Repunte estacional do prezo do leite no outono

Repunte estacional do prezo do leite no outono

Os prezos do leite correspondentes a outubro situáronse no conxunto de España nunha media de 33,7 céntimos, o que representa unha suba significativa en relación ó mes anterior (32,9 céntimos), segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria. En Galicia, o prezo chegou en outubro a 32,7 céntimos de media, polos 32 céntimos de setembro. Este repunte interprétase no sector como ligado fundamentalmente á mellora estacional das calidades, pois os contratos anuais que manteñen a maioría de industrias deixan escaso marxe a outros movementos.

As calidades medias do leite en outubro foron do 3,83 de graxa, polos 3,71 dun mes antes, e do 3,39 de proteína, polos 3,30 de setembro. En Galicia, a porcentaxe media de graxa foi do 3,89 e a de proteína do 3,38.

En outubro, os volumes de entregas continuaron a tendencia ascendente do ano. Na media española, a produción foi un 0,2% superior ó mesmo mes do ano pasado, se ben Galicia continúa destacando por aumentos de produción maiores, que chegan ó 2% en relación a outubro do 2019.

Situación en Europa
A tendencia en Europa en outubro foi tamén de aumento dos prezos do leite, cun incremento do 3,02%, chegando ós 35,02 céntimos de media. Para novembro, o Observatorio Lácteo Europeo pronostica estabilidade de cotizacións no campo, cunha leve tendencia á baixa (34,96 céntimos de media).

En canto ós produtos lácteos industriais, como manteiga e leite en po, as cotizacións en Europa mantéñense estables no último mes. A boa noticia chega das poxas quincenais de Fonterra (Nova Zelanda), que esta semana repetiron liña ascendente e volven ós niveis de febreiro do 2020, tras nove meses por baixo deses valores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información