Reforma da PAC e xurros centran un encontro do ministro co agro galego

O titular de Agricultura, Luis Planas, reuniuse co presidente da Xunta e mantivo unha reunión posterior con organizacións do campo, á que tamén acudiu o conselleiro

Reforma da PAC e xurros centran un encontro do ministro co agro galego

Un momento do encontro do ministro coas organizacións agrarias e cooperativas.

Dous son os asuntos polémicos que ten abertos o Ministerio de Agricultura en Galicia, a reforma da PAC e o borrador do decreto de xestión dos xurros. Para escoitar a opinión do sector sobre ambos temas e apaciguar ánimos, o ministro de Agricultura mantivo hoxe unha reunión en Santiago con organizacións do agro, precedida dun encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

As mensaxes que se lle trasladaron ó ministro foron unánimes. En primeiro lugar, preocupación por como vai quedar Galicia na reforma da PAC, pois aspectos como a eliminación dos dereitos históricos ou a actual proposta de ecoesquemas (pagos medioambientais) poderían perxudicar á gandería galega.

Reunión con Feijoo
Sobre a nova PAC, o presidente da Xunta destacou que “Galicia está en contacto coas demais comunidades da Cornixa Cantábrica para trasladarlle ó Ministerio unha proposta o máis pechada posible co fin de que se teñan en conta os intereses atlánticos e cantábricos”.

Entrando en materia, Feijoo pediu que os ecoesquemas valoren cuestións como a prevención de incendios e a modulación de axudas en función do tamaño das explotacións, priorizando o modelo de agricultura familiar.

Outra cuestión que preocupa á Xunta son os fondos de desenvolvemento rural (segundo piar da PAC). O presidente do Goberno galego incidiu na necesidade dun reparto equilibrado de fondos entre as comunidades, ponderando factores como o volume de emprego agrario, superficie forestal ou volume e dispersión da poboación rural.

Por último, Feijoo interesouse polos fondos Next Generatión, procedentes do fondo de recuperación deseñado por Bruxelas para a recuperación económica trala Covid. Insistiu que o seu proxecto prioritario para eses fondos é unha fábrica de fibras téxtiles que traballe coa madeira como materia prima, pero anunciou novos proxectos para concurrir ós fondos, como un plan para desenvolver 3.500 hectáreas de regadío moderno na Limia, para os que pide 190 millóns de euros, ou as plantas de xurros xa anunciadas, para as que busca fondos.

Organizacións agrarias e cooperativas
Planas mantivo un segundo encontro con organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego) e cooperativas (Agaca), ó que tamén acudiu o conselleiro do Medio Rural, José González. Na reunión, o sector trasladoulle a Planas as súas demandas sobre a PAC e os xurros. A preocupación céntrase en que eliminar os dereitos históricos da PAC pode perxudicar ás granxas galegas, pois Galicia é a comunidade con menos hectáreas elixibles por explotación, segundo advertiu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

García avogou por retrasar no posible a desaparición dos dereitos históricos e por darlle tempo ás explotacións galegas a adecuar a súa base territorial. Demandou asimesmo un plan redistributivo de fondos que prime as primeiras 30 hectáreas de cada produtor.

Por parte do Sindicato Labrego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, advertiu que a media galega de pagos da PAC está en 2.590 euros, “fronte ós case 4.000 de media estatal”. Vilalba considera que hai que rematar con esa “inxustiza” e fixar criterios de reparto “con maior impacto social, como o número de postos de traballo xerados por cada hectárea agraria”. O Sindicato Labrego pide ademais que na nova PAC poidan entrar sectores que ata agora estaban á marxe, como o vitícola ou a horta.

Sobre os xurros, as organizacións agrarias pediron que se teñan en conta as características de Galicia e se diferencien as esixencias en función do tipo de granxa, tendo en conta ás ganderías de montaña, ás de pastoreo e ás pequenas explotacións.

Un último punto de debate estivo nos contratos das industrias coas granxas, principalmente en vacún de leite. O sector demandoulle a Planas mecanismos eficaces que permitan defender os dereitos dos produtores, sen ter que recurrir á Xustiza. A segunda reforma que está afrontando a Ley de la Cadena Alimentaria abre a porta a que estas reivindicacións se poidan ter en conta.

Valoracións do ministro
Tralas reunións, o ministro, que pechou a súa estancia en Galicia cunha visita á adega cooperativa Martín Códax (Cambados, Pontevedra), afirmou que a súa vontade é “contar con Galicia e coa visión de Galicia” para a elaboración do Plan Estratéxico Nacional da PAC.

Planas incidiu en que está garantido o mantemento dos pagos asociados da PAC en vacún de leite e vacún de carne, dúas liñas que interesan na gandería galega, e avanzou tamén que se publicará en breve un real decreto que busca mellorar a transparencia do suministro de leite.

O obxectivo do Ministerio é segmentar máis a información de prezos do leite no campo, indicando canto se paga polo leite ecolóxico e por aquel destinado á “elaboración de produtos de calidade diferenciada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información