Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

Publicidade
Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

Acios de Treixadura afectados por botrite. // Imaxe de arquivo.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda manterse alerta ante os danos por botrite que poden darse nos viñedos. O risco por mildio e oídio é cada vez menor, ó atoparse xa boa parte das cepas no pintado.

No caso da botrite, o feito de que xa practicamente en todos os predios e variedades os acios se atopan na fase de pintado, estado no que son máis sensibles ó ataque deste fungo oportunista, motiva que haxa que manterse máis alerta ante posibles danos. Ademais, dende a Estación, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que o incremento da humidade, as temperaturas suaves, o incremento do azucre na uva, os acios compactos, os acios secos por mildio ou os danos nos grans favorecen a aparición deste patóxeno.

Por iso, se non se aplicou aínda un antibotrítico, aconsellan facelo despois das choivas que se agardan para os próximos días, en especial se finalmente chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de que se instale o fungo. Naqueles viñedos que foron tratados con cobre para previr ataques por mildio, este pode ser suficiente polo momento para frear a incidencia.

As chuvias e as temperaturas mínimas elevadas tamén poden favorecer a aparición de novas manchas e lavarán os tratamentos aplicados contra o mildio. Aínda que o risco de contaxio é cada vez menor, recomendan renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se tiveran dado antes ou onde se tiveran producido danos ó longo da campaña.

Mentres, se as chuvias previstas son intensas reducirase o risco de aumento de síntomas de oídio en follas, pampos e acios rebuscos. Así, no último boletín emitido pola Estación só aconsellan aplicar un tratamento antioídio ó tratamento de cobre para o mildio naqueles predios con variedades que teñan a enfermidade.

Capturas do vector da flavescencia dourada

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan manterse alerta polo vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Polo momento só o capturaron en trampas colocadas nas comarcas do Rosal e O Condado. Con todo, recordan a importancia dos tratamentos para frear o avance da enfermidade, posto que o insecto pode estar aínda presente ata ben entrado setembro. Ademais, deben cortarse e eliminarse as plantas de viña abandonadas, para evitar que se convertan en refuxio para o vector.

Mal do chumbo nas froiteiras

Como detallan no seu último aviso sanitario, xa están a detectarse froiteiras afectadas polo mal do chumbo. No caso de localizar danos, recomendan eliminar as ramas afectadas, se se trata dun ataque localizado, ou mesmo as árbores danadas, para evitar a expansión da enfermidade. Tamén aconsellan facelo xa no verán, para reducir o nivel de inóculo presente na parcela.

Para reducir o risco de contaxio na planta, despois de cada corte hai que aplicar unha pasta funxicida e antes de podar a seguinte rama deben desinfectarse ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben retirarse da finca.

Estas mesmas recomendacións, poden aplicarse ás maceiras e pereiras que estean afectadas por cancro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información