A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a unha empresa para a realización das obras de rehabilitación e reforzo estrutural da casona na Finca Areeiro. Luis López asegurou que este investimento, que ascende a 40.000 euros e ao que hai que engadir outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”.
O obxectivo da actuación é arranxar complicacións existentes nos edificios pendentes desde facía anos. Deste xeito, no caso concreto da casona, á que se destinarán 40.000 euros, trátase de substituír elementos estruturais e emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. No caso do laboratorio, onde se investirán 90.000 euros, rehabilitarase o acceso ao primeiro andar do edificio. “En resumo –asegurou o presidente Luis López- imos investir nestes meses 130.000€ para remodelar as instalacións da Finca Areeiro, un centro científico pioneiro que queremos que sexa, se cabe, aínda máis pioneiro”.
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.
Ademais este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. No 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.