Recomendan aplicar fitosanitarios protectores nas cepas afectadas polo pedrazo en Sober

Os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un percorrido pola zona e constatan unhas 11,5 hectáreas nas que as vides quedaron sen follas nin acios. Ademais dos tratamentos aconsellan realizar poda en verde

Publicidade
Recomendan aplicar fitosanitarios protectores nas cepas afectadas polo pedrazo en Sober

Instante da visita ós viñedos afectados polo pedrazo.

As tormentas dos últimos días están a causar estragos en cultivos en distintos puntos de Galicia. Unha das zonas afectadas foi o concello de Sober, onde unha tromba de pedrazo rexistrada o pasado domingo provocou importantes danos nos viñedos. Este xoves desprazouse ata a zona o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, para coñecer de primeira man os danos ocasionados. Con el estaban o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Juan Casares, técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte de Lemos, o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández.

Precisamente, os técnicos da Evega e da OAC estanse encargando de orientar ós produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas. Así, os técnicos da Xunta recomendan aplicar ata o vindeiro sábado 4 de xuño diversos produtos fitosanitarios protectores, co fin de evitar máis danos e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para estes días. Na medida do posible, tamén recomendan realizar a poda en verde das cepas, rebaixando a lonxitude dos gromos máis desenvolvidos en aproximadamente 1/3 da súa lonxitude.

Neste senso, cabe sinalar que os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie dunhas 11,5 hectáreas as vides quedaron sen follas nin acios. Tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, noutras 74,8 hectáreas adicionais. Con todo, o director apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifeste o total dos estragos.

Aconsellan ós produtores e adegueiros afectados solicitar asesoramento coa OAC de Monforte e Castro Caldelas

Así, José Luis Cabarcos comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nese senso, os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento no teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte. Cabarcos tamén sinalou que estas recomendacións fitosanitarias serán enviadas á oficina agraria comarcal de Castro Caldelas, por proximidade tamén ás zonas afectadas, cuxo número de teléfono é o 988 788 827.

Seguros agrarios

Doutra banda, dende a Consellería de Medio Rural tamén recordaron que este ano destinaron 7 millóns de euros, un 17% máis que o orzamento do ano pasado, ás axudas para fomentar os seguros agrarios. Cabarcos incidiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. “Coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o rexistrado, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións”, sinalou o responsable de Agacal.

Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro, segundo a liña da que se trate, e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. Así, a Xunta concede estas axudas de forma directa ós agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano.

-Consulta aquí a orde do DOG sobre as axudas para contratar os seguros agrarios. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información