“O rolo de silo de herba xa se paga a 45 euros debido á menor produción deste ano”

Os produtores de Suprema alertan da menor colleita na campaña de ensilado e as malas perspectivas para a herba seca, o que vai provocar un aumento das necesidades de compra de insumos e un encarecemento dos custos de produción das explotacións

Un momento da protesta dos produtores de Ternera Gallega Suprema este luns diante da Subdelegación do Goberno

Un momento da protesta dos produtores de Suprema este luns diante da Subdelegación do Goberno

“Non é certo que aquí non haxa seca; estamos recollendo un 40% menos de forraxe”, asegura Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema. Os produtores de vacún de carne están a compatibilizar estes días a campaña de ensilado de herba coas protestas polos baixos prezos dos xatos e o reparto “discriminatorio” das axudas da PAC e a seca. 

“Hai unha merma considerable nalgunhas zonas. Houbo menos herba e veu máis retrasada, polo que a segunda corta para silo xa non se vai facer e os prados que deixamos para herba seca van fundir moito menos que outros anos”, afirma Santiago. 

Os rolos de silo estanse vendendo xa a 45€ e aínda van subir máis cando chegue o inverno

Iso obrigará ás ganderías a reducir o número de cabezas ou a depender de insumos externos, o que aumentará os custos de produción das granxas. “Os rolos de silo estanse vendendo a 45€ e cando chegue o inverno aínda van subir máis e a palla está a 170€. Con ese prezo é inviable encamar os xatos”, di. 

Coa palla a 170€ é inviable encamar os xatos

Ante esta situación, os produtores de Suprema considéranse “dobremente prexudicados”. “Por un lado só imos poder cobrar o 25% das axudas para paliar os efectos da seca e, por outro, imos ter que mercar moito máis caros os insumos que precisamos para alimentar o noso gando”, argumentan. 

A protesta trasládase á Deputación de Lugo

O sonido das chocas, as bucinas e os petardos volveuse escoitar este luns diante da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema mantén a súa protesta desde hai máis dun mes e despois de que a semana pasada decidiran levantala de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo tralo anuncio da Consellería de Medio Rural dunha axuda directa por quilo de carne producido.  

Hai máis dun mes que os produtores de carne de Suprema se manifestan contra a nova PAC, a protección do lobo e os baixos prezos dos xatos 

“A AICA, a protección do lobo, a prima por vaca nodriza da PAC e o reparto da axuda pola seca é cousa do Ministerio e en ningún destes aspectos houbo avances”, lembra Santiago Rego, que traslada a pelota ao tellado da Deputación de Lugo.

“Queremos que o presidente da Deputación nos reciba antes do venres. Se o ministro ou o delegado do Goberno non atenden as nosas demandas queremos saber de qué lado están os alcaldes do PSOE, queremos que dean a cara antes das eleccións”, insisten. Se esa xuntanza non se produce esta semana, o venres as protestas dos gandeiros trasladaranse á sede da Deputación. 

O Ministerio anuncia que a axuda pola seca será ingresada antes do mes de outubro

As demandas dos produtores de Suprema recibiron resposta a semana pasada por parte do Ministerio, pero esta non satisface aos manifestantes, que se consideran “discriminados” no reparto de axudas. “Vemos no BOE que en Estremadura ou Andalucía van cobrar 157€ por vaca mentres en Galicia só cobraremos 39€”, lembra Santiago Rego. 

O Ministerio anuncia na súa resposta que as axudas pola seca serán ingresadas antes de outubro. “A nova liña de axudas para paliar os sobrecustos producidos tanto pola situación de Ucraína como pola seca estímase que ascenderá a 6,2 millóns de euros e o Ministerio vai intentar que cheguen aos gandeiros galegos antes do vindeiro mes de outubro”, avanza o departamento que dirixe Luis Planas. 

En relación á nova PAC, o Ministerio descarta que se poidan comparar as axudas por vaca de leite (158€) e de carne (85€) e considera que o cumprimento dos ecorreximes por parte das ganderías en extensivo “non supoñen unha grande complexidade”.

A gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España, recoñece o Ministerio de Agricultura

Sobre a protección do lobo, Luis Planas traslada a responsabilidade ao Ministerio de Transición Ecolóxica e recoñece que “a gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España” e móstrase partidario dunha “xestión adaptativa das poboacións de lobo” e dun “maior entendemento entre os actores involucrados: caza, gandería, Ministerio de Transición Ecolóxica e mundo urbano”. 

Na súa resposta, o Ministerio de Agricultura involucra tamén á Xunta no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria: “A competencia de control de cumprimento da Lei da Cadea é compartida entre a AICA e as 17 Autoridades de Execución das comunidades autónomas”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información