Recomendacións para o coidado da viña durante esta semana

Publicidade

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este venres o seu boletín fitosanitario da semana, onde realizan unha avaliación do estado sanitario dos viñedos na provincia de Pontevedra e ofrecen unhas recomendacións para a prevención das principais enfermidades fúnxicas da vide.

Mildio:

Nestes momentos as predicións meteorolóxicas a curto prazo indican que persistirá a climatoloxía destas últimas semanas (aínda que cunha baixada notoria nas temperaturas diúrnas e nocturnas) para despois estabilizarse.

Con esta situación, e sabendo que hai moitas persoas que xa están a renovar os tratamentos, os técnicos de Areeiro seguen a recomendar “a vixilancia das viñas aínda que estean teoricamente protexidas fronte ao mildio, porque pode ocorrer que incluso na mesma folla haxa manchas ben curadas e outras que non o están, e sabemos que a floración, que está próxima ou comezando, é unha fase moi sensible a esta patoloxía”.

Por este motivo, recomendan tamén non descoidare tampouco as prácticas culturais de sega da vexetación do solo, que medra vigorosamente debido ao tempo que se rexistra.

Black rot:

Nesta semana pasada detectaron en dúas viñas tratadas algunha folla cunha pequena mancha do patóxeno, debido a que as condicións meteorolóxicas son favorables. Neste sentido, dende a Estación Fitopatoloxica do Areeiro lembran que “hai produtos fronte o mildio e/ou fronte ao oídio que tamén amosan eficacia fronte a este fungo e que a posible presenza de plantas abandonadas próximas afectadas contribúe de xeito significativo a incrementar o risco de ataque, polo que deben ser eliminadas”.

Oídio:

Tampouco nesta semana detectaron síntomas do fungo en ningunha das viñas que visitaron os técnicos de Areeiro.

Botrite:

Aínda que esta semana observaron aínda máis pampos rotos debidos ao vento, e tamén follas, non detectaron síntomas de podre. Con todo, lembran que estes pampos que están a secar é conveniente retiralos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información