Recomendacións para mellorar as contas das granxas de leite cos insumos disparados

O encarecemento dos pensos, os fertilizantes, o gasóleo, os plásticos e a electricidade está a poñer contra as cordas ás explotacións. Analizamos algunhas estratexias que se poden seguir para reducir gastos e incrementar a marxe por litro de leite

Un momento da xornada sobre os custos de produción das granxas celebrado no salón de actos da Politécnica

Un momento da xornada sobre os custos de produción das granxas celebrada no salón de actos da Politécnica

Unha xornada celebrada recentemente na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo reuniu a varios expertos en xestión económica e produción de forraxes, que analizaron a situación actual das granxas de leite e propuxeron solucións a curto e medio prazo para mellorar as súas marxes de beneficio.

A alta dependencia dos concentrados das explotacións leiteiras galegas colócaas nunha situación difícil en momentos de prezos altos do concentrado como os actuais. O modelo de producir leite a base de penso funcionou ben no pasado, pero mostra as súas debilidades cando se produce un deterioro na relación entre o prezo de venda do leite e o de compra do concentrado.

Nos últimos anos incrementouse a superficie de millo forraxeiro pero o 40% do gasto en alimentación segue a ser a compra de concentrado

O millo subiu un 30%, a cebada un 50% e a soia un 25% no ultimo ano, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, sen ter en conta os efectos da guerra de Ucraína. Pero se imos máis atrás, os prezos das principais materias primas para alimentar o gando duplicáronse, mentras a suba do prezo do leite, materializada na renovación dos contratos desta primavera, non o fixo na mesma proporción.  

As explotacións foron quen até o de agora de asumir ese desfase mellorando a súa eficiencia produtiva, profesionalizando a súa xestión e incrementando o seu volumen para diluír deste xeito os custos fixos, pero tres cuartas partes do gasto das granxas de leite neste momento tería que ver coa alimentación do gando, e diso, o 40% representaríao o penso.

Gonzalo Flores (CIAM): “Non hai solución máxicas, pero hai que ir dando pequenos pasos de xeito paulatino”

Para Gonzalo Flores, xefe do departamento de Pastos e Forraxes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o sector leiteiro galego ten necesidade de reorientarse cara a modelos máis vinculados á terra. “Temos un modelo moi dependente de insumos externos que é difícil de manexar en condicións normais e moito máis nunha situación de economía de guerra como a que temos hoxe”, recoñece.

Desde a fin das cotas lácteas está a haber un movemento da produción de leite a nivel europeo cara as zonas atlánticas con máis capacidade de producir forraxes

Para el, os principais valores do sector leiteiro galego están na profesionalidade dos gandeiros e nunhas condicións agroclimáticas propicias para a produción de forraxes. “Desde a fin das cotas lácteas no ano 2015 está a haber un movemento da produción de leite a nivel europeo cara as zonas atlánticas con máis capacidade de producir forraxes”, explica.

Segundo un estudo recente da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, en Galicia habería 50.000 hectáreas próximas ás zonas actuais de produción de leite que serían aptas para a produción de millo e pradeiras sementadas, pero o seu uso está limitado por factores como o minifundio e a división da propiedade. “Só o 31% do terreo está en mans de agricultores; temos 1,6 millóns de propietarios de terreos rústicos e só 30.000 agricultores”, evidencia Gonzalo.

As nosas rotacións de 2 cultivos por ano son das máis produtivas da UE

Ante a falta de terra dispoñible, di, “os gandeiros adoptan unha solución moi intelixente e racional, a da intensificación da produción de forraxes”. “As nosas rotacións de 2 cultivos por ano son das máis produtivas da UE, con produtividades de entre 18 e 20 toneladas de MS por hectárea: entre 5 e 7 o cultivo de inverno e entre 12 e 13 o millo, con oscilacións climáticas e por zonas en función do ano”, detalla.

Déficit en cereais e oleaxinosas

As racións máis habituais nas granxas de leite galegas empregan unha proporción de forraxes e concentrado que se move no rango do 65-35% ou do 60-40% nas máis intensivas. Na maioría dos casos o problema está en cubrir ese 35-40% de concentrados, xa que “nun 97% as explotacións galegas son autosuficientes en forraxe”, destaca Gonzalo.

Pola contra, existe unha total dependencia de cereais, soia e colza. “Estamos no rango máis alto de rexións da UE do que custa alimentar aos animais; os alimentos comprados sobre o custo de produción está nun 30% en Francia e nun 25% na Bretaña, pero aquí sitúase no 60-70%”, explica.

Os alimentos comprados representan en Galicia o 60-70% do custo de produción das ganderías, o dobre que en Francia

“En Galicia producimos leite para 17 millóns de persoas e carne para 8 millóns de persoas pero para iso temos que importar 3 millóns de toneladas de concentrado, dos que 1,3 millóns son para ruminantes, o 65% cereal e o 28% oleaxinosas”, detalla.

 “Co que nós producimos (unhas 160.000 toneladas de cereal, das que 100.000 son gran de millo e 33.000 de trigo) só poderiamos cubrir 1 de cada 10 quilos de penso que necesitamos para alimentar á nosa cabana gandeira de leite e para producir un millón máis de toneladas de cereais e leguminosas necesitaríamos 200.000 hectáreas de terreo, a mesma SAU que teñen as explotacións leiteiras na actualidade”, engade Gonzalo.

Ás 200.000 hectáreas necesarias para producir as materias primas para as explotacións de leite habería que engadir outras 40.000 hectáreas para cubrir as necesidades do vacún de carne e 320.000 para avicultura e porcino. “En total, importamos 1,5 veces a terra de cultivo da que disponemos na actualidade”, calculou.

Esta dependencia exterior dase tamén para consumo humano. “O que producimos chegaría só para alimentarnos mes e medio, pois cultivamos só 12.000 hectáreas para alimentación humana cando para cubrir as nosas necesidades faríannos falta 70.000 hectáreas máis”, engade.

Mestura de trevo anual con raigrás

“Temos unha economía baseada no paradigma do petróleo barato e iso acábase. Pero cos cambios bruscos corremos o risco de emborcar, hai que ir cambiando as cousas paulatinamente e sen estridencias”, defende.

Para iso, propón ir facendo algunhas modificacións no sistema de rotación de cultivos para mellorar o nivel de autoabastecemento de proteína das ganderías e aproveitar dun xeito máis eficiente o xurro que producen as propias granxas.

“O raigrás no mes de abril pode ter un 30% de azúcares, igual que o 30% do almidón que ten o millo, pero é doado atopar ensilaxes de raigrás co 8-9% de proteína nada máis. Desde 2010 no CIAM iniciamos un programa destinado a incrementar o contido proteico das rotacións forraxeiras, deixando o millo como cultivo de verán, e introducindo unha leguminosa no cultivo de inverno. Probamos con distintas mesturas (veza-avea, chícharo con triticale, fabas) pero todas tiñan inconvintes e o problema nas mesturas con cereal é que ti sabes o que sementas pero non sabes con precisión o que recolles”, explica.

A mestura de trevo anual con raigrás híbrido permite incrementar notablemente a proteína do ensilado de herba

Por iso na actualidade están a probar con éxito mesturas de trevo anual con raigrás híbrido. “Os trevos anuais, procedentes da zona mediterránea (Italia, Grecia), teñen a particularidade de que están adaptados aos solos ácedos que temos en Galicia. Son sementes que foron melloradas en Australia e viñeron de volta a Europa e son unha boa alternativa”, destaca.

O resultado final é que comparado co raigrás híbrido só, esta mestura permite incrementar notablemente a proteína sen comprometer a enerxía por hectárea, de maneira que permite tamén reducir a proteína do penso de xeito significativo, en máis dun 15%. “É un pequeno avance, pero non resolve o problema; as solucións máxicas non existen”, recoñece Gonzalo.

É necesario ir cambiando o paradigma e para iso o asesoramento integral, que comprenda todo o conxunto da explotación, é fundamental

Outra das vantaxes da introdución do trevo no cultivo de inverno é que permitiría cumprir cun dos modelos de ecoesquema da nova PAC, que esixe facer dúas rotacións e que un 10% da superficie sexa sementada cunha especie mellorante. “Hai que someterse aos requisitos ambientais, aos que hai e aos que veñan”, di. Neste sentido, recomenda tamén cubrir as fosas de xurro, que fai que as emisións sexan distintas e mellora o poder fertilizante do purín.

Público asistente á xornada, con presenza de estudantes, gandeiros e técnicos

Público asistente á xornada, con presenza de estudantes, gandeiros e técnicos

Xan Pouliquen (Xestión Agrogandeira e Natureza): “Neste momento hai que usar as reservas de silo, non se deben aforrar as forraxes para o ano que vén”

Xan Pouliquen hai tempo que focaliza o seu traballo no asesoramento ás granxas para un mellor aproveitamento do pasto, ademais de facerlles xestión económica. Un dos índices cos que traballa é o de penso por litro de leite e asegura que na actualidade un indicador de 400 gramos de penso por litro de leite supón “un problema para a viabilidade desa granxa”.

En base aos datos reais dos seus clientes fai unha simulación: “Poñendo o penso a 380 euros por tonelada e multiplicando abonos, gasóleo e luz por dous con respecto ao ano pasado, iso supón un incremento de custos de 7-8 céntimos en litro”, calcula.

“Hai un intento das empresas por compensar iso, pero a situación dos custos segue a subir e o gandeiro que cobraba o leite a 33 céntimos o ano pasado e negociou a renovación de contrato a 40 céntimos pode estar cubrindo ese sobrecusto neste momento, pero non sabemos que vai pasar dentro dun mes ou dous”, di.  

Un indicador de penso por litro de leite de 400 gramos é un problema na viabilidade da granxa neste momento

Por iso recomenda non deixar en mans do prezo do leite a viabilidade da explotación, senón adoptar medidas a nivel de granxa para a redución de custos. “Co prezo da luz pouco podemos facer se non o fixemos xa, porque as medidas de aforro enerxético, como a instalación de placas solares, requiren investimento e a maioría de ganderías non dispoñen neste momento de capacidade económica para poder investir, polo que habería que incidir noutros factores como son a alimentación ou o manexo”, razoa.  

Máis alimentos propios

“Na alimentación o que podemos facer é usar máis alimentos propios. Non reservar as forraxes que teñamos e darlles de comer ás vacas co alimento que facemos nós, non aforralo para o ano que vén”, recomenda.

Pouliquen propón tamén “reducir o laboreo para aforrar gasóleo”. “Hai que roturar menos o terreo e tratar de que as pradeiras duren máis. Se as facemos ben non hai que renovalas tanto”, asegura. 

Hai que traballar con analíticas de terra para racionalizar os abonos

A nivel de abonado recomenda limitar o uso de fertilizantes químicos. “Hai que traballar con analíticas de terra para racionalizar os abonos. Iso non é de agora, pero neste momento faise imprescindible”. Para suplir os fertilizantes químicos e non perder produción de forraxe recomenda “xestionar ben o xurro e usalo mellor, gardándoo do inverno para a época de labrar e que vaia diante o tractor botándoo e case detrás o arado tapándoo”, di.

Repensar o cultivo de millo

“Un dos cultivos que máis abonos require é o millo e igual temos que repensar se non nos interesa reducir un pouco a superficie que botamos a millo. Se fai falla meter un cultivo de verán eu metería pasto de sudán ou sorgo, que require menos abono e dá menos traballo”, opina Pouliquen.

Para que compense o millo temos que obter 1.000 litros máis por vaca

Sen embargo, non está de acordo con el niso Gonzalo Flores. “Eu non cambiaría o millo por sorgo ou pasto de sudán, porque a dixestibilidade é moito máis baixa. O millo o que hai é que cultivalo nos lugares apropiados. Ti quitas o millo hoxe nas explotacións de leite e a nosa produción resentiríase notablemente”, asegura.

“Nun ensaio durante dous anos levado a cabo en Mabegondo, a produción mediante rotación de cultivos máis que duplicou a produción en base a herba soa”, engade. En canto ao custo da ensilaxe, di, “a ensilaxe de millo non ten por que ser máis cara que a ensilaxe de herba, en millo podemos estar en 10 céntimos por quilo e en herba en 12, aínda que se pastoreas van ser 4 céntimos, iso é evidente”, recoñece o investigador do CIAM.

En granxas en pastoreo

Pero Pouliquen matiza: “levar as vacas a pacer é moi doado pero facelo ben non o é tanto”. “Hai moita xente en pastoreo que traballa mal. Pódense gañar cartos ou perder cartos en todos os sistemas e hai tanta variabilidade que non che permite sacar unha conclusión de que sistema é mellor que outro. En momentos como os últimos tres anos, de prezos do leite máis altos que o dos concentrados, en intensivo gañaban máis, pero en momentos como o actual as ganderías en pastoreo perden menos porque son moito máis resistentes”, asegura.

En momentos como o actual as ganderías en pastoreo perden menos porque son moito máis resistentes

Pouliquen recomenda ás granxas en pastoreo dar o mínimo de concentrado no momento de pasto abundante, agora na primavera, para acabar o ano con 100 gramos por litro de leite e levar os animais a pacer de día e de noite en primavera e outono. “En beneficios por hora de traballo, as explotacións en ecolóxico gañan máis, pero en ecolóxico tamén hai xente traballando moi mal”, recoñece.

Exceso de enerxía nas racións

 “Non hai unha solución única para todo o mundo. As granxas galegas que traballan con sistema confinado deberían reorientarse para pasar a intensificacións menores, con animais de 8.000-9.000 litros”, considera.

Temos que prepararnos a longo prazo, porque a situación actual vai durar

“O que queira manterse no sistema actual, ten que mentalizarse de que este sistema está pensado para funcionar con altibaixos. Sabes que vas ter anos que van ser malos, polo que hai que gardar cartos dos anos bos para os anos malos, nada de gastalos mercando un tractor novo sen facer falta ou un piso en Coruña”, exemplifica. 

As granxas galegas que traballan con sistema confinado deberían reorientarse para pasar a intensificacións menores, con animais de 8.000-9.000 litros

 A situación actual, di, vai durar e debería levar á reflexión. “Vemos un exceso de enerxía e falta de fibra nas racións, porque os nutrólogos fan unha ración para 40 litros e resulta que despois as vacas dan 37. Para que compense o millo temos que obter 1.000 litros máis por vaca. Polo tanto, se sacamos o millo e baixamos 1.000 litros quedamos a pre”, defende Pouliquen.  

Reducir a recría e alongar o periodo de secado

Outra das medidas que propón para minimizar gastos é “reducir a recría e non reemprazar tanto as vacas, aproveitalas máis, porque á recría hai que darlle de comer. E de paso botala ao pasto, igual que as secas, que é moito máis barato que crialas dentro”, afirma.

Do mesmo xeito, propón “alongar os secados de un mes a dous meses para que as vacas arranquen máis amodo, requiran menos penso por litro e reducir deste xeito os custos de alimentación. Tamén se pode facer monomuxido nos primeiros 15 días para que o pico inicial de lactación non sexa tal alto”, di.

En canto á política de descartes, “non estou de acordo que sexa rendible quitar vacas neste momento”, di, e propón no canto diso “facer dúas racións diferenciadas, unha para vacas de máis produción e outra para vacas de menos”.

Finalmente, cuestiona a dinámica na que se atopan moitas explotacións galegas que “cando o leite vale cartos hai que dobrar para aproveitar os bos prezos e cando os prezos son malos tamén hai que dobrar porque senón non chega para pagar os investimentos feitos para poder dobrar”, conclúe.

Rubén García (Clun): “O que marca a viabilidade dunha explotación é a súa eficiencia, independentemente do seu sistema de produción”

A cooperativa Os Irmandiños, agora integrada en Clun, leva facendo xestión económica de explotacións desde o ano 1992. Rubén García é técnico de xestión nas oficinas de Ribadeo desde onde levan 80 ganderías das comarcas da Mariña, Terra Chá e Melide.

“No noso grupo de xestión temos explotacións de todos os sistemas. Hainas intensivas, en pastoreo e en ecolóxico e todos os sistemas poden ser viables dependendo da súa adaptación ás condicións da propia granxa”, di.

Todos os sistemas poden ser viables dependendo da súa adaptación ás condicións da propia granxa

“Non son forofo dun sistema ou de outro. Eu a unha explotación que ten toda a superficie pegada á granxa recoméndolle que faga pastoreo pero moitas outras non teñen condicións para facelo. E o cambio de modelo podes plantearte facelo se non tes créditos e non debes nada a ninguén, pero se tes mochila esa decisión é difícil de tomar”, di. 

O cambio de modelo podes plantearte facelo se non tes créditos e non debes nada a ninguén, pero se tes mochila esa decisión é difícil de tomar

Por iso destaca que “o que marca a viabilidade dunha explotación é a súa eficiencia. Hai que ser eficiente en intensivo, en pastoreo e en ecolóxico. O sistema intensivo require que sexamos o máis eficientes posible, pero tamén nos outros sistemas. Nestas épocas de crise hai que ser cada vez máis profesionais”, afirma.

Hai que ter un desglose pormenorizado dos costes para saber por onde se nos están indo os cartos

Propón axustar tanto o penso como o abono ao xusto e necesario, optimizando a produción de leite en base ao concentrado. “Podemos conseguir 43 litros por vaca con 300 gramos de concentrado”, asegura.

A longo prazo cubrir as fosas é un investimento rendible pero o problema é que se non a temos cuberta require gastar cartos

Ao igual que propugna unha alimentación máis individualizada, tamén defende as recomendacións de abonado á carta e sacar maior partido ao purín. “A curto e medio prazo unha das bazas que temos é aproveitar mellor o purín. É imprescindible ter capacidade de almacenamento e recomendamos ampliar as fosas a través de Plans de Mellora, agora que se incrementaron os valores dos módulos. Igual que cubrir as fosas de purín para mellorar a súa calidade, evitando enchelas de auga, polo tanto aproveitar a súa capacidade exclusivamente para purín, non para auga, e reducir deste xeito ter que gastar o gasóleo transportando auga ás fincas. A longo prazo cubrir as fosas é un investimento rendible pero o problema é que se non a temos cuberta require gastar cartos”, argumenta.

Fuxir do monocultivo millo-wester

En canto á produción forraxeira, Rubén considera que “o millo é interesante no modelo intensivo. Se se fai ben e nas fincas adecuadas é rendible, obtendo producións e 40.000, 50.000 ou 60.000 quilos”.

Temos boas experiencias con cereais forraxeiros cun corte temperán, con calidade aceptable e proteínas do 14-16%

Pero recomenda fuxir do monocultivo millo-wester. “Cada vez facemos peor forraxe de herba, con baixas dixestibilidades e mal conservadas. En Irmandiños temos boas experiencias con cereais forraxeiros cun corte temperán, con calidade aceptable e proteínas do 14-16%. Temos que conseguir pradeiras de longa duración e meter máis cereais no canto do wester”, di.

“Nas explotacións en pastoreo pecamos da calidade dos silos, as vacas non empreñan e hai problemas. Notamos moita diferenza das épocas de pasto a cando non o hai e temos que depender do silo”, afirma.

Un dos problemas para que as explotacións poidan incrementar a súa superficie agraria é que “non hai liberación de terra, hai moita terra bloqueada e non hai mecanismos para liberala”, di.

Un dos maiores potenciais que temos nas explotacións é a xente e témola mal organizada; hai que establecer rutinas de traballo

En canto ao manexo do gando, recomenda “traballar máis o preparto, que teñan unha alimentación controlada e como é debido, non darlles o que non queren ou non vale para as vacas de leite”. “As secas e as xatas son as grandes esquecidas en moitas ganderías de leite”, asegura. Para aforrar na recría, propón levar nas becerras unha cría máis controlada até que cumpren un ano e son inseminadas e unha vez preñadas botalas fóra para abaratar.

Finalmente, tamén recomenda revisar as ofertas de compra polo leite. “Estamos nunha situación de demanda brutal de leite, que non vos conten milongas las industrias. Agora é o momento de cambiarse de empresa e buscar unha que se adapte mellor ao noso sistema de produción. Se producimos graxa e non nola pagan temos que buscar unha que nola valore”, di.

Rubén Gómez (CAP Coruña): “O bagazo de cervexa e o grao húmido son dúas boas alternativas para reducir a dependencia dos concentrados”

Rubén Gómez é membro do servizo de xestión económica da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que atende a 55 explotacións, todas en intensivo, pero cunha grande variabilidade en costes e rendementos. “Temos granxas cunha marxe de beneficios de 10 céntimos e outras con perdas de 4 céntimos en litro”, recoñece. Por iso, di, “non se pode facer unha recomendación común para todas, cada explotación é un mundo e hai que ir ao particular de cada unha delas”.

A estabilidade de costes das materias primas dos últimos 3 anos non se vai volver a dar

 “Cada un ten que evaluar as súas necesidades e mellorar sobre iso. Non hai que xeralizar, non hai un sistema malo nin bo, o que hai é que ser eficientes. Non temos que denostar ningún sistema, desde os servizos de xestión económica trátase de axudarlles a mellorar nos custos. Nas granxas que manexamos vimos de anos moi bos. Vimos dun prezo estable de concentrados dos anos 2018, 19 e 20 que non se vai volver dar”, asegura.

CAP Coruña merca cereais en porto para un cento de granxas galegas e é consciente da escalada de prezos. “A fariña millo en porto está en 400 euros cando a comezos de 2021 estaba a 170 e a colza está a 570, cando antes estaba a 350 euros”, exemplifica. Cos prezos actuais considera que “o bagazo de cervexa ou a produción de gran húmido son dúas moi boas alternativas para reducir a dependencia dos concentrados”.

Veza no canto de alfalfa

En relación ás producións forraxeiras, Rubén afirma que “as condicións climáticas marcan en gran medida a cantidade e a calidade do cultivo de inverno”. “O cultivo do millo é máis controlable pero ás veces ensilar as pradeiras no momento óptimo é complicado. Deberíase apostar polas leguminosas, e as vezas teñen un problema de encamado importante se non se lle mete un tutor, pero as alternativas están aí. Nós a maior parte do que traemos de Castela é veza, que nos parece competitivo coa alfalfa a nivel calidade-prezo”, razoa.

A produción de leite en Galicia concentrouse nos últimos anos naquelas zonas con mellores producións de forraxes

Para Rubén, o sistema galego de produción intensiva de leite é viable. “As explotacións teñen que ser máis eficientes no que están facendo, porque non teñen outra alternativa, as condicións que teñen non se prestan para o pastoreo. Nas granxas que eu visito non se dan en ningunha”, asegura.

“O manexo é o que dá os resultados, porque a rendibilidade dunha granxa vai depender da maneira de traballar nela e de xestionala”, asegura. “A tendencia das industrias nos novos contratos foi subir o prezo do leite para compensar os custos de produción, pero se iso será suficiente ou non vai depender do que dure esta situación”, di.

Segundo os datos de EDF en 2021 o custo medio de produción en Europa era de 41,5 céntimos e en Galicia de 35

“O crecemento que se deu nos últimos 10 anos foi moi importante e o poder de adaptación das explotacións foi brutal. Ese crecemento se por algo se frea será seguramente pola capacidade de xestionar a man de obra, que é o gran hándicap que teñen hoxe as ganderías”, asegura.

Rubén bota man dos datos da asociación de gandeiros europea EDF para afirmar que “en Galicia a nivel de produción por animal e a nivel de marxes estamos na cima a nivel europeo, pero onde temos que mellorar é nas horas de traballo por litro de leite”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información