Investigadores do Campus Terra validan métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueias e piñeirais

A investigación de doutoramento desenvolvida por Cecilia Alonso Rego baixo a dirección de Ana Daría Ruiz e Ramón Alberto Díaz Varela achega novas ferramentas tecnolóxicas que permiten cuantificar combustibles en masas de ‘Pinus radiata’ e mellorar así a xestión para reducir o risco de lume de copas

Investigadores do Campus Terra validan métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueias e piñeirais

A investigación de doutoromento desenvolvida pola enxeñeira de Montes Cecilia Alonso Rego na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo a dirección de Ana Daría Ruiz e Ramón Alberto Díaz Varela baixo o título ‘Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo’, valida novas metodoloxías de cálculo e achega aos xestgores ferramentas para cuantificar con precisión o combustible forestal existente nestas áreas, a fin de reducir así o risco de lumes de copas.

A carga de biomasa das formacións vexetais, é dicir, o peso seco de biomasa por unidade de superficie e a súa distribución por fraccións de tamaño e estado biolóxico (vivo/morto), xunto con outras características estruturais como a súa altura media, ou a densidade aparente (biomasa por unidade de volume), afectan en gran medida á cantidade de combustible consumida durante o incendio, á velocidade de propagación ou a intensidade, así como aos potenciais efectos do lume.

Os resultados da investigación desenvolvida por Alonso Rego constitúen así unha nova ferramenta de gran utilidade para o xestores forestais, cuxo cometido se centra, nun primeiro momento, na prevención de focos incendiarios e, logo, en evitar a propagación dos lumes, especialmente naquelas áreas propensas a lumes de copas, que son os incendios que requiren un maior esforzo para a súa extinción e que ameazan a seguridade dos operarios, en particular, e da poboación xeral, nun senso máis amplo.

As pescudas realizadas no marco desta tese de doutoramento enmárcanse fundamentalmente en Galicia, unha rexión na que a xestión da carga de combustible se antolla especialmente necesaria, dado o rápido crecemento da vexetación e a gran acumulación de biomasa tanto en matogueiras desarboradas como en áreas de sotobosque baixo arborado.

Para a realización destes estudos, Alonso Rego completou inventarios non destrutivos nun total de 55 parcelas en matogueiras desarboradas distribuídas por toda Galicia, ao tempo que empregou datos procedentes de inventarios de arborado sotobosque dunha rede de parcelas de ensaio de claras establecidas en plantacións puras e coetáneas de Pinus radiata e Pinus pinaster localizadas en 34 lugares distintos, na súa maioría en Galicia.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da área de Produción Vexetal da USC, Roque Rodríguez Soalleiro, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada no Campus Terra por Cecilia Alonso Rego, un traballo do que se derivan varias publicacións en revistas científicas de impacto. O investigador da Facultade de Ciencias Forestais da Universidade Juárez do Estado de Durango Daniel José Vega-Nieva, e Eva Marino Del Amo, do CIFOR-INIA, completaron un comité avaliador que acordou cualificar este tese de doutoramento con sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información