Radiografía do propietario forestal galego

A metade dos xestores do monte considérase un silvicultor activo, dúas terceiras partes confían no relevo xeneracional e un 68% opina que o eucalipto ten unha influencia positiva no monte, segundo unha enquisa de Asefor

Radiografía do propietario forestal galego

Piñeiral sometido a certificación forestal. / Imaxes: Asefor.

Abandono, minifundio ou relevo xeneracional son algúns dos principais retos que enfronta o monte galego. Como os encara o propietario forestal?, que perspectivas de uso lles ve as súas terras?. Estas son algunhas das cuestións que aborda unha enquisa realizada pola firma de enxeñería forestal Asefor, que realizou máis de 1.500 cuestionarios entre propietarios forestais para seguir as dinámicas sociais e ambientais do monte.

Un dos perfís característicos que se desprende do estudo é o dunha muller xubilada, con estudos primarios, con fillos, que vive no rural e que é activa na xestión forestal. Contrata empresas de servizos, principalmente para rozas e plantación, escolle plantar eucalipto en 2 parcelas de menos dunha hectárea e ten outra finca pequena ocupada con frondosas caducifolias.

“É un perfil ficticio pero que está presente no estudo. En base a este perfil e a outros tamén maioritarios, poderiamos afirmar que o minifundio en Galicia é positivo e xera rendas, sempre que se consiga dinamizar a xestión forestal dun xeito sustentable”, valoran desde Asefor, unha empresa especializada na certificación forestal.

O concepto de silvicultor activo é aínda subxectivo. Se ben a metade dos propietarios non se consideran a sí mesmos activos, hai un 75% que fai rozas nas súas parcelas e un 69% plantacións

Xestión forestal
Un dos grandes cabalos de batalla que se lle presenta ó monte galego é o de impulsar unha xestión forestal activa. Preguntados os entrevistados sobre se se consideran silvicultores activos, arredor da metade considera que si, pero a outra metade entende que non o é.

O concepto é aínda un pouco subxectivo, á espera de que a Xunta defina a figura de silvicultor activo, un compromiso ó que chegou co sector forestal co obxectivo de prestarlle maiores apoios a este tipo de propietarios. Se ben a metade dos entrevistados non se considera silvicultor activo, a enquisa tamén recolle que polo menos un 75% deles encarga ou fai rozas de mato nas súas parcelas, en tanto outro 69% ocúpase tamén da plantación das súas fincas tras corta.

Para valorar os datos de xestión na súa xusta medida, cómpre precisar que a enquisa foi realizada maioritariamente entre propietarios que cortaron madeira durante o último ano (agosto 2019 – novembro 2020) e que procederon á certificación forestal previa das súas parcelas a través de Asefor. Son, por tanto, propietarios que en maior ou menor grao manteñen un control das súas fincas e que ven o monte de xeito positivo, entre outras cuestións pola xeración de rendas que lles proporciona.

De cara ó futuro, a gran maioría dos silvicultores enquisados, dúas terceiras partes, é optimista sobre a posibilidade de que se produza un relevo xeneracional familiar na xestión das súas fincas. Hai outro 17% que non o ten claro e tamén outro 17% que descarta a posibilidade de relevo.

Eucaliptos e piñeiros
Á hora de analizar a realidade actual do monte con aproveitamentos madeireiros en Galicia, os propietarios forestais amosan preferencias marcadas. Un 58% recoñece que non ten intención de plantar piñeiros nas súas fincas e só un 23% se pronuncia afirmativamente, en tanto outro 18% di non saber.

O interior de Lugo, en especial a montaña oriental e a comarca de Lemos, xunto ó interior da provincia de Pontevedra, son algunhas das zonas máis proclives á plantación de piñeiro. Chama a atención o caso da provincia de Ourense, onde máis do 80% das cortas correspóndense co piñeiro, pero só un 13% de propietarios forestais di estar disposto a plantalo.

Piñeiral.

Piñeiral.

Nas zonas maioritarias de eucalipto, como boa parte da provincia da Coruña e a Mariña lucense, o piñeiro tamén ocupa un lugar residual nas intencións de plantación dos propietarios. En Ortegal, por exemplo, o 98% di claramente que non quere plantar piñeiro nas súas parcelas.

Incluso en comarcas da Coruña que eran ata hai pouco bastións do piñeiro, como Arzúa e Terra de Melide, a intención de plantación dos propietarios é contraria ó piñeiro. En Arzúa só o 5% di pensar en plantalo, en tanto en Melide a porcentaxe baixa ó 2,5%, en consonancia coa progresiva expansión do eucalipto en ambas comarcas. É salientable que nalgunhas das comarcas con máis cortas de eucalipto en Galicia, como as da Mariña lucense, hai máis intención de plantación de piñeiro que nestas dúas comarcas do interior da Coruña.

Este escenario revela un aprecio maioritario polo eucalipto como principal especie forestal produtiva. Preguntados os entrevistados pola influencia que ten o eucalipto sobre o monte, un 68% considera que ten unha “influencia positiva”, en tanto un 22% entende que “nin boa nin mala”. Só un 9,8% opina que a influencia do eucalipto é “mala”, un dato en consonancia co resultado da primeira enquisa anual publicada por Asefor (setembro do 2019), na que só un 9% de propietarios opinaba que o eucalipto era “malo”.

Eucalipto enquisa

As comarcas do norte galego, onde o eucalipto é maioiritario no monte, centran as opinións máis favorables á especie, en tanto en Pontevedra son numerosas as comarcas onde a crenza maioritaria é que o eucalipto “non é bo nin malo” (Vigo, O Salnés, Condado, Paradanta, Deza). En opinións maioritariamente en contra, destaca Terra de Lemos, cun 47% de enquisados que pensa que o eucalipto ten unha influencia negativa.

A maiores das parcelas produtivas de corta de madeira, os propietarios tamén teñen arredor dun 14% de superficie sen usos produtivos, como fincas de frondosas caducifolias sen interese madeireiro.

Datos

O estudo sobre a realidade forestal galega ofrece multitude de datos sobre as características e opinións dos propietarios forestais. Debullamos a continuación outras conclusións do traballo, que foi realizado por Asefor con medios propios, coa colaboración da firma sociolóxica Biostatech, Advice, Training & Innovation in Biostatistics, S.L.

– Dúas terceiras partes dos propietarios forestais galegos teñen menos de 5 hectáreas de monte, normalmente divididas entre 2 e 10 parcelas, segundo se desprende da enquisa.

– A idade media do propietario forestal sitúase nos 65 anos para os homes (58,7% dos enquisados) e en 67 anos para as mulleres (41,7% das persoas entrevistadas). Máis do 80% dos propietarios asume de xeito directo a xestión forestal das súas parcelas e no caso de ceder a xestión, faino normalmente nun familiar.

– O 76% dos propietarios forestais vive no rural, polo que é desde o rural desde onde maioritariamente se xestiona o monte.

– A opinión máis extendida sobre a orixe dos incendios é que se deben a pirómanos (42,8%) ou a “limpeza” (33,5%). En Ourense e Pontevedra, como dato diferencial, máis da metade dos enquisados sinala a “limpeza do monte” como causa dos lumes.

Na pregunta sobre a orixe dos incendios, podíanse escoller varias respostas, pero foron mínimas as persoas que se decantaron por outras opcións, como cazadores (2,5%), gandeiros (1,8%), conflitos (3,2%) ou causas naturais (0,8%). Si é destacable que hai tamén un 12% da poboación que culpa ós políticos da orixe dos incendios.

– O 51% das persoas enquisadas ten estudos primarios, un 18% secundarios, un 13% ciclos formativos e un 13% universitarios. Outro 3% non ten estudos.

– Un 75% dos silvicultores descoñecía o que era a certificación forestal ata o momento en que precisaron certificar as súas fincas cos selos FSC e PEFC, que lles serviron para demostrar unha xestión sustentable das súas parcelas e obter un mellor prezo pola madeira.

– Unha vez coñecida a certificación forestal, o 91% considera que é positiva para o monte.

– Un 73% dos propietarios considera que a aplicación Bikenta, que busca facilitarlles a xestión das súas parcelas forestais, é sinxela e útil. (Asefor, promotora da aplicación gratuita Bikenta, realiza unha formación sobre o uso e servizos que lle proporciona o programa ós propietarios).

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información