Poxa de madeira de montes conveniados o 21 de xuño en Lugo

Poxa de madeira de montes conveniados o 21 de xuño en Lugo

A xefatura en Lugo da Consellería do Medio Rural organiza unha poxa electrónica de madeira o 21 de xuño. Adxudicaranse 89 lotes de madeira por importe de saída de 4.560.679,01 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

Nesta poxa, unha das máis importantes dos últimos anos, os lotes suman máis de 185.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, das que o 83 % é piñeiro insigne, un 13 % piñeiro do país e o resto piñeiro silvestre; así como unha pequena partida de eucalipto. Ademais,cómpre aclarar que todos os lotes son de madeira verde e alléanse polo sistema de risco e ventura.

Medio Rural lembra que estas árbores absorberon durante a súa vida máis de 139.000 toneladas de CO2 que foron retiradas da atmósfera. agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Cómpre destacar que 41 lotes contan con certificación da xestión forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial.

As empresas que opten aos lotes certificados deben dispoñer tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

Os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse nesta web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información