Queimas prescritas e pastoreo: prácticas tradicionais sustentables para rexuvenecer o monte e preservar hábitats naturais

Queimar o monte para conservalo. Semella unha contradición pero é un xeito tradicional de creación de pasto en zona de matogueira que, levado a cabo de xeito controlado, ten múltiples vantaxes tanto desde o punto de vista gandeiro como ambiental

Parcelas do monte comunal O Cerredo, en Grao, nos Ancares, nas que se combinaron queimas e pastoreo no marco do proxecto Open2preserve

Monte comunal de Grao, nas que se combinaron queimas e pastoreo no marco do proxecto Open2preserve

As queimas controladas ou prescristas e o pastoreo guiado son dúas prácticas pouco menos que ancestrais que seguen a ser perfectamente aptas para rexuvenecer o mato dos montes, ademais de para preservar os distintos hábitats naturais en superficies montañosas.

É a principal conclusión do proxecto Open2preserve, levado a cabo con finanaciación europea en Galicia, Francia e Portugal e que incluíu unha experiencia piloto en distintas parcelas do monte comunal O Cerredo, en Grao (Cervantes), nas que se combinaron distintos sistemas de queimas e pastoreo para estudar os seus efectos en montes de alto valor ambiental como son os dos Ancares.

O grupo de Sistemas Silvopastorais (Silvopast) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra  de Lugo da USC presentou recentemente os resultados destas experiencias de valorización de servizos ecosistémicos postas en práctica en parcelas montañosas incluídas na Rede Natura 2000.

As queimas controladas combinadas co herbivorismo pírico é un modelo que resulta acaído para a preservación dos ecosistemas de montaña

A coordinadora do proxecto, a catedrática Rosa Mosquera, destaca as vantaxes da aplicación dun modelo de xestión sustentable que combina prácticas de queimas prescritas e herbivorismo pírico e que resulta acaído para a preservación dos ecosistemas de montaña.

O control da biomasa combustible e a conseguinte diminución do risco de grandes incendios forestais, así como o aproveitamento dos recursos naturais propios destas zonas de monte a través do pastoreo constitúen outros dos beneficios demostrados nas prácticas ensaiadas ao abeiro do proxecto Interreg Open2preserve, unha iniciativa comunitaria que busca ofrecer solucións innovadoras aptas para replicarse tanto a nivel local como rexional e que garantan tanto a viabilidade económica como a conservación do medio natural.

Menor custo que o desbroce mecánico

“A queima controlada ten unha serie de vantaxes moi obvias como son o control de incendios e un menor custo que outros sistemas. Fronte aos 200 ou 300 euros por hectárea que custa o desbroce por medios mecánicos, mediante este sistema de queimas o custo para os gandeiros é moito máis barato”, explica Rosa Mosquera.

En Francia as queimas asócianse ao cobro das axudas da PAC como práctica tradicional sustentable

Noutros lugares a propia Administración fomenta este tipo de prácticas por parte dos gandeiros. “En Francia a queima asóciase aos cobros da PAC e cada tres anos están queimando. Alí pagan máis aos gandeiros que fan queimas controladas. E en Navarra formaron aos gandeiros sobre as épocas nas que se poden facer para que leven a cabo estas queimas controladas que serven para que logo eses rebrotes poidan ser empregados por animais para a súa alimentación”, detalla.

Control de incendios e aproveitamento da matogueira polo gando

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría Antonio Rigueiro explica que no caso das experiencias prácticas realizadas no Monte O Cerredo, na localidade ancaresa de Grao, as queimas prescritas e as accións de pastoreo contribuíron a rexuvenecer as matogueiras, que agromaron de novo con máis vitalidade logo de que as lapas asolaran a parte superficial sen danar as raíces soterradas.

Co pastoreo, engade este investigador, o gando contribúe tamén a exercer un certo control sobre a vexetación ao tempo que impide a proliferación de material leñoso, outorgando ao mesmo tempo rendibilidade a esta fórmula de aproveitamento dos recursos naturais.

O gando contribúe a exercer un certo control sobre a vexetación ao tempo que impide a proliferación de material leñoso

Outra das vantaxes que levan implícitas este tipo de prácticas sustentables de conservación e preservación de hábitats atinxe a cuestións ligadas á propagación de incendios forestais. De feito, sinala Rigueiro, os hábitats de matogueira ou uceira atlántica está chamados a converterse en bosque co paso do tempo sempre que non se exerza ningunha actividade sobre a súa superficie, polo que cómpre este tipo de accións que se ben respectan a biodiversidade tamén impiden o seu descontrol.

Alén dos beneficios xa citados asociados a queimas prescritas e pastoreo guiado, Rigueiro insiste en que as experiencias prácticas realizadas co proxecto Open2preserve permiten asemade a protección dun espazo da Rede Natura, unha catalogación que xa de por si denota o seu valor ambiental.

Trabas burocráticas

Malia os efectos positivos, son poucas as queimas prescritas que se realizan cada ano na comunidade. “Hai un problema de actuación en Galicia para facer queimas controladas, porque só se poden facer durante 10-12 días nos meses de xaneiro ou febreiro”, afirma Rosa Mosquera.

As queimas controladas fanse sempre ladeira abaixo, polo que a temperatura que se acada no chan é moito menor ca cando se produce un lume incontrolado, polo que xa se pode pastorear a zona ese mesmo ano, o que non ocorre cando hai un lume forestal.

Iso foi o que demostrou a experiencia levada a cabo no monte comunal de Murias de Rao, a 1.392 metros de altitude, nunha uceira, cunha queima controlada realizada en febreiro de 2019.

“Logo de facer a queima cerrouse unha hectárea na que se meteu gando equino e outra na que non se introduciu gando para analizar que pasaba. Con drons analizábase como ía evolucionando a biomasa nos dous casos” explica Rosa Mosquera. 

En Galicia a mesma primavera xa había brotes verdes que podían ser aproveitados polo gando. En Cataluña, pola contra, tiveron que agardar 1 ano para poder pastorear e en Portugal 10 meses

“As uces están moi ben adaptadas ao lume porque rebrotan desde abaixo, e en Galicia fano moi rápido. Na mesma primavera xa había brotes verdes que podían ser aproveitados polo gando. Dentro do mesmo proxecto leváronse a cabo experiencias similares noutros lugares. En Cataluña tiveron que agardar 1 ano e en Portugal 10 meses para poder pastorear. Esa é a produtividade que temos en Galicia e que non aproveitamos”, destaca.

Escolla do gando axeitado

“No pastoreo é esencial facer unha análise da vexetación inicial que temos como alimento para elixir o tipo de animal que introducimos. Nós metemos cabalo, pero consumía todas as herbáceas pero non todas as uces”, explica Rosa Mosquera.

Por iso, di, o seguinte caso que van estudar é introducir cabras e facer sementeira de leguminosas (xestas) trala queima controlada. “Só con uces non se manteñen as cabras, porque teñen un nivel de proteína moi baixo, polo que a combinación con toxos ou xestas funciona moi ben porque teñen uns niveis de proteína moito máis altos. A carqueixa tamén é unha leguminosa e dase en zonas máis pobres que as xestas”, aclara.

“Ao introducir gando increméntase a capacidade de secuestro de carbono do chan”

Rosa Mosquera, no último encontro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrado en Navia

Rosa Mosquera, no último encontro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrado en Navia

Rosa Mosquera é unha experta en cambio climático e forma parte de distintos organismos, foros e institucións de ámbito internacional relacionados co quecemento global. Sen embargo, é crítica co actual sistema de cómputo de emisións na gandeiría.  

“O chan non computa nos pagos por secuestro de carbono, só se ten en conta o que capturan as árbores, mentres que o chan representa o 85% no sistema de carbono. Para a Administración neste momento só contan as emisións que produce o gando e o secuestro que fan as árbores, esquecéndose dese outro 85%”, critica.

Para a Administración neste momento só contan as emisións que produce o gando e o secuestro que fan as árbores, esquécese do outro 85% do carbono, que está no chan

“Estase loitando no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva con respecto á gandería intensiva”, explica.

“O actual movemento para que non se coma carne deriva dun modelo de cálculo feito en Holanda e Australia, onde só traballaban con gandería intensiva. Por iso os métodos de cálculo non teñen en conta o que secuestra o chan”, engade.

Estase loitando no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva

“A PAC está dicindo que temos que ser climaticamente neutros e vai ter que computar cousas distintas das que se computan hoxe, porque non podes encher de máis árbores unha zona que xa está chea de árbores”, razoa. “É necesario establecer de maneira obxectiva cales son as emisións de efecto invernadoiro pero tamén cal é o secuestro realizado por parte do gandeiro. Ese secuestro ten que pagarse porque é capaz de retirar gases de efecto invernadoiro da atmosfera”, defende.

Un sistema válido de cálculo sobre secuestro de carbono do chan podería consistir en medir o aumento dos centímetros de terra negra, a capa de terra superficial con materia orgánica que hai no chan, porque o carbono que xa hai na actualidade non contaría, únicamente o faría o que se lograse incrementar, é dicir, o aumento da profundidade do solo.

O feito diferencial do solo galego: biomasa e pH

Galicia é un lugar privilexiado en canto a niveis de carbono no chan porque a principal fonte de carbono é a biomasa. Pero o pH do chan é outra das razóns. “Galicia é a zona de maior crecemento forestal de toda Europa e os nosos solos son ricos en materia orgánica. Fóra de aquí os solos teñen un 0,5% de carbono, mentres aquí temos solos que chegan ao 20%”, indica Rosa Mosquera.

Fóra de Galicia os solos teñen un 0,5% de carbono, mentres aquí temos solos que chegan ao 20%

“En Galicia secuestramos moito, pero temos capacidade de secuestrar máis. Cando se mete gando en Galicia nas medicións a nós o que nos dá é que se incrementa a capacidade de secuestro de carbono no chan. O gando, ao pisar, axuda a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrintes. O carbono, cando se secuestra no chan por partículas finas (arxilas), ese secuestro dura centos de anos no chan se non se libera co laboreo”, aclara.

O gando, ao pisar, axuda a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrintes

O pastoreo acelera o ciclo de nutrintes, e a proba é que mediante a introdución de gando no monte aparece a herba, demandante de maior nivel de nutrintes, en substitución de especies arbustivas, que precisan menos nutrintes.

O biochar xa se está pagando en Xapón

“Cando se vai trasladar ao sector agrogandeiro o mercado regulado de CO2, o mesmo que fai pechar empresas ou dispara exponencialmente o prezo da luz?”, pregunta a catedrática do Campus Terra, que defende que “non se debe ter en conta só o secuestro de carbono senón tamén outros servizos ecosistémicos, como a biodiversidade ou a calidade da auga”.

“Xapón conseguiu meter o biochar no seu cómputo de carbono e aquí temos todos os elementos necesarios para facer biochar, porque o que se necesita é biomasa e aquí témola”, di Rosa. O biochar, lógrase mediante a queima de biomasa en condicións de ausencia de osíxeno e é un abono moi bo que ten ademais moita capacidade de secuestro de carbono.

“En Australia os pagos por secuestro de carbono en eucaliptais obrigan a manter a plantación 100 anos, porque senón ese secuestro de carbono dura moi pouco tempo. En Galicia en zonas de pastoreo extensivo ese secuestro no chan dura moitos anos”, di.   

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información