“En Galicia interesa facer o cultivo de trigo en ecolóxico”

Investigadores do Campus Terra analizan a rendibilidade que ofrecen as variedades autóctonas de trigo galego e as posibilidades da súa produción en sistemas ecolóxicos. Un abonado axeitado, o control mecánico das malas herbas e a incidencia dos fungos, os principais obstáculos

Publicidade
Ibán Vázquez, coautor do estudo de rendibilidade xunto a Daniel Martínez e Catalina Fernández

Ibán Vázquez, coautor do estudo de rendibilidade e análise DAFO xunto a Daniel Martínez e Catalina Fernández

Producir trigo autóctono en ecolóxico en Galicia é un 8% máis rendible que facelo en convencional. Son os datos que recolle o libro monográfico Dende a produción á panificación do trigo caaveiro en cultivo ecolóxico vs convencional, publicado polo IBADER e coordinado pola Cátedra do Pan e do Cereal, no que se analiza desde distintas ópticas as posibilidades que ofrece esta variedade autóctona, incluída na IXP Pan Galego.

Un dos obxectivos deste traballo, que forma parte do proxecto de investigación da agrupación estratéxica BIORREDES da USC, foi realizar unha análise económica comparativa (custo-beneficio) da produción de trigo autóctono galego da variedade caaveiro en cultivo ecolóxico fronte ao convencional, concluíndo que “o rendemento produtivo é menor pero a rendibilidade para o agricultor é mellor”, asegura Ibán Vázquez González, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Politécnica de Lugo.

“A produción de trigo ecolóxico en Galicia con variedades autóctonas é unha alternativa económicamente viable fronte á produción convencional”, conclúe o estudo, realizado a partir dos datos obtidos dun ensaio experimental levado a cabo entre decembro de 2019 e xullo de 2020 nunha finca localizada no termo municipal de Carral pertencente ao grupo panadeiro Da Cunha.

Compensa o cultivo en ecolóxico? O caso do trigo caaveiro

custos producion trigo ecoloxico“Hai capítulos claros neste estudo que nos fan apostar polo cultivo ecolóxico fronte ao convencional”, afirma Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal e coordinadora, xunto a Santiago Pereira, deste traballo.

Co cultivo en ecolóxico obtéñense menores producións, pero os custos asociados tamén son inferiores. “O cultivo en ecolóxico de trigo autóctono da variedade caaveiro ten un rendemento medio algo superior aos 1.000 kg/ha, un 30% inferior ao obtido en cultivo convencional, debido á dificultade no control de malas herbas e á limitación na aplicación de fertilizantes e fitosanitarios. Estas perdas estiveron compensadas en parte por un menor requerimento de insumos”, indica Ibán.

Os rendementos produtivos promedios do trigo ecolóxico foron un 32,4% inferiores (1.033 kg/ha fronte a 1.529 en convencional)

Labrar unha hectárea en convencional, segundo as extrapolacións realizadas en base aos custos obtidos na finca experimental de Carral, custa 470€ fronte aos 363€ en ecolóxico. A diferenza está fundamentalmente no aforro en herbicidas e fitosanitarios (92€/ha) e nos pases de tractor necesarios para aplicar os tratamentos.  

O custo de labrar a parcela ecolóxica foi de 363€/ha, un 22,6% menos que a convencional

En canto aos prezos de venda, o grupo Da Cunha pagou no ano 2020 uns 40 céntimos polo kilo de trigo autóctono producido en Galicia, cun incremento do 25% (50 céntimos) no caso do trigo ecolóxico.

marxe neto cultivo trigo ecolóxicoA marxe neta obtida, descontados os custos de sementeira, foi de 141,5€/ha para o cultivo en convencional e 153 no caso do cultivo en ecolóxico, o que equivale a unha diferenza de 11,5 céntimos (un 8%) a favor da produción ecolóxica.

O prezo real de mercado pagado polo trigo autóctono ecolóxico no 2020 foi un 25% superior (50 céntimos/kg fronte a 40)

“Este escaso beneficio económico que se obtén na produción ecolóxica fronte á convencional en condicións reais de prezo fai que a rendibilidade da produción eco sexa moi sensible a variacións de prezos, rendementos ou custos”, advirte Ibán.

Posibilidades do cultivo en ecolóxico

A esta pequena diferenza positiva directa na rendibilidade do cultivo habería que engadir o cobro de axudas. A nova PAC prima a sementeira de variedades autóctonas de trigo callobre e caaveiro con 320€/ha, aos que se sumaría a axuda agroambiental de produción ecolóxica (326€/ha para conversión e 275€/ha para mantemento), así como o valor do ecorrexime de rotación de cultivos (85,72€/ha) ou do de espazos de biodiversidade (56,04€/ha), en caso de cumprir coas prácticas esixidas.

A nova PAC prima con 320€/ha/ano a sementeira das variedades autóctonas callobre e caaveiro, esixindo unha superficie mínima de cultivo de 2 ha durante 5 anos

Na actualidade só hai declaradas 148 hectáreas de producción de trigo en ecolóxico en Galicia, segundo os datos do Ministerio de Agricultura relativos ao ano 2022, o que representa pouco máis do 1% da superficie total adicada a este cultivo na comunidade. O rendemento obtido é de 2.312 kg por hectárea, superior á media española e un 14% inferior á media acadada en produción convencional en Galicia.

En todo o Estado son 56.450 as hectáreas declaradas en ecolóxico, o que representa o 3% da superficie total de trigo española. O rendemento medio é de 1.635 kg por hectárea, un 60% menor que a media obtida do cultivo en convencional.

Terceiro cultivo en importancia en Galicia tralo millo e a pataca

producion de trigo no mundoO trigo é, xunto co arroz e o millo, un dos tres grans máis cultivados no mundo. A orixe do trigo remóntase a Mesopotamia hai aproximadamente 10.000 anos, tendo constancia da súa presenza en Galicia no  século IV a.C.

O trigo segue a ser esencial na gastronomía, a cultura e as tradicións galegas, aínda que a meirande parte do que se consume procede de fóra da comunidade. Galicia produce só o 0,46% do trigo cultivado en España, cunha superficie de cultivo que representa menos do 1% do total e un menor rendemento produtivo (2,7 toneladas por hectárea fronte ás 4,1 da media española).

En Galicia a superficie de trigo labrada descendeu á metade nas últimas 5 décadas

Catro comunidades: Castela e León, co 45,6% da produción; Andalucía, co 13,1%; Castela-A Mancha, co 11,8%; e Aragón, co 10%, acadan case o 80% do total da produción española (uns 8 millóns de toneladas no ano 2020). A superficie total española destinada a cultivo de trigo é lixeiramente inferior aos 2 millóns de hectáreas, cun descenso importante de 300.000 hectáreas desde o ano 2016.

En Galicia, malia terse producido unha diminución moi notable da superficie de trigo cultivada no último medio século, do 50%, segue manténdose como o terceiro cultivo en importancia tralo millo e a pataca, con 13.500 hectáreas no ano 2020.

Minifundio e presión do eucalipto

A produción actual de trigo caaveiro, a variedade autóctona máis labrada, concéntrase na comarca das Mariñas (especialmente na Laracha, Carballo, Ferrol e Carral) na provincia da Coruña, na comarca de Xinzo de Limia en Ourense e nas da Terra Chá e Val de Lemos en Lugo.

As características particulares da base territorial en Galicia, dominadas polo minifundio e a excesiva parcelación, condicionan o establecemento deste cultivo, pois sería precisa unha maior superficie para compensar os menores rendementos do cultivo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao sistema convencional.

A falta de terras de boa calidade e tamaño suficiente e a competencia das plantacións de eucalipto son algúns dos obstáculos para que o cultivo de trigo aumente

A competencia polo uso da terra con outras actividades agroforestais e as plantacións en terreos agrícolas foi identificada no estudo como outra das ameazas para o desenvolvemento do sector, xa que a plantación de especies como o eucalipto desprazan o establecemento de cultivos agrícolas tradicionais como pode ser o trigo.

A favor de aumentar do 25% actual ao 40% a porcentaxe mínima de trigo autóctono no Regulamento da IXP Pan Galego

Investigadores e público asistente á presentación do libro monográfico sobre o trigo autóctono

Investigadores e público asistente á presentación do libro monográfico sobre o trigo autóctono

O estudo realizado sobre as posibilidades de cultivo e a rendibilidade económica do trigo autóctono ecolóxico complétase cunha análise DAFO elaborada a partir dunha serie de 21 entrevistas realizadas a expertos de toda a cadea de produción do pan, desde o cultivo do cereal á comercialización do produto.

O 62% dos enquisados están a favor de modificar o actual Regulamento da IXP Pan Galego para incrementar a porcentaxe de trigo autóctono esixido do 25% ao 40%, que o resto da fariña empregada sexa tamén producida en Galicia e permitir o pre-conxelado das pezas de pan para deste xeito aumentar as posibilidades de distribución.

Para facer viable o cultivo e panificación, a barra de pan de trigo autóctono ecolóxico debería valer 1,6€

En relación aos prezos, e sen ter en conta os efectos da onda inflacionaria actual, estímase que para acadar a viabilidade en toda a cadea, o sobreprezo medio que debería ter o trigo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao convencional é do 54,5%, acadando o quilo de trigo un valor de 1,2€, trasladándose a un prezo da barra de pan de 1,6€, o que equivale a un sobreprezo do 43,2%.

7 kilos máis de pan ao ano en Galicia

En Galicia consúmese un 23% máis de pan que no conxunto de España, 7 kg máis por persoa e ano (37,26 kg per cápita ao ano en Galicia fronte aos 30,06 da media estatal). Con todo, desde o ano 2013 ata 2021 deuse un importante descenso tanto no consumo, do 18%, como no gasto per cápita en compra de pan, do 14,4%.

O consumo de pan caeu un 18% na última década

O estudo non analiza as consecuencias da suba da inflación iniciada en 2022, pero tanto os panadeiros como os investigadores do departamento de Economía Aplicada admiten que a alza de prezos e a caída do poder adquisitivo e a renda dispoñible das familias xoga en contra da compra do pan artesán fronte ao industrial.

Só 25 panaderías dentro da IXP

Na actualidade hay dúas ducias de panaderías en toda Galicia que están dentro da IXP, cun volumen de pan certificado moi pequeño, admite o presidente das panaderías lucenses integradas na Federación Galega de Fabricantes de Pan, César Fieiras, da panadería Raposo.

Recoñece que a saída ao mercado estase a producir moi paseniñamente e que é necesario valorizar este tipo de pan como un produto exclusivo, de tipo gourmet ou delicatesen, debido aos maiores custos de elaboración motivados polos tempos de amasado, fermentación e repouso marcados no Prego de Condicións da marca de calidade. “Mentres fas 100 kg deste pan podes facer 1.000 dun pan semiindustrial”, afirma.

Mentres fas 100 kg de pan respectando os tempos marcados pola IXP podes facer 1.000 kg dun pan semiindustrial

Por iso César recoñece que a fariña de trigo autóctono galego estase a empregar na elaboración de pan artesán que non é comercializado co selo da IXP. “Cumprir con toda a normativa encarece o produto pero logo iso non se ve recompensado no prezo”, asegura.

Baixos prezos para o agricultor

Había postas moitas esperanzas en que a aprobación por parte da Unión Europea do selo de calidade diferenciada, logrado no 2019, despois dun longo proceso burocrático, serviría tamén para impulsar o cultivo de trigo autóctono, pero polo de agora este incremento de demanda de materia prima non se está a producir.

Gema San Pedro ten desde fai 12 anos unha gandería de caprino en Guntín, Cabuxa Natur, e este ano decidiu diversificar os seus ingresos pola venda de cabritos coa produción de trigo autóctono.

Paguei a semente a 75 céntimos e foi difícil de conseguir

Botou unhas 6 hectáreas en ecolóxico e quéixase das dificultades tanto para atopar semente como para lograr despois un bo prezo para o trigo producido. “Paguei a semente a 75 céntimos o quilo e á hora de vendela páganma a min a 65 céntimos, poñendo eu o transporte, polo que perdería cartos”, asegura.  

Por iso pensa adicar os 2.000 kg que colleitou para sementar o vindeiro ano. Pode reutilizala durante dúas campañas, pero ao terceiro ano xa tería que volver mercar, segundo establece a Xunta nos seus requisitos para o cobro da prima fixada na nova PAC para este tipo de cultivos. Esa axuda, di, é fundamental para que o cultivo de cereal autóctono chegue a compensar ao agricultor. “Non tiven ningún tipo de asesoramento e logrei un rendemento moi baixo, duns 300 kg por hectárea”, admite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información