Que factores determinan o benestar da recría na granxa?

O veterinario Carlos Carbonell Baeza detalla nas xornadas de Seragro os aspectos imprescindibles para garantir o confort das tenreiras na gandaría. O control de lotes, conseguir unha cama confortable e sa ou garantir unha boa ventilación son determinantes para mellorar as condicións dos animais máis novos da granxa

Que factores determinan o benestar da recría na granxa?

Carlos Carbonell Baeza, veterinario especialista en recría, durante a súa ponencia para as XVIII Xornadas de Seragro.

A recría é un dos activos máis valiosos das gandarías xa que condicionarán a evolución da granxa. “O reto no coidado das tenreiras pasa por adaptar as instalacións da granxa para ofrecer o maior benestar á recría e que ao mesmo tempo sexan fáciles de manexar polos gandeiros”, afirma Carlos Carbonell Baeza, veterinario especialista en recría e membro do servizo técnico da firma MSD Animal Health.

Na súa participación nas XVIII Xornadas de Seragro, que se iniciaron en setembro e que este ano se celebran por primeira vez de forma telemática, Carbonell Baeza analiza as claves para conseguir proporcionar benestar tanto ás tenreiras como facilitar o seu manexo aos gandeiros.

“Temos que tentar que o espazo no que estea a nosa recría e o manexo que fagamos del lle xere o mínimo estrés e o maior benestar”

Baeza destaca ademais, que deixar de investir no benestar da recría ten un importante custo para os animais.”Os ruminantes adáptanse a un medio ambiente non confortable cun custo biolóxico que repercute negativamente no crecemento e a inmunidade dos animais, como consecuencia dun estrés duradeiro”, detalla. Así, incide en garantir un espazo axeitado para as tenreiras. “Temos que tentar que o espazo no que estea a nosa recría e como o manexemos lle xere o mínimo estrés e o maior benestar ás tenreiras”, incide.

O ABC no manexo das instalacións de recría

Na súa intervención, o veterinario fíxase en 3 aspectos básicos, un particular ABC, que a modo de guía básica ofrece claves para garantir o benestar da recría. Baeza fai fincapé na xestión dos animais (A), o benestar da recría (B) e o confort ambiental (C) para ofrecer confort á recría.

A xestión dos animais

Un dos principais aspectos a ter en conta na xestión da recría é o obxectivo que se pretende lograr na granxa, se se busca que a gandaría siga medrando ou se quere manter o número de animais actuais. “Se se quere manter o censo e non seguir crecendo temos que prestar atención ao seme que utilizamos, empregando seme sexado ou razas de carne, xa que os gandeiros galegos funcionan moi ben na reprodución, co que se non se toman medidas a gandaría segue crecendo”, apunta o veterinario. Neste sentido é fundamental ter presente o % de xovencas por vaca no rabaño e que este sexa equilibrado.

Carecer dunhas instalacións suficientes para a recría e adaptadas ás súas necesidades trae consecuencias directas ás tenreiras

Á marxe do obxectivo que se persiga, hai que ver se as instalacións da granxa son suficientes para a recría que se vai a xestionar, posto que non ter un espazo suficiente e adaptado ás súas necesidades ten unhas consecuencias directas sobre os animais. Un estudo realizado en 2018 en 35 granxas da Cornixa Cantábrica revela que as granxas con problemas na recría tiñan pouco espazo para as tenreiras. “Case 7 de cada 10 granxas analizadas tiñan unhas instalacións insuficientes para a recría”, sentenza Carbonell.

espacio corrales recria en granja_ Jornadas Seragro

Estudo realizado en granxas da Cornixa Cantábrica sobre o espazo para a recría na granxa.

As instalacións teñen que adaptarse ao número de animais que haxa ou vaia a haber na granxa e para iso abonda con calcular a entrada de xovencas lactantes da granxa de leite. Carbonell exemplifica esta previsión nunha gandaría de 100 vacas. Cun 30% de eliminación e 400 días de intervalo entre partos xeraranse uns 64 partos. Estas cifras apuntan a que haberá unhas 85 xovencas, das que haberá que descontar un 10% de baixas, o que suporá uns 41 partos ao ano, de maneira que sumado aos das vacas adultas teremos uns 105 partos ao ano. Unha vez que se ten esa cifra, estímase que haberá un 5% de mortalidade no parto. De media serán unhas 100 tenreiras ao ano, polo que haberá unhas 4 ao mes. “Nunhas condicións estándar podemos establecer que nacerán un 4% de tenreiras na granxa”, explica o veterinario.

Calculo novillas en granja de 100 vacas

Nestes cálculos tamén é preciso ter en conta a estacionalidade, xa que hai épocas con maior número de partos, así como de nacementos de tenreiras. Estímase que a estacionalidade pode supor un incremento do 25%. Desta maneira pódense calcular as prazas necesarias nas casetas de lactantes, a amamantadora, a zona de postdestete, crecemento e preinseminación.

estimacion recria en granja de 350 animales

Efectos da estacionalidade no rabaño.

Garantir o benestar

Outro dos alicerces indispensables para o coidado da recría é o seu benestar. “O deseño da nave e o manexo das instalacións nas tenreiras de menos de 4 meses ten que estar enfocado no benestar dos animais, xa que iso traeranos crecemento e saúde, que son os principais desafíos desta fase”, argumenta o veterinario.

Á marxe do benestar dos animais, Carbonell tamén identifica o benestar do gandeiro como fundamental para lograr bos resultados. Incide na importancia de proporcionar condicións laborais e espazos de traballo adaptados para que os produtores poidan realizar adecuadamente o coidado dos animais.

No benestar das tenreiras uno dos factores determinantes é a cama. Cómpre determinar que espazo necesitan e como debe ser.  En canto ó espazo que precisa a tenreira, a recomendación do veterinario, en base a distintos estudos, pasa por proporcionar mínimo uns 3,3 metros cadrados por animal. 

“Por cada metro cadrado por tenreira que se proporcione á recría redúcense as probabilidades de presentar síntomas respiratorios na amamantadora”

“Os estudos apuntan a que por cada metro cadrado por tenreira que se proporcione á recría redúcense as probabilidades de presentar síntomas respiratorios na amamantadora”, concreta. Neste cómputo da superficie da cama tense en conta só a cama útil e descártanse as zonas de comederos ou próximas a bebedoiros, xa que son espazos máis pisados ou mollados. 

espacio de cama e infecciones_Seragro

A maior espazo de cama redúcese a incidencia de enfermidades como a neumonía.

Do mesmo xeito que un dos primeiros pasos é calcular o número de tenreiras que haberá na granxa, tamén é preciso estimar o número de casetas que se precisarán. Nesta estimación, Carbonell Baeza recomenda calcular un número superior de casetas dos animais que se prevé ter para garantir que o gandeiro dispón dunha marxe de tempo para ter limpas as casetas, xa que nesta fase é moi importante a hixiene. “Non se pode deixar que as tenreiras teñan problemas como diarrea, cheguen á amantadora con menos peso ou que haxa que demorar o seu paso á amantadora porque están baixas de peso”, explica o veterinario.

O veterinario toma como exemplo a Cooperativa Grille, en Mazaricos (A Coruña) cunhas 350 vacas. Neste caso estiman que necesitan de cama uns 3,5 metros cadrados por tenreira, mentres que serán precisos uns 150 metros cadrados de curral.

distribucion de grupos de animales en recria_Seragro

Distribución da recría na Cooperativa Grille de Mazaricos.

O material empregado na cama é outro factor clave. Segundo os estudos do veterinario galego Alfonso Lago o crecemento das tenreiras está condicionado polo tipo de encamado. Unha cama seca, con pouca cantidade e con materiais como serraduras de madeira ou terra reduce o confort, xa que o animal non é capaz de tapar as patas, a zona onde máis temperatura perden. “Seguimos atopándonos granxas que traballan con serraduras de madeira ou con camas con pouco material, que poderían ser unha opción no verán, pero no inverno e en tenreiras de menos dun mes é insuficiente”, valora Carbonell. 

Pola contra, a palla é unha alternativa na que o animal xa pode esconder as patas e reducir esa perda de calor corporal. A cama ideal é aquela na que a tenreira, sobre todo nos 3 primeiros días, pode taparse case por completo.

Hai que darlle saída aos ouriños con pendente e sistemas de drenaxe para proporcionar unha cama seca tamén no fondo e reducir o contacto do animal con emisións de gases

Para garantir o confort da cama non abonda con dispor de espazo suficiente e contar cun encamado axeitado, senón que este material debe estar en condicións óptimas. Un dos problemas habituais nas granxas galegas é que a zona de recría carece de drenax,e tanto nos boxes como nas zonas de grupo, o que dificulta manter seca e confortable a cama. “Hai que darlle saída aos ouriños con pendente e sistemas de drenaxe”, comenta o veterinario.

A drenaxe permite traballar con palla longa, o material máis recomendable para as tenreiras. Aínda que, a palla longa non absorbe a humidade de maneira eficiente se non hai elementos como a inclinación do chan ou a drenaxe. “Aínda que a palla curta parece unha boa solución, se non existen inclinación de chan e drenaxe non o é, xa que parece atallar a humidade pero o amoníaco queda nese espazo e persiste humidade no fondo da cama, o que resulta contraproducente para a tenreira”, detalla o veterinario ante unha opción moi empregada en gran número de gandarías de vacún de leite galegas.

Crianza individual ou en grupo?

Outro dos aspectos que inflúen no benestar da recría é o modelo que se escolla para a súa xestión: crianza individual ou en grupo. Ámbolos dous sistemas presentan vantaxes e inconvenientes, polo que Carbonell avoga por combinalos, optando polos boxes individuais nos primeiros días e a crianza en grupo nas seguintes fases.

Coa cría individual hai menor risco de infección, xa que un tenreiro con diarrea non contaxia ao que está á beira. Así, penalizan en menor medida os erros de manexo e proporciónase unha maior atención ao animal. A necesidade de maior espazo e máis man de obra son os inconvenientes que presenta este modo de crianza.

Na crianza en grupo os animais comen maior cantidade de materia seca e concentrado e gañan maior peso

A principal vantaxe de criar ás tenreiras en grupo é que son animais máis felices, teñen maior desenvolvemento cognitivo ao aprender uns doutros e adáptanse mellor aos cambios. Os estudos realizados sobre esta modalidade ratifican que os animais comen maior cantidade de materia seca e concentrado e gañan maior peso. Ademais, é un sistema con maior respaldo ante a opinión pública. O maior desafío neste modelo é o risco de infección e contaxio ante enfermidades e por erros de manexo.

Outro dos inconvenientes deste sistema é a competencia que xorde ao ter aos animais xuntos. “Come máis o que mama máis rápido e iso non é bo, xa que provoca que mamen máis rápido á vez que se mantén o reflexo de mamado aínda ao acabar a súa toma, polo que maman nas compañeiras”, detalla o veterinario.

No deseño dos currais en grupo é importante ter claros 6 criterios:

-Agrupar ás tenreiras tras as 2 semanas de vida.

-Manter un grupo homoxéneo e estático.

-O tamaño de grupo debe estar entre os 6 e 8 animais, aínda que o grupo pode incrementarse naquelas granxas de maior tamaño que teñen grupos moi homoxéneos de idade.

-Contar con 3,3 metros cadrados efectivos de cama por animal.

-Dispor dun espazo con ventilación.

-Na amamantadora, ter entre 15 ou 20 tenreiras no curral e tetina, aínda que tamén é variable en función do tamaño da granxa.

“En función de como se manexe e movan tanto os boxes individuais como o grupo deben organizarse o resto de tarefas, desde a limpeza, a vacinación ou o descornado”, detalla Carbonell. Resulta clave que no destete, as tenreiras teñan acceso fácil a concentrado e auga. Para os lactantes en caseta, o veterinario recomenda utilizar cubos tanto como comedeiro e como bebedoiro. Mentres, no curral serán necesarios 30 centímetros lineais de comedeiro por tenreira e uns 5 centímetros lineais de bebedoiro por animal. “Hai que evitar os bebedoiros en forma de cazoleta e en obra, xa que son difíciles de limpar. Recoméndanse os bebedoiros volteables, que permite limpar ben e proporcionarlle auga limpa ás tenreiras e fomentar que beban, xa que así tamén incrementarán o consumo de materia seca e o desenvolvemento do animal”, especifica o experto en recría.

Confort ambiental

Non menos importante para garantir o confort dos animais é prestar atención ás condicións ambientais que poden xogar un papel moi destacado. Carbonell destaca 3 variables climáticas: a velocidade do aire, a humidade e a radiación solar. Para todas elas é determinante a orientación da granxa e poderá variar dunha estación a outra. Mentres que contar cunha boa velocidade de aire no verán é beneficioso, no inverno arrefría aos animais. O mesmo ocorre coa radiación solar: durante os meses de verán as tenreiras buscan evitar o sol e durante o inverno resulta favorable. No caso da humidade, un factor moi presente nas granxas galega, resulta prexudicial en calquera época do ano, xa que mesmo no verán contribúe ó estrés térmico por calor. “Temos que tentar ter espazos secos, xa que a humidade contribúe ao desenvolvemento de bacterias e virus”, declara.

“En Galicia tense a impresión de que as tenreiras enfermarán polo frío e téndese a pechar as naves, pero os espazos abertos e ventilados reducen os riscos de infección”

Carbonell Baeza incide na importancia que chega a ter a ventilación nas granxas para que as tenreiras teñan boa saúde. “En Galicia tense a impresión de que as tenreiras enfermarán polo frío e téndese a pechar as naves, cando o vimos co Covid-19, os espazos abertos e ventilados reducen os riscos”, detalla. O sistema de ventilación debe prover de aire fresco e limpo o espazo das tenreiras, eliminar o exceso de humidade, gases nocivos como o amoníaco e calor e diminuír o estrés térmico.

Un dos métodos para conseguir esta renovación do aire  é a ventilación vertical, de maneira que unha cumieira aberta permite que exista unha diferenza de temperatura e o aire cargado e quente saia por esta parte da nave.

Tamén se pode optar pola ventilación lateral, moi utilizada no verán. Neste caso, o aire entra por un lateral, arrastra o aire do interior e lévalo polo outro. Para logralo pode recorrerse a ter o lateral aberto, como nas zonas de vacas adultas e utilizar cortinas, para no inverno reducir esta ventilación.”As cortinas é un dos mellores sistemas que temos actualmente para favorecer a ventilación. Sempre debemos deixar unha abertura na parte alta para manter a ventilación tamén no inverno”, concreta o veterinario. Neste tipo de ventilación, o aire debe entrar sempre polo lateral e non pola parte lonxitudinal, xa que desta forma non será capaz de renovarse o aire. “Nesta ventilación é moi importante o ángulo de entrada do aire con respecto ao eixo longitudinal”, esgrime.

ventilacion lateral en la granja_Seragro

A orientación e as instalacións da nave van determinar se pode funcionar a ventilación natural. Botar man de ferramentas como a rosa dos ventos, que ofrece información sobre os ventos predominantes, é moi útil para establecer os espazos abertos e saber se é suficiente a forza do vento. En Galicia predominan os ventos nor-noroeste e sur- suroeste.

Nas naves nas que a ventilación natural é insuficiente existen outros sistemas como a ventilación por tubos de presión positiva. “O tubo capta o aire do exterior e ten un ventilador no fondo que permite que o aire se reparta encima das tenreiras. Está programado nunha velocidade adecuada para que non xere correntes. Continuamente entra aire e leva aire fresco ás tenreiras”, explica.

Tubos de ventilación por presión positiva instalados na Cooperativa Grille.

Tubos de ventilación por presión positiva instalados na Cooperativa Grille.

En canto á radiación solar, os tenreiros evitan exporse ao sol durante o verán, aínda que no inverno pode satisfacerlles estar tombadas ao sol. “A incidencia solar no curral reducirá a superficie de cama útil por animal e agrupa ás tenreiras”, concreta. En Galicia, o veterinario recomenda ter especial atención ás granxas que teñan a recría na zona oeste, xa que terán máis incidencia de sol durante as tardes de verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información