Que efectos pode ter a mamite subclínica na taxa de reprodución nas granxas de vacún de leite?

Un estudo realizado en granxas de vacún de Lugo amosa a relación que existe entre a incidencia da mamite subclínica e a taxa de fertilidade do gando. Coñecemos polo miúdo as conclusión deste estudo e as recomendacións que fan os especialista para mellorar

Que efectos pode ter a mamite subclínica na taxa de reprodución nas granxas de vacún de leite?

A mamite segue sendo unha das patoloxías máis frecuentes nas ganderías de vacún de leite e ás veces faino de xeito silencioso, cando se trata de mamite subclínica, posto que cando a enfermidade se presenta deste xeito caracterízase por non ter síntomas visibles nos animais, porén esta mamite deixa tamén consecuencias. Un dos efectos que arrastra a mamite é a diminución do rendemento dos animais en aspectos como a produción e a fertilidade. Un estudo no que participaron investigadores da Universidade de Santiago fixouse na relación entre a mamite subclínica e a taxa de preñez.

Ter en conta o reconto celular no leite e os días transcorridos entre a inseminación pode ser determinante para lograr que a vaca preñe. “O estudo buscaba investigar os efectos da mastite subclínica antes e despois da primeira inseminación en vacas de leite de raza Frisoa en Galicia, xa que non se contaba con moita documentación ó respecto”, indican os investigadores no artigo que recolle o traballo.

Os investigadores traballaron cos datos de 80 granxas de Lugo e coa información de máis de 2.000 lactacións

A investigación foi realizada tomando os datos de 80 granxas de vacún de leite situadas todas elas na provincia de Lugo. Ademais, todas eran ganderías con vacas de raza Frisoa. En concreto, no estudo dispuxeron de datos de 2.053 lactacións. As granxas tiñan de media unhas 35 vacas en muxido e en todas elas se facían dúas muxiduras ó día.

Ademais, como tódalas vacas estaban incluídas no Programa de Control Leiteiro de Galicia, os investigadores contaban con toda a información referida a mastite subclínica dispoñible. No estudo tamén tiveron a colaboración do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

A incidencia da mamite

O reconto de células somáticas é un dos indicativos da incidencia de mamite subclínica na granxa, así como a baixada de produción de leite. Así, recontos celulares por encima das 200.000 células por mililitro de leite evidencian que o animal ten unha mamite subclínica.

Tendo en conta isto, os investigadores decidiron botar man deste reconto celular para avaliar os efectos na fertilidade vinculados á mastite subclínica. “A incidencia da mastite está asociada con efectos negativos no rendemento reprodutivo, así como na taxa de concepción”, explica a investigación.

Estudos previos a esta investigación xa tiñan amosado que un incremento do reconto celular antes e despois da inseminación provocaba efectos negativos na fertilidade, aínda que había dificultades para establecer a franxa de tempo que era crítica para a preñez. Así, había estudos que sinalaban como período crítico os 10 días anteriores e os 30 días posteriores á inseminación. Mentres outros apuntan que dende o día 31 ó 45 despois da inseminación os riscos aumentan. Deste xeito, un incremento do reconto celular nos primeiros 90 días de xestación apuntaba que podía haber risco de aborto.

As vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas

Na investigación realizada nas granxas galegas, os datos amosan que o período crítico abrangue os 30 primeiros días despois da inseminación. En base ós recontos celulares puideron determinar que as vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas que aquelas vacas que tiñan un reconto celular máis alto. “Un episodio de incremento do reconto de células somáticas dentro dos 30 días posteriores á inseminación artificial ten un efecto disruptivo na taxa de preñez do animal”, sinala a investigación.

Os achados do estudo demostran que a mastite subclínica dentro dos 30 días posteriores á primeira inseminación resulta decisiva e prexudica a posibilidade de preñez da vaca. Mentres, os investigadores non atoparon evidencias de que se produza o mesmo efecto se a mastite subclínica se produce nos 30 días antes de realizar a inseminación.

analiticas leite

Analíticas de leite.

O control leiteiro, ferramenta para mellorar resultados

En base ás conclusións do estudo, os investigadores recomendan extremar a prevención da mastite subclínica sobre todo despois da primeira inseminación. “ A prevención durante un período crítico de 30 días trala inseminación é importante para maximizar o rendemento produtivo”, explican.

“Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”

A relación entre o incremento dos recontos celulares, a mastite e a fertilidade das vacas fai que ferramentas como os informes do control leiteiro se volvan unha ferramenta de utilidade para mellorar os resultados na granxa, ó ofrecer información sobre os recontos celulares de xeito periódico. “Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”, detallan.

O estudo amosa que tomar medidas para previr a mastite subclínica é un xeito para diminuír as perdas económicas da gandería, debido ós efectos que pode traer sobre a fertilidade das vacas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información