Pulpa de remolacha como alternativa para a ración das vacas de leite

Medio cento de explotacións galegas empregan este subproduto da industria azucareira para alimentación do gando. A súa difícil conservación nos silos fixo desistir nos últimos anos do seu uso a algunhas ganderías e cooperativas. Coñecemos as súas experiencias

Camión cargando pulpa de remolacha nunha das plantas de Azucarera para trasladar a unha explotación

Camión cargando pulpa de remolacha nunha das fábricas de Azucarera para trasladar a unha explotación

As 69.500 hectáreas de millo forraxeiro que se cultivan en Galicia, segundo os datos do 2019 da Enquisa sobre Superficies e Rendementos de Cultivo (ESYRCE), publicada polo Ministerio de Agricultura, cunha produción de máis de dous millóns de toneladas, supoñen o verdadeiro sustento para a maioría das explotacións de leite galegas, nas que o millo equivale a entre o 30 e o 50% da materia seca da ración das vacas en produción.

Pero a falta de terreo dispoñible que acompañe o medre da cabana gandeira nas explotacións que amplían cabezas, os importantísimos danos causados ano tras ano polo xabarín ou os baixos rendementos en anos secos en zonas do interior reducen en moitos casos as producións, que non chegan para cubrir as necesidades da granxa.

Por iso, moitas delas buscan alternativas para completar as súas racións diarias de alimentación do gando. Entre outras posibilidades atópase a pulpa de remolacha, un subproducto da industria azucareira ao que xa recurren máis de medio cento de ganderías de leite galegas.

A dispoñibilidade durante todo o ano, a uniformidade do produto, a garantía no subministro e o prezo asequible en comparación con outros insumos son os principais factores que xogan a favor da introdución deste material. No lado oposto, as dificultades para o ensilado nas explotacións e o limitado aporte nutricional unha vez extraído o azucre á remolacha (a principal diferenza con respecto á remolacha forraxeira).

Subministro continuo

Proceso de encintado de rolos de pulpa de remolacha

Proceso de encintado de rolos de pulpa de remolacha

A empresa que subministra ás explotacións galegas a pulpa de remolacha é Betalia, a división de produtos para o agro pertencente a Azucarera Española, con fábricas en La Bañeza e Toro, desde as que se transporta o produto ás ganderías da nosa comunidade.

“A partir da remolacha azucreira obtense a pulpa que, tras ser sometida a un proceso de prensado, comercialízase como penso para gando. Unha vez prensada alcanza un contido en materia seca superior ao 27%, que pode consumirse como produto fresco ou ben conservarse ensilada durante meses”, explican desde Betalia, onde destacan factores como a “dispoñibilidade durante todo o ano de produto, que se subministra a granel en fresco ou ensilado en microsilos de 500 ou 1.000 quilos”.

A nivel produtivo, coa incorporación de pulpa de remolacha nas dietas de vacún, obtense un aumento de produción de leite e graxa e a súa dixestibilidade e concentración de enerxía fan dela un alimento ideal como substituto doutras forraxes fibrosas como a ensilaxe de millo

“O noso mercado en Galicia de pulpa prensada, é dicir, a nosa pulpa húmida, un reconto que non inclúe outros produtos como pellets, pulpa en rama seca ou melaza, está formado a día de hoxe por uns 40 clientes activos de microsilos de pulpa prensada e outros 15 de pulpa prensada a granel que os gandeiros ensilan nas súas granxas. As vendas supoñen entre 10.000 e 12.000 toneladas de pulpa prensada ao ano entre ambos formatos”, indican desde a empresa.

Sobre as características da pulpa prensada, en Betalia destacan que “a nivel produtivo, coa incorporación de pulpa de remolacha nas dietas de vacún obtense un aumento de produción de leite e graxa” e consideran que “a súa dixestibilidade e a súa concentración en enerxía fan da pulpa de remolacha un alimento ideal como substituto doutras forraxes fibrosas como a ensilaxe de millo”.

Redución de problemas metabólicos e estrés por calor

Desde a empresa subministradora afirman ademais que “o seu baixo nivel de lignina (indixestible no rumen) e a presenza de fibras de alta dixestibilidade, melloran o consumo de materia seca diario en vacas de leite de alta produción. O menor efecto de enchido do rumen por parte da pulpa de remolacha respecto á ensilaxe de millo e s sús maior dixestibilidade, favorecen un incremento na inxesta de materia seca, destacando a súa inclusión en épocas de estrés por calor”.

“Outra das grandes vantaxes de substituir parcialmente a ensilaxe de millo por pulpa de remolacha prensada é a redución dos problemas metabólicos. O seu contido en fibra soluble favorece a formación de ácidos graxos volátiles, reducindo o risco de acedose con respecto a outro tipo de alimentos con alto contido en amidóns ou azucres, xa que a súa alta concentración en pectinas reduce a produción de ácido láctico, sendo a súa excesiva produción a principal causa de acedose ruminal. Por iso, a nivel metabólico, a substitución da ensilaxe de millo por pulpa de remolacha prensada aumenta os niveis de glucosa e reduce o risco de enfermidades metabólicas en post-parto como as cetoses subclínicas”, aseguran.

pulpa de remolacha“A nivel nutricional é máis pobre, non se compara co millo”

Non comparte de todo os distintos aspectos positivos destacados pola empresa o investigador César Resch, responsable do sector leiteiro no CIAM de Mabegondo, que aprecia carencias na pulpa de remolacha como produto de alimentación e riscos no seu manexo.

“A remolacha forraxeira enteira é relativamente parecida ao millo, pero o valor enerxético da pulpa de remolacha é moi inferior, 6-7% de proteína e fibra, porque é sen sucre. É un produto bastante pobre para alimentación animal, non se compara co millo”, afirma César.

Ademais, di, “manexar un produto húmido é un factor risco importante”. “A pulpa ensilada en trincheira nas explotacións ensila bastante mal porque ten poucos azúcares, e os poucos que ten pérdeos no proceso de ensilado e nos lixiviados que emite”, relata.

“Eu non a vexo, sinceramente, para as racións en Galicia. Poido vela en Castela, onde a tes á porta da casa case regalada, pero aquí temos uns portes e o produto aporta o que aporta”, conclúe.

Pulpa de remolacha ensilada en rolos

Pulpa de remolacha ensilada en rolos

“É un alimento que me encaixa no prezo, estou contento”

Antonio Pérez, da gandería O Cantón SC, de Viana do Bolo, usa a pulpa de remolacha en rolos desde fai tres anos. Ten 96 cabezas e unhas 100 hectáreas de terreo pero non bota millo. “Antes aquí nesta zona botábase moito millo, pero nós agora non o botamos por culpa do xabarín. A última vez sementei 7 hectáreas e destrozáronmo, porque só había a miña finca con millo. Nesta parte de Ourense a gandería está en decadencia, cada vez hai menos fincas a millo porque os de gando de carne non botan”, explica.

Ao non dispoñer de silo de millo propio, O Cantón compraba millo picado en La Bañeza para ensilar na explotación. “Pero unha vez que se abre o silo se tes pouco consumo, como era o meu caso, estropeábase”, conta. Por iso deixou de usalo.

Cheguei a ela un ano por necesidade, porque me encaixaba no prezo, e hoxe non a cambio por nada

Pero no ano 2017 houbo seca e recurriu á pulpa de remolacha para suplementar a forraxe de herba da explotación. “Cheguei a ela un ano por necesidade, porque me encaixaba no prezo, e hoxe non a cambio por nada. Agora teño silo de herba bastante pero o que me aporta a pulpa non mo aporta o silo de herba, e non encarece a ración. Vexo un alimento calidade-prezo interesante e asequible. Está claro que non é un alimento coma o millo, pero fóra do que é o millo, dentro do resto de forraxes, aporta proteína e enerxía. Eu estou contento con ela”, di.

Un custo de 6,3 céntimos/quilo

“Eu tráioa en rolos de 1.000 quilos. Teño a sorte de que me entra o tráiler á nave, pero en moitos establos das zonas de montaña é difícil que che chegue o camión á porta. A granel sae máis económica, pero eu non me animo a facelo en trincheira pola conservación. No rolo non se desperdicia nin un quilo, aprovéitase todo. Vanme traendo segundo necesidade, un camión dúrame para mes e medio ou dous meses. Un rolo dúrame tres días, non a saco do envoltorio, vou abrindo o que vou comendo. Eu non uso carro e poño a pulpa mesturada co penso unha vez ao día”, explica Antonio.

O tráiler que lle trae a pulpa ata Viana vén con 24 rolos. Sáelle a 63 euros o rolo, é dicir, uns 6,3 centimos o quilo. “Dou entre 8 e 10 quilos por animal e día dependendo do nivel de produción, pero afórroo en penso, porque sácaslle 2 quilos de concentrado a cada vaca, que está a 30 céntimos”, argumenta.

Dou entre 8 e 10 quilos por animal e día dependendo do nivel de produción, pero afórroo en penso, porque sácaslle 2 quilos de concentrado a cada vaca, que está a 30 céntimos

En canto ao estado dos animais, Antonio destaca que “as vacas están ben e empreñan ben. En rolos é un alimento moi estable que vén sempre nas mesmas condicións e non provoca problemas nutricionais no gando nin de ningún outro tipo, nin sequera de engrasamento”.

O Cantón tamén dá pulpa de remolacha ás vacas secas. “Cando secan van para o prado porque hai pasto dabondo, pero cando o tempo non permite mandalas ao prado, darlles só silo de herba é unha alimentación bastante pobre e suplementámolo con pulpa de remolacha. Penso que para dar antes do parto é mellor que o millo, porque o millo é máis forte e hai que ter moito máis coidado”, considera. Na súa opinión, a pulpa sería tamén un alimento interesante para o gando vacún de carne. “Sería útil en vez da palla, porque estás aportando algo máis e afórralo no penso”, di.

Pulpa de remolacha ensilada en trincheira

Pulpa de remolacha ensilada en trincheira

“É moi inestable e tes que andar moi rápido os frentes”

SAT Herbón Núñez, no concello lucense de Baralla, ten case 200 vacas en produción. Durante dous anos usou na ración pulpa de remolacha ensilada en trincheira na propia explotación. Neste momento xa non a empregan porque mercaron 30 hectáreas máis de terra que teñen xa producindo millo (botan un total de 70) e agora son autosuficientes.

Pero cando só dispoñían de 45 hectáreas de millo non lles chegaban e recurrían á pulpa de remolacha. “Ten vantaxes, porque aporta fibra e boa calidade-prezo. A pulpa a granel é mais barata que o millo comprado, sae entre 12 e 14 euros máis barata a tonelada que o millo comprado. Pero tamén ten desvantaxes, porque o silo de millo ten unha estabilidade maior e deste xeito tes que ter tres silos abertos ao mesmo tempo, o de herba, o de millo e o de pulpa, que no silo ten unha estabilidade moi xustiña e tes que andar moi rápido os frentes para non ter problemas”, lembra José Manuel, que xunto ao seu irmán Marcos xestionan esta SAT familiar.

Malia esa inestabilidade na almacenaxe, José Manuel recoñece que, de volver facerlles falta forraxe algún ano posiblemente recurrirían de novo á pulpa de remolacha. “Nada é perfecto, é como se tes unha vaca que sabes que che dá problemas para empreñar pero aguántala porque che dá moito leite”, compara.

Dificultades para o ensilado

Herbón Núñez mercou pulpa durante dúas campañas anuales ensilándoa en dúas épocas distintas do ano, en novembro e en marzo. José Manuel destaca non só as dificultades para a conservación unha vez aberto o silo, senón tamén os problemas á hora de facer o silo. “Xa é un produto demasiado inestable cando vén para aquí. Son partículas moi pequenas, de un centímetro de diámetro por 4 ou 5 milímetros e hai camións que non veñen do día. Nós controlabamos a humidade e faciamos análises. Segundo o contrato asinado a materia seca non podía baixar do 27%, pero había camións que baixaban ata o 24%. Pagabas aos 8 días e tiñas que mandar as contraanálises para que despois chos compensasen”, explica.

“Desde o ano pasado non a volvimos meter. Investimos en comprar máis terra. Hai un pouco máis de traballo pero tamén hai ganancias moito maiores. O silo feito por nós sáenos a 3 pesetas quilo e se o vas comprar anda entre 8 e 10 pesetas en función de como compres e como estea de almidón, porque o que cho vende non entende moito diso, o que quere é quilos e se poden métencho húmido para que pese máis”, quéixase.

Vacas en produción na gandería Lebón SC de Samos, que emprega a mestura húmida de Aira

Vacas en produción na gandería Lebón SC de Samos, que emprega a mestura húmida de Aira

“En Aira usamos a pulpa de remolacha fresca durante tres anos na mestura húmida que servimos ás granxas”

José Manuel López Pardo, é técnico na planta de mestura húmida que a cooperativa Aira ten en Sarria, onde leva a produción forraxeira e o día a día dunha planta que serve a ración diaria nunhas 40 explotacións socias. “Usamos pulpa de remolacha durante dous ou tres anos porque andabamos xustos de silo de millo. Traíase unha bañeira cada 3 días dunha azucareira de Palencia, descargabámola no chan e iamos meténdoa na ración así en fresco. Repartíase a bañeira de 25 toneladas para 2 ou 3 días, que é o que aguanta sen quecer. Era un produto delicado se non o consumías nese tempo, porque é un produto húmido cun 25-26% de materia seca que fermenta, polo que hai que ter coidado co manexo, pero nós non a ensilabamos para non meterlle máis gastos. Deste xeito saíanos a uns 45 euros a tonelada posta aquí”, conta.

Touxémola tres anos porque andabamos xustos de millo e gastabamos unha bañeira de 25 toneladas cada dous ou tres días

Para José Manuel, é un produto que “na ración funcionaba ben, porque é apetecible e cómena ben, e nas vacas ía tamén ben”. Considera que a pulpa de remolacha “encaixa ben en prezo e para unha explotación pequena pode ser unha boa solución ensilándoa”. Para unha planta como a de Aira tiña tamén outra vantaxe: “ofrecían subministro todo o ano, que para nós e importante para non ter que andar variando a ración. Pode haber algún outro ingrediente que che encaixe tanto en prezo como nutricionalmente pero nós necesitamos constancia para non ter que estar modificando tanto a ración”, xustifica.

Non a ensilabamos para non meterlle máis gastos, consumiámola directamente, pero hai que ter coidado porque é un produto húmido que fermenta

Na planta de mestura húmida de Aira fan neste momento dúas racións para vacas de leite, outra para preparto e unha para secas, a maiores dunha mestura seca para recría. Fan dúas mesturas estándar de alimentación para vacas en produción: unha para ganderías con sala de muxido e outra para explotacións con robot, que leva menos concentrado, dado que os robots suplementan o penso durante o muxido.

A pulpa é un produto que funciona ben nas vacas, é apetecible e cómena ben

A ración actual está formada por 23 quilos de silo de millo, 8 de silo de herba, 2,3 quilos de melaza, unha mestura enerxética a base de fariña de millo e logo os compostos proteicos (soia, colza e cascarilla), ademais de medio quilo de palla en ocasións puntuais. Cando empregaban a pulpa de remolacha aforraban 5 quilos de silo de millo na ración, pois estaba formada por 18 quilos de silo de millo, 7,5 de silo de herba, 1 de palla, 3 de pulpa de remolacha, 3 de fariña de colza, 2,4 de fariña de soia, 1,8 de cascarilla de soia e 1,5 de melaza de caña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información