Publicadas as indemnizacións por saneamento gandeiro, que este ano inclúen a EHE

A Consellería indemnizará con carácter retroactivo as mortes producidas pola enfermidade hemorráxica epizoótica en 2023 pero non inclúe pagos por lucro cesante en animais enfermos que non morran

Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier

Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde de axudas para a indemnización de animais sacrificados no marco de programas oficiais de saneamento gandeiro, que inclúe desta volta a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).

As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2024 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2023, financiaranse con cargo á partida orzamentaria establecida, por un importe total de 975.000 euros.

A Xunta opta deste xeito por incluír a EHE como unha enfermidade gandeira máis, sen establecer unha partida específica para ela. Como se esperaba, os pagos pola EHE non inclúen apoios ás explotacións polo lucro cesante causado pola enfermidade en animais que non morran. Era algo que se solicitara á Consellería por parte dos sindicatos agrarios e as distintas asociacións de gandeiros, pero a Xunta xa advertira de que non o faría.

As indemnizacións por morte terán en conta a idade do animal e a súa vocación produtiva. Aplicaranse os seguintes criterios para establecer os baremos de indemnización das razas de animais de aptitude mixta (por exemplo, nas razas bovinas Parda alpina, Normanda, Fleckvieh, Montbeliarde, Conxunto mestizo, etc.): 

  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de leite, indemnizarase como de aptitude leiteira.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de carne, indemnizarase como de aptitude cárnica.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción mixta, será indemnizado como de aptitude leiteira.

As explotacións que se atopen incluídas nunha Agrupación de Defensa Sanitaria percibirán un incremento do 10% no importe da indemnización e deberán seguir pertencendo a unha ADSG unha vez que a persoa titular da explotación presente a solicitude de indemnización. As ganderías ecolóxicas terán un plus do 5%.

O baremo oficial do Ministerio de Agricultura estipula que nas explotacións de carne, o valor dos animais adultos (24-48 meses) é de 707 euros. No caso das granxas de leite, as vacas de 24 a 48 meses teñen un baremo de 907 euros. Eses son os valores máximos por animal e van descendendo tanto en animais de maior idade como en xovencas e becerras. A normativa ministerial establece como estándar que se pague un 85% do baremo, se ben no caso de baleiro sanitario pagaríase o 100% e en casos de decomiso de animais, hai un pago adicional.

Enfermidades incluídas

O obxecto da orde publicada é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei de Sanidade Animal de 2003.

Inclúense os casos sospeitosos de lingua azul e os focos de peste porcina africana, caso de producirse

Poderán optar ás indemnizacións os titulares de explotacións con animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén no caso de animais sacrificados por motivos de sospeita da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou por padecer EHE.

No caso das explotacións avícolas, aquelas afectadas pola enfermidade de Newcastle, casos de salmonela ou outro tipo de focos de influenza aviaria. En granxas de porcos, os animais mortos ou sacrificados por mor da declaración dun foco de peste porcina clásica ou africana e en granxas de visións as que sexan sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información