O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o listado definitivo das axudas excepcionais aprobadas por parte o Ministerio de Agricultura para as explotacións de carne (vacas nutrices, cebo de xatos, ovino e caprino, sector cunícola e producción avícola) para paliar as consecuencias de incremento de custos de produción motivados pola guerra de Ucraína.
A resolución publicada agora actualiza o listado preliminar que xa se publicara a finais do mes de xullo e precisa o importe concedido finalmente a cada gandería, en función de criterios como o número de animais. O pago destas axudas, que xa recibiron antes do verán as ganderías de vacún de leite, retrasouse no caso dos produtores de carne pola ausencia de datos dos produtores avícolas, que non reciben axudas da PAC, segundo tiña sinalado a Consellería.
Aínda que a Xunta é a Administración encargada de abonar estas axudas, os fondos corresponden aos destinados polo Ministerio a apoiar ás granxas, con cofinanciamento nun terzo por parte da Unión Europea. Agricultura lembroulle estes días ás comunidades que os apoios terían que estar pagados a 30 de setembro.
Pódese consultar o listado completo de beneficiarios e o importe individual correspondente no seguinte enlace.
Por outra banda, os produtores que así o solicitaron, recibiron xa este mes o anticipo, realizado a través das entidades bancarias, das axudas ás ganderías de carne anunciadas pola Xunta, que se enmarcan nunha futura convocatoria que a Consellería sacará no 2023.