O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural a través da cal se convocan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios por parte dos agricultores e gandeiros galegos neste 2024, dotada cun orzamento de 8,5 millóns de euros. A contratación ou formalización dunha póliza de seguro será considerada solicitude de axuda, sempre que estea dentro dos prazos establecidos na normativa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación .
As achegas cubrirán un máximo do 75% do custo da póliza, sumando os fondos autonómicos e estatais aportados para esta finalidade. Isto constitúe unha novidade na convocatoria para o 2024, xa que nas anteriores o máximo financiado chegaba ao 65%. Cómpre engadir que as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha subvención adicional do 4%.
Os seguros son voluntarios, pero a Consellería do Medio Rural considera imprescindible o aseguramento nunha explotación agraria profesional, polo que incentiva a súa contratación coa súa inclusión nos criterios de concesión das axudas agrarias, como as dedicadas á incorporación de mozos ao sector ou a investimentos nas explotacións.
Reunión cos consellos reguladores vitivinícolas
Precisamente hoxe, a Consellería do Medio Rural mantivo un encontro cos consellos reguladores vitivinícolas para presentarlles as opcións de pólizas agrarias. Mentres que no resto de liñas de seguro de explotacións agrícolas, a porcentaxe de subvención, por parte da Xunta, é do 22 %, no caso da uva de vinificación das denominacións de orixe pode chegar ata o 50 %. Así, sumando as achegas do Estado e da Xunta, é moi factible que nestas pólizas se chegue a financiar o 75 % do importe total, que é o máximo establecido pola lexislación comunitaria.