A Xunta limpará a biomasa arredor das vivendas en sete concellos nun plan piloto

O convenio de defensa das aldeas fixo posible a inspección de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas entre 2021 e 2022.

A Xunta limpará a biomasa arredor das vivendas en sete concellos nun plan piloto

A Xunta xestionará directamente a biomasa preto das vivendas de sete concellos piloto seleccionados ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Nestes municipios, as franxas secundarias comprenden unha superficie total de 2.500 hectáreas preto das casas, distribuídas en máis de 50.000 parcelas dos concellos de Carnota, na provincia da Coruña; As Nogais, na de Lugo; Cualedro, A Gudiña, Monterrei e Lobios, na provincia de Ourense; e Gondomar, na de Pontevedra.

Precisamente hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, realizou unha visita a unha zona na que se están a executar traballos de xestión da biomasa preto das vivendas no concello de Carnota. Estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, polo alcalde en funcións da localidade, Juan Manuel Saborido, e pola directora-xerente de Seaga, María Luisa Piñeiro. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta quixo ir máis alá e por iso se planificaron estas actuacións integrais nos sete concellos mencionados, como complemento ao labor feito polos propios titulares dos terreos.

Reforzo da prevención

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que se introduciron melloras na normativa sobre incendios forestais para reforzar dita prevención. Así, cunha disposición adicional modificouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia para facilitar e axilizar a execución dos labores de xestión da biomasa.

Desta forma, sinalou José González, con dita modificación precisouse mellor que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifiquen os controis e desde principios de abril para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión.

Do mesmo xeito, clarificou o conselleiro, o apercibimento aos particulares é válido por catro exercicios, o cal soluciona o problema de ter que apercibir todos os anos e abriuse a posibilidade de proceder directamente á execución subsidiaria por parte da Administración competente naquelas parcelas de propietarios que desatenderan ditos avisos. Por último, tamén se solucionou o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal, matizou o titular de Medio Rural.

Actuacións en Carnota

No caso concreto de Carnota, segundo explicou González, as franxas secundarias comprenden unha superficie de preto de 377 hectáreas preto das casas, distribuídas en algo máis de 9.600 parcelas, e engadiu que preto de 46 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. Ademais, neste municipio tamén se está traballando nun Perímetro de Alto Risco de Incendios (PARI), unha figura que ten por obxecto anticiparse aos lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas. Así, estanse levando a cabo actuacións preventivas en case 12 hectáreas e 10 quilómetros de superficie onde o estado de abandono significa un alto risco de propagación de incendios forestais.

Nesta liña, estes labores enmárcanse no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega.

Neste contexto, salienta como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible delimitar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa.

Convenio coa Fegamp e Seaga

En relación co convenio asinado coa Fegamp e Seaga, ao que están adheridos o 89 % dos concellos galegos -entre eles o de Carnota-, José González puxo en valor o feito de que entre 2021 e 2022 se inspeccionaran preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias e que a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario- pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% en 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información