Máis de 270 persoas déronse cita a tarde deste mércores nos Gala Premios D.O. Ribeiro celebrada no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense), co lema Un proxecto para as persoas, coa que o Consello Regulador da D.O. Ribeiro rende homenaxe á figura do viticultor cunha mirada ao pasado e ás tradicións, pero tamén ao futuro e á necesidade do remuda xeracional para seguir sendo referente e motor económico e turístico da enocomarca.
Diso falou o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares, na súa intervención na gala, á que asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o delegado territorial en Ourense da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, entre outras moitas autoridades.
Para Casares, que lembrou os éxitos dos viños Ribeiro enumerando algúns dos 28 máximos galardóns obtidos nos últimos meses, empeza un novo período que “afrontamos con ilusión, traballo, compromiso e esa vocación de continuidade que liga o pasado, o presente e o futuro”.
“Unha continuidade fundamentada en dúas ferramentas”, dixo, “o control exhaustivo como garantía de orixe, calidade e seguridade para o consumidor, e unha estratexia de promoción agresiva que abra camiños nos mercados estatais e internacionais”, enumerando como grandes obxectivos, o redimensionamento da base territorial e un recambio xeracional que aseguren o noso futuro; a conversión desta xoia para os sentidos en destino turístico sostible, de calidade e desestacionalizado, e por fin, a posta en valor da figura do viticultor como peza esencial do motor económico desta enocomarca histórica”.
O presidente do Consello Regulador tamén aproveitou para facer unha radiografía do novo Ribeiro que anunciou fai cinco anos e que son, en definitiva, “os froitos da aposta que fai tres décadas fixo un grupo de viticultores e adegueiros pola recuperación das nosas castes”.
“Este é o Ribeiro que soubo con orgullo e sen complexos, sobrepoñerse aos malos momentos; o Ribeiro que, con inconformismo e amplitude de miras, acertou na xestión dun legado de séculos de historia e calidade”.
O presidente da D.O. lembrou que en “seis anos conseguimos a recuperación e asentamento do Consello Regulador como entidade que representa moito máis que viño, e que hoxe é un ente totalmente saneado no económico, modernizado nas súas infraestruturas e funcionamento, e un organismo que transmite seguridade e credibilidade”.
Ademais, Casares insistiu no lema da gala deste ano que pon o foco de atención nas persoas, porque tal e como explicou “o Ribeiro é historia, tradición, patrimonio, termalismo e viño, pero por encima de todo, constitúe unha obra de persoas que viven, traballan, senten e soñan; que teñen anhelos, proxectos e ilusións de vida” e que “viven a realidade da súa propia intrahistoria, cada día máis dura e incerta”, reivindicando precisamente neste contexto “o papel dun Consello Regulador autónomo como axente vertebrador do territorio e de cohesión da súa sociedade” porque “xestionamos calidade e promoción, pero tamén influímos na vida das persoas ao tomar decisións dirixidas a xerar oportunidades para o seu desenvolvemento dentro dun proxecto común de territorio”.
PREMIADOS
A gala, conducida polo actor Rubén Riós e a xornalista Montse Estévez, con música en directo de Nastasia Zürcher, tivo como eixo central a entrega dos premios cos que o C.R.D.O Ribeiro recoñece o labor de difusión e posta en valor dos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, e que este ano recaeron no xornalista e escritor Manuel Juliá, director de FENAVIN, galardoado co Premio Persoeiro de Honra, por posicionar Fenavin como “a feira de viño máis importante do estado español e o escaparate perfecto para mostrar toda a riqueza e variedade deste sector”, e na sumiller María José Huertas, Nariz de Ouro e responsable da adega do restaurante La Terraza del Casino (NH Hotel Group) que dirixe o Estrela Michelin Paco Roncero, que recibiu o Premio Muller e Viño, porque “o mundo do viño non é unha cuestión de xénero, senón de persoas que han de ser valoradas polo seu traballo, as súas capacidades e o seu talento”, algo sobradamente demostrado por Huertas, un dos grandes nomes da sumillería.
Ademais, premiouse á revista La Alacena Roja, galardoada co Premio Mellor Tarefa de Comunicación, co que se recoñeceron “os seus dez anos de posta en valor do viño, a restauración e o noso enoturismo”, e a Festa da Istoria de Ribadavia, que recibiu o premio Ribeiro en Nós, polos seus “34 anos recreando pasaxes históricas da nosa comarca, facendo realidade a máxima de que falar de Ribeiro é falar da historia de Galicia”.
A eles sumáronse os viticultores Delfina Alén Beldrón, de 85 anos, e Cristian Vázquez Carrera, de 35, que recibiron conxuntamente o premio Vida entre Vides. Un galardón aos dous profesionais en activo máis veterana e máis novel, respectivamente, co que o Consello Regulador pretende “visibilizar que máis aló do redimensionamento do territorio, hai que impulsar o recambio xeracional” e que representa o “recoñecemento a unha vida de tesón, esforzos e coidados” para Delfina e “o convencemento de que hai futuro na viticultura”.
Ademais, durante a gala recoñeceuse “a aposta polo viño Ribeiro” do restaurante O’Colmear, de Ourense, distinguido como Mellor Servizo de Viño en Restaurante; la Vinoteca Tucho, de Ribeira, como Mellor Tenda Especializada, y Sibarita Bar & Shop, de Vigo, como Mellor Bar de Viños, desexando que “sexan espello para toda a hostalería”, e fixéronse entrega dos premios aos viños gañadores da Cata Oficial: Juan Míguez El Godello, como Mellor Branco Adega; Alberte, Mellor Tinto Adega; Gran Gandarela, Mellor Branco Colleiteiro, e Viña Carpazal Selección, como Mellor Tinto Colleiteiro, todos eles da colleita 2022.
A clausura da gala correu a cargo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen cualificou aós premiados como “baluartes de Galicia Calidade e do rural con oportunidades”, asegurando que os recoñecementos son “unha proba do arraigo do sector, da excelencia dos viños galegos recoñecida dentro e fóra de Galicia e da confianza en que, desde os recunchos máis modestos, os produtos galegos poden conquistar o mundo”-
Ademáis, o xefe do Executivo autonómico valorou a forza da viticultura na Comunidade, destacando o apoio da Xunta con medidas como a Lei de recuperación da terra agraria, os preto de 30 millóns en axudas para investimentos, exportacións e reconversións dos viñedos; e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
“Unha viña é unha fonte de riqueza”, dixo, “pero tamén é unha postal para moitos deses visitantes que contribúen a que Galicia siga batendo récords turísticos”.