A cadea forestal madeira vén de desenvolver unha xornada a prol do peche de ciclos industriais no sector forestal de Galicia. O acto, organizado pola Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, contou co apoio das principais asociacións do sector (Fearmaga, Lugo Madera, Cluster da Madeira e Cluster de Biomasa), así como coa participación dos conselleiros de Economía, María Jesús Lorenzana, e de Medio Rural, José González.
No marco deste foro, as principais asociacións sectoriais de Galicia demandaron -a través dunha declaración conxunta- apoio público decidido “a calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira”. Reclamaron tamén aos poderes públicos un apoio a “que se executen as infraestruturas precisas e a garantir os mecanismos de apoio necesarios para que estes proxectos sexan canto antes unha realidade no noso territorio”.
De telón de fondo, están os proxectos de Ence (As Pontes) e Altri (Palas de Rei), pero tamén outras iniciativas que se teñen barallado no sector, como a posta en marcha dunha biorrefinería.
Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, subliñou o peso da industria forestal na economía galega. Lorenzana, que destacou o bo momento da industria na Comunidade, apuntando á boa evolución do índice de produción industrial (IPI) e do emprego industrial, fixo fincapé na importancia de que todo o sector e a Administración apoien o peche do ciclo industrial da madeira en Galicia.
A responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que desde o punto de vista do apoio aos novos proxectos industriais, a Administración autonómica está a traballar na celeridade e na desburocratización, así como no acceso ao solo, entre outros aspectos, sen deixar de lado as garantías ambientais.
Neste sentido, subliñou que “cremos nun desenvolvemento industrial e da industrial forestal absolutamente compatible co medio ambiente”. Do mesmo xeito apuntou que “as tramitacións ambientais que se están facendo de todos os proxectos que saen adiante na nosa Comunidade están absolutamente blindadas desde o punto de visto ambiental”. A conselleira de Economía, Industria e Innovación enmarcou nese compromiso coa compatibilidade do desenvolvemento económico e do aproveitamento dos recursos a aprobación do Proxecto de Lei de recursos naturais.
Ademais, María Jesús Lorenzana lembrou que as iniciativas que están a impulsar Altri e Ence son proxectos industriais estratéxicos, que teñen polo tanto a tramitación máis rápida que pode ter un proxecto en Galicia. No ámbito do financiamento, reivindicou unha vez que os fondos Next Generation cheguen ao tecido produtivo. Reclamou a colaboración entre todas as administracións, apostando por un sistema de cogobernanza xunto cos ministerios para que os fondos cheguen canto antes ás empresas.
Compromiso da Xunta
En parecidos termos, o conselleiro do Medio Rural reafirmou -na súa intervención de clausura- o compromiso da Xunta a prol de favorecer esa transformación e o peche dos ciclos produtivos do sector forestal en Galicia. Neste sentido, puxo en valor ferramentas como o Plan estratéxico da industria forestal-madeira, xunto co Plan Forestal de Galicia. Ambos, sinalou, constitúen unha boa folla de ruta para fomentar a conexión entre recurso e produto.
Así, o conselleiro avogou por darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións na nosa comunidade, tendo en conta que a demanda de madeira se vai cuadriplicar nos próximos 30 anos, segundo apuntan as tendencias de mercado, algo para o que, remarcou, “temos que estar preparados”.
Por iso, González salientou o papel protagonista que van ter, nesta demanda, os novos bio-produtos, tales como a fibra textil vexetal, a madeira en construción ou o packaging. Ao tempo, trasladou que “tanto a estes novos produtos como ás propias industrias se lles esixirá, aínda máis, fluxos secundarios dos produtos actuais (lignina, labra, estela, serradura) e, deste xeito, non aumentar a demanda de madeira en rolo”.
Neste sentido, o conselleiro sinalou que “estamos diante dun desenvolvemento tecnolóxico, un aumento do uso en cadoiro e unhas políticas de circularidade” que reducirán o uso futuro da madeira por unidade de produto final. É dicir, engadiu, “produciremos máis produto con menos recurso”. Algo ao que, indicou tamén, cómpre engadir a adaptación en curso dos bosques provocada polo cambio climático.
Neste contexto, o conselleiro comprometeu que se seguirá traballando para impulsar a dixitalización, a ecoinnovación, as tecnoloxías forestais, de procesamento e comercialización de produtos, así como a valoración e a segunda transformación da industria forestal madeira e do contract. Neste sentido, lembrou que o venres pasado publicouse a convocatoria anual destas axudas, cunha cifra récord de catro millóns de euros.
Na mesma liña, o conselleiro puxo de relevo a “aposta do Goberno galego” por fomentar a construción en madeira, así como o feito de que Galicia fora a primeira comunidade española en regular un mercado voluntario de crédito de carbono. Como resumo, José González destacou que se trata de apoiar ao sector forestal para que poida enfrontarse aos novos retos, sendo competitivos, máis produtivos, pechando ciclos e producindo bens co maior valor engadido posible.
Declaración sectorial
No contexto desta xornada, as principais asociacións sectoriais de Galicia subscribiron unha declaración a prol do peche de ciclos industriais en Galicia. Este documento pon en valor o feito de que a nosa comunidade produce anualmente o 55 % da madeira de toda España e que detrás deste recurso existe un bosque que achega servizos ecosistémicos á sociedade, así como rendas e valor ao rural, a través dun tecido industrial amplo e diverso.
A declaración tamén salienta que Galicia conta cunha industria de transformación moi diversificada, con empresas que son un referente no seu ámbito de negocio. Porén, sinala que, para ser competitivos e producir produtos de alto valor engadido, hai que dispor dun recurso endóxeno sólido e continuado, pero tamén hai que asegurar a transformación e o peche de ciclos dentro do propio territorio. E conclúe, por iso, que o reforzo e consolidación das segundas e terceiras transformacións dos produtos de madeira ou baseados en madeira en Galicia debe ser obxectivo de todas as administracións públicas.
Así, as organizacións asinantes urxen ás administracións a apoiar de xeito decidido calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira.
A declaración foi asinada polos presidentes do Clúster da madeira e do deseño de Galicia, da Asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeiras de Galicia e do Clúster da biomasa de Galicia.
Participación das universidades galegas
Nesta xornada participaron tamén expertos das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. Así, interviñeron César Pérez Cruzado, profesor da USC, e Adela Martínez Calvo, investigadora desa mesma universidade, para falar da metodoloxía do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG).
Tamén houbo unha explicación sobre o novo mapa de dispoñibilidade de recurso forestal a cargo de membros da equipa da Escola de Enxeñaría forestal de Pontevedra (UVigo) involucrada no desenvolvemento do devandito IFCG.