O goberno da Xunta aprobou este pasado xoves impulsar o Plan Estratéxico Forestal-Madeira, para o que destinará un orzamento de 150.000 euros. Este plan contará coa colaboración do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e outras asociacións empresariais implicadas no sector da explotación de madeira. Con este plan búscase dar unha resposta ás necesidades e demandas do sector, sobre todo na parte de produtos elaborados a partir desta materia prima.
O Consello da Xunta acaba de aprobar o convenio mediante o cal a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, colaborará co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo e a Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia para elaborar un Plan estratéxico da industria forestal-madeira.
Este convenio, que conta cun orzamento de 150.000 euros, estará en vigor ata novembro do ano 2024. O seu obxectivo é elaborar un plan que responda ás necesidades e demandas da realidade do tecido industrial na nosa comunidade.
Entre as actividades que pretenden desenvolver, buscan establecer os mecanismos axeitados para garantir unha oferta estable de produtos, especialmente daqueles con valor engadido. Para levar isto a cabo, sería necesario tamén integrar as necesidades da industria cunha planificación e xestión dos recursos forestais aliñada cos obxectivos sustentables da revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.
Ademais, o futuro plan estratéxico identificará as infraestruturas de investigación, formación e transferencia do forestal-madeira competitivo e innovador. Tamén crearán mecanismos de cohesión e cooperación que fortalezan ao sector e procurarán lazos para que a actividade forestal estea vinculada coas sociedades rurais e urbanas.
A maiores, crearase unha comisión de seguimento para poder acadar unha maior eficacia e operatividade nas relacións entre as diferentes entidades. Deste xeito, constituirase unha comisión mixta de carácter paritario, integrada por dous representantes de cada unha das asociacións colaboradoras, que se reuinirán cando algunha das partes o solicite ou como mínimo unha vez por ano.
A comisión realizará o seguimento, vixilancia e control da execución de convenio e das obrigas de cada unha das entidades. Adoptaranse cantas medidas e especificacións técnicas sexan precisan de cara a garantir a boa execución do convenio e resolverá os problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir na súa execución.
Este plan, vén dar resposta a unha demanda histórica das principais asociacións industriais galegas que compoñen a cadea de valor, deste xeito, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola cogobernanza, involucrando dende o principio aos principais actores industriais do sector forestal de Galicia para a elaboración do seu propio plan industrial.