“Producir 30 ou 35 litros por vaca é doado, só hai que ser bo agricultor para ter bos silos e encherlle o rumen á vaca. O problema máis serio é pasar a barreira dos 40 litros, porque require máis precisión e eficiencia en termos de nutrición”, afirma Alejandro Castillo, profesor da Universidade de California, que visitou recentemente Galicia para participar nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro.
Este experto en nutrición considera que en Galicia é posible aínda incrementar a produción media de leite das vacas, como se fixo en EEUU nos últimos anos, a través do control da alimentación. “Hai un gran traballo aínda por facer e pódese lograr un incremento da produtividade e a eficiencia das ganderías baseado en datos cuantitativos de calidade das forraxes e de balance de minerais na dieta”, asegura.
En Galicia hai un gran traballo aínda por facer e pódese lograr un incremento da produtividade e a eficiencia das ganderías
“En California hai sistemas sostidos no tempo de produción de leite con medias de 55 litros por vaca e para iso é fundamental facer análises químicas de forraxes e analíticas de auga para balancear correctamente as dietas corrixindo posibles excesos e antagonismos e integrar a nutrición do chan no sistema para evitar problemas futuros de altas concentracións de determinados minerais nas forraxes”, exemplifica.
Integrar a nutrición animal e a nutrición do chan
Ademais de introducir os minerais que necesita a vaca na ración final que se lle facilita no pesebre, este experto defende a necesidade de integrar a nutrición mineral dos animais coa nutrición mineral dos chans.
“A vaca come minerais e excreta minerais. A idea é ter iso en conta para utilizar ben o poder fertilizante do esterco. O obxectivo da integración da nutrición animal coa nutrición do chan é controlar os balances de minerais en ambos os casos para maximizar a eficiencia na absorción dos mesmos e consecuentemente na produción de leite e de forraxes”, explica.
Unha sobrealimentación en minerais da vaca leva a unha maior excreción de minerais a través das feces e os ouriños
“Así como os nutricionistas balanceamos a ración da vaca en función das necesidades da vaca e as achegas da dieta, o mesmo concepto hai que aplicalo ao chan. Todo o esterco da vaca é en realidade un fertilizante que debe ser balanceado á hora de ser aplicado ao chan. Dese xeito imos integrar a nutrición do chan coa nutrición animal porque estamos a trasladar, a través da nutrición do chan, eses minerais de novo á composición química das forraxes que come a vaca”, argumenta.
“É moi importante empezar a planificar a integración da nutrición animal e a nutrición do chan. É algo fundamental para mellorar a sustentabilidade dos sistemas de produción de leite, porque unha sobrealimentación en minerais da vaca leva a unha maior excreción de minerais a través das feces e os ouriños, o cal ten efectos prexudiciais sobre o chan e o medio ambiente”, afirma Alejandro.
Os gandeiros deben aumentar o control sobre a inxesta de nitróxeno e minerais dos seus animais e coñecer a composición química do xurro que devolven ao chan
Por iso, di, os produtores de leite deben aumentar o control sobre a inxesta de nitróxeno e minerais dos seus animais, así como coñecer a composición química do xurro e o esterco que devolven ao chan para deste xeito realizar un balance entre as achegas e as necesidades do cultivo para suplementar unicamente coa cantidade xusta de abono químico.
Contaminación de chans por acumulación de minerais
A aplicación indiscriminada de esterco ao chan en altas concentracións e sen considerar estes factores pode incrementar a presenza dalgúns minerais no chan, con efectos negativos sobre os propios cultivos e o medio ambiente.
No ano 2007, por problemas de contaminación de augas subterráneas por nitratos, en California regulouse a aplicación de xurros e estercos por parte das ganderías, algo que en España se pretende levar a cabo por medio do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, actualmente en tramitación.
A Universidade de California tivo un rol moi importante de apoio aos produtores na aplicación das novas regulacións
Coa entrada en vigor destas novas normas ambientais, un equipo dirixido por Alejandro Castillo empezou a estudar a xestión de xurros e estercos por parte das ganderías californianas, atopando grandes perdas de nitróxeno, de máis dun 30%, por volatilización.
En California perdíase por volatilización o 30% do nitróxeno dos estercos
“Un dos erros que cometemos en California é que ao principio non considerabamos algúns minerais, só balanceabamos por nitróxeno á hora de facer o cálculo da cantidade de estercos e abonos químicos que se aplicaban ao chan. Máis tarde introducimos tamén o fósforo e o potasio, pero ao principio, ao non ter en conta iso, estabamos sobreaplicando grandes cantidades de minerais. O potasio, por exemplo, empezou a acumularse no chan e a aumentar a súa concentración nos silos de millo, onde os niveis de potasio pasaron de 1,5% a 2,5%”, indica.
Inicialmente só se tiña en conta o nitróxeno achegado e estabamos sobreaplicando outros minerais ao chan, como o potasio, que empezou a acumularse nos silos de millo
“O potasio é un mineral moi importante na nutrición das vacas leiteiras pero cando está en exceso na dieta afecta á absorción doutros minerais. Iso provoca un antagonismo que nos leva a gastar diñeiro en tentar corrixir esa presenza en exceso. Aí démonos conta da relación entre os minerais do chan e a ración”, explica Alejandro.
“O potasio cando está en exceso non deixa absorber o magnesio, e o magnesio é caro (400 dólares a tonelada). O primeiro que houbo que facer en California foi un esforzo para facerlle entender aos produtores que o esterco era un excelente fertilizante”, indica.
A aplicación do esterco sen control leva á contaminación dos chans
“Hoxe en California é frecuente ver nunha finca millo de 3 metros de altura e de súpeto unha zona con millo de 1 metro. E cando un pregunta que pasa nesa zona, a resposta é que se estivo acumulando nesa zona esterco durante anos. Algúns elementos como o zinc e o cobre, en cantidades axustadas son bos, pero en exceso son tóxicos para o chan”, aclara.
“Os sistemas de produción a nivel mundial son cada vez máis intensivos e Galicia non escapa a esa realidade”
Coa súa experiencia en distintos países, Alejandro fai unha reflexión acerca de como están a evolucionar os sistemas de produción de leite no mundo e alerta dos desafíos que a intensificación da produción leva aparellados. “Se vemos o que pasou en California e Nova Zelandia, comprobamos que se dan patróns similares a pesar de ser dous sistemas totalmente diferentes, un estabulado e outro pastoril, pero ambos intensivos. Non é distinto ao que está a ocorrer tamén en Galicia”, asegura.
“Galicia non escapa á realidade doutras zonas produtoras do mundo. Hai unha serie de parámetros que nos están indicando que a produción individual e a eficiencia dos sistemas de produción de leite van en aumento e a única maneira de lograr manter ese aumento de forma sostible é aproveitar a capacidade analítica que temos hoxe para poder balancear a dieta das vacas correctamente e a aplicación de abonos ao chan tamén correctamente”, afirma este experto.
A produción de leite incrementouse máis rápido do que o fixeron as estratexias de xestión de minerais
“Nos últimos 40 anos, todos os sistemas de produción de leite no mundo, desde os pastorís intensivos neozelandeses ata os estabulados californianos, evolucionaron intensificando a súa produtividade, incrementando significativamente o número de vacas por explotación e a produción de litros de leite por vaca. Pero na maioría dos casos aumentouse o número de vacas sen incrementar a superficie, o que supón importantes desafíos no manexo do esterco”, asegura Alejandro.
Vacas sen terra
En California, desde 1980 houbo unha redución do 50% no número de explotacións, pero o número de vacas por gandería aumentou un 400%, cun incremento medio dun 10% por ano, mentres a produción de leite por vaca foi aumentando case un 1% por ano. A partir do ano 2007, como consecuencia da entrada en vigor de leis ambientais, o número de vacas está tendendo a estabilizarse.
En California pasouse dunha vaca por hectárea a 10
“Nos anos 80 en California unha granxa media tiña 150 vacas nunha superficie de 150 hectáreas de terreo, cando hoxe hai 1.500 vacas sobre a mesma superficie. Por iso, a medida que aumenta a escala dos sistemas de produción de leite faise máis necesario controlar a aplicación de xurro e esterco ao chan”, xustifica.
Na maioría das explotacións aumentouse o número de vacas sen incrementar a superficie, o que supón importantes desafíos no manexo do xurro
No caso de Nova Zelandia, nese mesmo período a redución no número de ganderías aproxímase ao 40% e aínda que en termos absolutos os datos de produtividade son menores que en EEUU, ao tratarse dun sistema baseado no pastoreo, as tendencias de crecemento son moi similares.
O fósforo é un serio problema desde o punto de vista da contaminación ambiental porque provoca eutrofización das augas
“En Nova Zelandia empezáronse a aplicar normas ambientais no ano 2018. Alí hai ríos mortos como consecuencia da eutrofización pola aplicación de fertilizantes e a excesiva carga gandeira. Nun sistema pastoril intensivo con 4 vacas por hectárea, os ouriños deses animais equivalen a 800 quilos de urea por hectárea, e sobre esas excrecións aínda aplicaban abonos químicos”, explica Alejandro, que pide aos gandeiros en Galicia que tomen conciencia do problema e do ocorrido nestes países.
Galicia vs California e Nova Zelandia
O número de vacas por explotación multiplicouse por 4 en California e por 2 en Nova Zelandia nos últimos 40 anos. Pero a entrada en vigor de normas ambientais en 2007 en California e en 2018 en Nova Zelandia provocou que a cabana gandeira deixara de medrar en ambos casos.
California aprobou leis ambientais en 2007 por problemas de nitratos e Nova Zelandia en 2018 por fosfatos
Neste momento en California hai 1.200 explotacións de leite, que suman un total de 1,7 millóns de vacas (1.400 vacas de media por gandería) e unha produción total de 18,8 millóns de toneladas de leite (10.900 litros por vaca e ano).
No caso de Nova Zelandia, as 11.000 ganderías existentes posúen un total de 4,9 millóns de vacas (450 vacas por explotación), cunha produción total de 21,7 millóns de toneladas de leite (4.400 litros por vaca e ano).
O número de vacas por explotación multiplicouse por 4 en California e por 2 en Nova Zelandia nos últimos 40 anos
Se o comparamos con Galicia, atopámonos con que o ano pasado as 6.400 ganderías de leite existentes naquel momento (a día de hoxe quedan só 6.100) posuían 327.000 vacas (48 vacas de media por explotación) e entregaron case 3 millóns de toneladas de leite (9.100 litros por vaca e ano).
Nos últimos 5 anos a produtividade media por vaca en Galicia aumentou en máis de 1.400 litros (un 18% máis), mentres o censo de vacas de máis de dous anos caeu en case 12.000 animais nese mesmo periodo (-3,5%).