O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a desenvolver un campo de demostración na comarca da Limia para avaliar o comportamento produtivo de rotacións de forraxes ecolóxicas para a produción de leite.
En concreto,un dos experimentos desenvólvese en terras de regadío da Limia que xestiona unha explotación leiteira de Allariz que traballa en ecolóxico. A iniciativa parte da necesidade de buscar novas forraxes sostibles e rendibles para ofrecer como alternativa en zonas de produción intensiva, como son as parcelas de regadío da bisbarra ourensá.
As probas, que se desenvolven desde hai dous anos, avaliaron o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeiras de verán -millo, sorgo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo con pasto do Sudán-, establecendo unha rotación con cultivos de inverno constituídos por unha mestura de trevos anuais con raigrás. A maiores, analizouse a implantación de pastos mixtos a base de gramíneas e trevos cunha composición botánica diversa.
Os experimentos constataron un incremento da cantidade e da calidade das forraxes, así coma un aumento da produción do leite por vaca, ao tempo que se reduciu o custo da alimentación dos animais. Expresado en Unidades Forraxeiras de Leite, que aluden á cantidade de enerxía neta que aporta un quilo de cebada para producir leite (1UFL = 1 quilo de cebada), comprobouse que a produción do millo forraxeiro roldou as 15.000 UFL/hectárea (ha), a de sorgo superou as 9.000 UFL/ha, a do híbrido de sorgo con pasto de Sudán pasou das 8.000 UFL/ha e a de pasto de Sudán foi máis aló das 7.000 UFL/ha.
Canto ao cultivo de inverno, achegou á rotación unhas 2.000 UFL/ha adicionais, mentres a produción dos pastos implantados en montes aproximouse ás 3.000 UFL/ha no primeiro ano.
Para consolidar a iniciativa, os traballos seguen actualmente adiante co obxectivo de reafirmar unha alternativa de cultivos a catro anos nas parcelas de regadío que integran rotación con prados. Así mesmo, búscase facer un seguimento e mellorar os pastos en terreos de sequeiro, explorando a posibilidade de introducir leguminosas mediante técnicas de sementeira directa e en superficie.
Produción ecolóxica
Galicia é na actualidade líder absoluta en leite ecolóxico a nivel estatal, cunha produción que supera as 22.000 toneladas anuais procedentes de case 120 explotacións, o 51% de toda España. Aínda por baixo do 1% da produción total de leite da comunidade, o potencial neste eido ponse de manifesto vendo o incremento dun 25% que experimentou o número de granxas de leite ecolóxicas nos últimos dous anos.