Uns 50 produtores e produtoras de vacún de leite e vacún de carne en ecolóxico déronse cita o pasado xoves en Teixeiro (Curtis) na VI Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada por Ecofeed, marca da cooperativa Campoastur, que é líder no mercado galego no segmento de pensos ecolóxicos para gando vacún.
A xornada foi inaugurada por Iván Maques, concelleiro de Medio Ambiente, Xuventude e Infraestruturas do Concello de Curtis, e por Javier Fernández, director técnico de produción animal de Campoastur, quen atribuíu a suba do penso ecolóxico dos últimos meses “á mala colleita de cereais que houbo en España o ano pasado debido á seca”. “Para a elaboración de penso ecolóxico empregamos cereal nacional, dentro da nosa aposta tamén por unha agricultura sustentable, e o ano pasado a forte reducción da colleita encareceu os prezos e obrigounos a trasladalo en parte aos nosos clientes”, explicou.
Cando compensa dar penso en ecolóxico?
A continuación, Rafael Pardo de Andrade, veterinario de Campoastur, explicou as claves para un uso eficiente dos pensos ecolóxicos en vacún.
Partindo de que, segundo a normativa europea de produción ecolóxica, cando menos o 60% da materia seca coa que se alimentan os ruminantes ten que ser forraxes producidas na propia explotación, “o aporte de concentrado debe ser para suplir as carencias nutricionais do pasto en determinadas épocas do ano, especialmente no verán e no inverno, e para levantar o pico de lactación e así lograr unha produción maior”.
“En primavera é certo que o pasto pode cubrir as necesidades de produción dunha vaca pero no resto do ano é complicado, dependendo tamén da xenética do animal”, engadiu.
En canto a vacún de carne, o veterinario de Campoastur lembrou que “na fase final do cebo é onde é máis interesante achegar penso, para mellorar o engraxamento do becerro e polo tanto a clasificación da canal”.
A importancia das pradeiras biodiversas con leguminosas
A continuación, Carlos Garrido, representante de Fertiprado, explicou as vantaxes que aportan as pradeiras biodiversas con presenza de leguminosas para a producción gandeira.
“Os silos de pradarías con mesturas de leguminosas teñen máis palatabilidade e dixestibilidade, ademais de que aumentan a biodiversidade, melloran a estrutura do solo ou reducen as necesidades de abonos nitroxenados no cultivo posterior de millo”, destacou.
“O caderno dixital da Xunta non se adapta ás explotacións en ecolóxico”
Por último, Xisela Fernández, enxeñeira agrónoma en Agronovo Ecoloxía SL., explicou as últimas novidades sobre a aplicación do caderno dixital á produción ecolóxica.
“Até o 1 de setembro non será obrigatorio o seu uso para as explotacións de maior tamaño, pero a día de hoxe hai moitos aspectos en aclarar: Descoñecemos as vantaxes que comprometeu o FOGGA a aquelas ganderías que o empreguen antes desa data e, sobre todo, o caderno dixital que ten o FOGGA, o XEAGA, non se adapta ás ganderías que fan pastoreo”, explicou.
En canto ás motivacións últimas do caderno dixital, Xisela Fernández, asegurou que “o obxectivo da administración é a dixitalización completa do sector, de forma que a PAC se acabará pagando en base á información do caderno dixital de cada explotación”.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Campoastur