Primeiros pasos para a agrocompostaxe en Pontevedra

A Deputación prepara unha liña de axudas para potenciar estas prácticas. Buscan poñer en marcha proxectos de colaboración entre empresas agrogandeiras e concellos para a compostaxe de biorresiduos urbáns e restos producidos en agricultura e na gandería

Primeiros pasos para a agrocompostaxe en Pontevedra

Instante das Xornadas Revitaliza que arrancaron en Pontevedra.

A agrocompostaxe, a compostaxe conxunta de biorresiduos urbanos con restos de agricultura e gandería, busca facerse un oco en Pontevedra. A nova normativa estatal de residuos, que previsiblemente se aprobará esta mesma semana, permitirá este tipo de prácticas, que xa se están a impulsar en distintos puntos da xeografía estatal.

Algunhas destas iniciativas estanse a presentar dende onte nas Xornadas Revitaliza sobre ‘Biorresiduos municipais retornando ao agro”, organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). Neste contexto, a Deputación acaba de anunciar que sacará unha liña de axudas para botar a andar e potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza, a estratexia impulsada polo órgano supramunicipal para a xestión dos residuos.

O obxectivo das axudas provinciais será achegar fondos para poñer en marcha proxectos conxuntos e de colaboración entre concellos e empresas agrogandeiras, un obxectivo polo que nestes momentos tamén está a apostar a Unión Europea. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quen fixo o anuncio durante a inauguración das xornadas, explicou que a viabilidade dos proxectos de agrocompostaxe virá dada pola calidade do compost que se obteña.

Mosquera incide en que é prioritaria a correcta separación en orixe dos biorresiduos municipais e agrogandeiros. Apunta que debe levarse a cabo un control continuo e correcto do proceso de compostaxe para evitar tanto contaminacións químicas como bacteriolóxicas.

“A agrocompostaxe é unha solución “de sentido común” para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra”: César Mosquera, vicepresidente da Deputación

Segundo o vicepresidente, a co-compostaxe dos biorresiduos urbanos e do agro, coñecido como o modelo austríaco, permitirá xestionar unha fracción que supón o 50% dos residuos xerais. Ó mesmo tempo tamén permite achegar fertilizantes naturais á terra, nun exemplo máis de Economía Circular. “A co –compostaxe de residuos urbanos con residuos producidos na agricultura ou na gandeiría é unha solución “de sentido común” para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra”, reivindica Mosquera.

Xornadas Revitaliza

As Xornadas Revitaliza céntranse este ano na co-compostaxe urbana e agrícola, tanto dende a perspectiva pública, privada, de normativa e de investigación. Na xornada inicial expuxéronse diversos casos puntuais de compostaxe tanto a pequena como a gran escala. Un dos proxectos máis singulares foi o que explicou a representante da planta de compostaxe ‘La Prosperidad’, en La Palma, Ana Belén Yuste López, que indicou que na planta se tratan os residuos dun empaquetado de plátanos, entre 1.000 e 1.500 toneladas de residuos agrarios ao ano e que ten como reto de futuro incorporar os residuos municipais, agardando a que a lexislación o permita de maneira clara.

Yuste lembrou que hai dous anos estiveran a visitar Pontevedra e o Plan Revitaliza, trasladando despois a compostaxe doméstica e comunitaria á illa. Indicou que a pesares de que nestes momentos La Palma está centrada no acontecido co volcán, nas zonas non directamente máis afectadas por este, estase a facer fincapé en que os residuos non desaparecen, polo que é preciso reciclar levando adiante o programa ‘La Palma orgánica’.

Ademais do caso de La Palma tamén se puxeron sobre a mesa iniciativas como a de ‘Millo e Landras’, de agricultura e gandería ecolóxica (Vilasantar – A Coruña) explicada por Victor M. Boga Vázquez, que salientou a circularidade dos refugallos da hostalería da zona como alimento para o gando ou como abono para a terra.

Na primeira xornada tamén se abordaron os proxectos de Gurpide Elkartea e o Concello de Larrabetzu (Bizkaia) ; o da Asociación Agroecolóxica para a inclusión social Albalá (Madrid); o de Garden Hotels (Mallorca); o do Concello de Usurbil (Gipuzkoa); o da planta de compostaxe Josenea Bio S.L. (Navarra); ou a iniciativa da Asociación de Economías Biorregionales de Madrid.

Hoxe é a quenda das voces profesionais na aplicación industrial, na comercialización e no uso agronómicamente correcto dos diferentes compost, ademais de avanzar nas iniciativas mais prometedoras que se están a xestar no estado, e de achegar visións investigadoras e administrativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información