A previsión de altas temperaturas dá un respiro sanitario nos viñedos

Publicidade
A previsión de altas temperaturas dá un respiro sanitario nos viñedos

Recomendan retirar as partes dos acios afectados por mildio larvado. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, sinala que as altas temperaturas que se están a rexistrar e se prevén para os próximos días en Galicia concederán un respiro a nivel sanitario para os viñedos. Con todo, apuntan a que é preciso manter a vixilancia ante posibles brotes ou de incrementarse a humidade, co que aumentaría o risco de afeccións como o mildio.

Dende Areeiro recollen as seguintes recomendacións fronte ós patóxenos que provocan máis danos nas viñas galegas:

Mildio

Aínda que en principio non será preciso renovar os tratamentos nos próximos días, é conveniente manter vixiadas as viñas, especialmente aquelas nas que se tiveran rexistrado xa ataques moderados ou as cepas nas que estea próximo a vencer o período de protección do tratamento. Tamén cómpre extremar a vixilancia se se producen treboada ou hai humidade foliar nocturna, xa que son factores favorables á aparición de danos.

De manterse o tempo estable e cálido, o persoal técnico de Areeiro recomenda aproveitar para retirar, unha vez que se esfollan os viñedos, as partes dos acios afectadas por mildio larvado para evitar que se estenda o dano e facilitar despois a vendima.

Oídio

A diferenza do que acontece co mildio, o tempo cálido incrementa o risco de oídio, por iso dende Areeiro recomendan estar moi alerta ante a aparición de novos síntomas, sobre todo naquelas viñas onde o período de cobertura estea próximo a rematar, se as variedades son sensibles ó fungo ou se se detecta elevada humidade e os acios están sombríos.

Ademais, recordan que no caso de ser preciso tratar as viñas debe evitarse empregar xofre, posto que con elevadas temperaturas resulta fitotóxico. Por iso, cómpre elixir outro tipo de funxicida antioídio.

Black rot

As previsións de altas temperaturas tampouco favorecerán a expansión de black rot nos viñedos. Con todo, cómpre manter vixilancia, sobre todo nas viñas onde xa se teñan producido danos na uva ou naquelas que estean próximas a cepas abandonadas e afectadas, xa que ata o pintado as plantas son sensibles a esta enfermidade.

Avelaíña do acio

Pese a darse un elevado número de capturas nas trampas de feromonas de avelaíñas do acio dispostas nos viñedos revisados polo persoal de Areeiro, non se detectaron síntomas nas uvas. Ante esta situación e dado que as altas temperaturas que se agardan tampouco resultan favorables, non será preciso a curto prazo realizar tratamentos para evitar danos por couza do acio.

Alteracións de madeira

As altas temperaturas tamén están a producir un estrés nas plantas que provoca a aparición de síntomas típicos de alteracións da madeira. Agárdase que se vexan afectadas máis cepas ó prolongarse as xornadas de seca e de calor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información