Preguntas clave á hora de instalar un biodixestor

Un artigo de César Resch, Doutor Enxeñeiro Agrónomo

Preguntas clave á hora de instalar un biodixestor

Planta de biogás nunha gandería da Bretaña. Foto: Arquivo

Estamos a escoitar con frecuencia as bondades da instalación dos biodixestores. Sería de interese xeral que alguén nos respondera a algunhas preguntas antes de acometer un investimento nesta tecnoloxía, ou pros e contras de entregar o noso xurro a unha empresa que o necesite para usalo como materia prima no biodixestor.

Este interese pola xeración de enerxía “verde” a partir de residuos orgánicos débese a gran cantidade de diñeiro que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) pon en circulación para a instalación de plantas de biogás. Estes fondos veñen do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR) para a execución dos fondos Next Generation EU dirixidos a actuacións de aproveitamento enerxético dos residuos orgánicos que potencien a economía circular.

Antes de contestar a unha serie de preguntas para clarificar o tema, hai que dicir que a tecnoloxía da biodixestión está solidamente desenvolvida e amplamente estendida. Basicamente consiste en facer unha dixestión anaerobia controlada dun material orgánico que ao fermentar produce gas metano que se canaliza e utiliza como enerxía.

O funcionamento do biodixestor é semellante ao do rume da vaca onde hai dous compoñentes principais: as bacterias e o material que fai de combustible para a produción de metano. Polo tanto un biodixestor ademais de xurro, que funciona como coadxuvante incorporando bacterias, necesita una cantidade importante de material a dixerir, o rume ten que ser alimentado para que produza metano.

Este material que introducimos no biodixestor debe de ser capaz de proporcionar materiais, sobre todo materia orgánica, para producir metano (CH4), esta fonte de alimento vai desde silos de millo ou herba, residuos de horta, residuos de matadoiro, lodos de depuradora ou residuos orgánicos de calquera outro tipo.

O biodixestor ten un importante consumo de enerxía de seu xa que para que as fermentacións precisadas teñan lugar con éxito cómpre que haxa unha temperatura constante no tanque. Asemade o funcionamento do biodixestor é en continuo, polo que o consumo e produción é constante.

Simplificando moito o sistema, o biodixestor vai ter unha serie de entradas e vai producir gas metano en continuo xunto cun produto chamado dixestato que será o resultante da “dixestión” dos materiais que se introduciron no biodixestor. Está claro que o dixestato saínte terá moita menos materia orgánica da introducida pois esta formará parte do metano que se produce no proceso.

Con esta pequena introdución podemos facernos unha serie de preguntas antes de acometer o investimento preciso para a instalación dun biodixestor.

1.- Cales con as cantidades que debo de aportar ao biodixestor de material para fermentar nun ciclo anual?

A resposta a esta pregunta é a chave da viabilidade da instalación pois non terá moito sentido instalar un biodixestor en granxas con escaseza de recursos forraxeiros. A cuestión é clara, coas forraxes da nosa granxa ¿queremos producir leite ou gas?, outra cuestión é que teñamos forraxes en exceso ou que se produzan como material para o biodixestor especificamente, pero a pregunta clave é: Coas miñas forraxes quero producir leite ou metano?

2.- Que ocorre se incorporo como materia prima no biodixestor materiais externos a granxa como residuos de matadoiros, residuos sólidos urbanos, lodos de depuradora ou outros?

Evitamos a competencia cos recursos forraxeiros da granxa pero temos que ter en conta que estamos metendo máis nitróxeno no ciclo da granxa. Por elo, se usamos ese dixestato na granxa imos incrementar a cantidade de nitróxeno nas parcelas asemade cun produto, o dixestato, que ten moita mais capacidade de lixiviación e aporta moi pouca materia orgánica.

3.- Cómo debería de ser a correcta xestión do dixestato?

O dixestato é o subproduto que sae do biodixestor, a súa produción é en continuo polo que o primeiro que temos que facer é ter un tanque de almacenamento. O seu uso debe de ser como o do xurro, cómprelle un período de madurez, e para un bo aproveitamento debe de utilizarse exclusivamente en períodos con crecemento vexetativo e condicións favorables para a súa aplicación. Polo tanto, imos necesitar unha nova fosa para albergar este dixestato.

4.- Qué saída se lle dá ao metano producido?

Este punto é clave para ver a viabilidade do proxecto. Temos que ter asegurada a vía de evacuación ou uso do metano producido ou a súa utilización en granxa ou instalacións próximas. Se contemplamos esta segunda vía temos que ter en conta que durante os meses de calor as necesidades de quecemento en casas, auga, naves ou outras instalacións son mínimas ou nulas polo que o valor do metano como combustible é moi baixo ou nulo.

5.- Qué capacidades financeiras e técnicas son necesarias?

Fágase unha análise rigorosa do investimento e rendibilidade do capital. Temos que ter en conta que este tipo de instalacións necesitan man de obra especializada e asesoramento técnico de alta cualificación ademais de permisos específicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información