A Consellería de Economía abre a convocatoria de axudas destinada a impulsar proxectos integrais de gases renovables. Poden ser beneficiarias destas axudas as empresas do sector transformación e comercialización agrícola, pero non granxas nin explotacións de produción primaria. A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro.
Trátase da primeira vez que Galicia conta cunha convocatoria específica para esta tipoloxía de iniciativas enerxéticas, que teñen un gran potencial e un importante carácter innovador. Conta cun orzamento de 7,5 millóns de euros co obxectivo de mobilizar ao redor de 15 millóns de euros. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, co que se pretende favorecer o uso racional de enerxías renovables.
No caso do biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas (se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia); equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.
A axuda máxima por proxecto será de 2,5 millóns de euros, no caso de proxectos de hidróxeno renovable, e de 2 millóns de euros para os de biogás e biometano con intensidades de axudas entre o 45 e o 65 %, dependendo do tamaño da empresa. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.