
Sala de muxido da gandería Casa Gabino SC, ubicada na parroquia de Narla, en Friol
A necesidade de man de obra nas explotacións de vacas de leite segue a ser unha constante por toda Galicia. Neste caso, Gandería Casa Gabino SC, no concello lucense de Friol, precisa unha persoa para traballar na granxa. O posto de traballo podería ser a media xornada ou a xornada completa en horario partido.
As tarefas a realizar serían o muxido en sala, así como outros traballos da granxa, como facer as camas dos animais en produción ou estrar a recría. Valorarase experiencia no sector, aínda que non é imprescindible “habendo interese e gañas de aprender”, indican desde esta gandería familiar ubicada na Portela, na parroquia de Narla.
O empregado ou empregada debería ter carnet de conducir e vehículo propio para desprazarse até a granxa, aínda que en principio non sería necesario que soubera manexar maquinaria agrícola.

Casa Gabino ocupa o posto 17 por ICO no ranking estatal de Conafe
Gandería Casa Gabino SC é unha explotación con relevo xeracional que está a realizar unha aposta clara nos últimos anos pola mellora xenética e o traballo coa recría, situándose neste momento entre as 20 mellores ganderías de España segundo o índice combinado de Conafe.
As persoas interesadas no posto de traballo poden contactar con Iván no teléfono 662265107.