Casa Gabino SC, unha explotación con relevo que está a apostar pola xenética

Iván Río incorporouse fai tres anos a esta gandeiría familiar ubicada no concello de Friol e está a complementar coa venda de recría e de machos para sementais os ingresos procedentes da venda de leite

Iván Río Lorenzo coas vacas da explotación familiar na Portela, en Narla (Friol)

Iván Río Lorenzo coas vacas da explotación familiar na Portela, en Narla (Friol)

“Empezara meu avó con 5 vacas rubias e cando a colleu meu pai, no ano 1988, apostou polas vacas de leite. No 2006, cando acabei a Eso, empecei eu a traballar na granxa e oficialmente incorporeime fai 3 anos”. É a historia resumida da gandería Casa Gabino SC, situada no concello lugués de Friol.

Quen a conta é Iván Río, que xunto aos seus pais, José Higinio e María José, atenden esta explotación familiar que está a investir na mellora xenética da súa cabana e que atopa na venda de machos para sementais unha fonte de ingresos complementaria. 

Tratamos de diversificar os ingresos da granxa coa venda de animais para vida, porque o prezo de leite está como está e non o pos ti

recria4 Ganderia Casa Gabino (Friol)“A xenética empezámola a traballar no ano 2011, cando compraramos 4 animais na subasta de BOS. Con eses animais fíxose trasplante de embrións e traballouse con dúas familias que tiñamos nós na casa. E desde entón seguíronse comprando animais de alto valor xenético”, explica Iván. Como por exemplo dúas xovencas mercadas na III Poxa de Elite de Gando Frisón celebrada en Curtis no 2019, na que se fixeron co animal cos índices máis altos da poxa, Campa Imax 0338 Red, con 4.233 puntos Gico e mercada por 4.600 euros.

Cunha cabana de 150 cabezas, das que 68 son vacas en produción, Casa Gabino complementa a produción de leite da granxa coa venda de animais que lles supoñen unha fonte máis de ingresos e contribúen á mellora xenética doutras explotacións. “Tratamos de diversificar os ingresos da granxa coa venda de animais para vida, porque o prezo de leite está como está e non o pos ti. Este outro polo ti entre comiñas, porque se non hai bo prezo de leite a xente tampouco che compra animais”, evidencia Iván. 

“Busco animais equilibrados”

“Nós non imos aumentar en cabezas e imos vendendo o que nos vai sobrando. Até agora vendimos sobre todo machos, pero a idea é empezar a vender tamén femias porque queremos ter oferta de todo un pouco, como unha fonte máis de ingresos da gandería, e o mercado dos machos é máis limitado que o das femias, porque só ás explotacións que teñen semental lles interesan os machos”, razoa.  

O que non vale para min non llo vendo a ninguén

“Sóbrame recría porque o número de femias que temos excede tamén as nosas necesidades e estamos empezando a vender. Pero a idea é vender xatas que mereza a pena, o que non vale para min non llo vendo a ninguén”, asegura.   

vaca producion2 Ganderia Casa Gabino (Friol)A súa constancia no coidado da xenética fai que algunhas das súas becerras se atopen entre as mellores do ránking estatal. De feito, o ano pasado esta gandería logrou colocar a seis das súas femias de recría entre as 50 mellores xatas de España por Gico, con puntuacións situadas entre os 4.447 e os 4.668 puntos, logrados por Casagabino Clun Ainara, que lle valeron para alzarse ao posto número 12 da clasificación estatal.

“Traballo máis índices que familias ou tipos. Prefiro algo equilibrado e correcto pero tiro máis pola liña de índices. Eu penso que pode facerse algo equilibrado, porque unha cousa sen a outra aporta menos”, argumenta. As xovencas xeneticamente altas da gandería van inseminadas con seme sexado e no resto implanta embrións. 

Máis de 40 embrións cada ano

Casa Gabino é unha destas explotacións nas que hai touro, porque malia inseminar e traballar con embrións, Iván considera que é un investimento rendible en todas as ganderías. “O semental téñoo para as repetidoras. Eu penso que compensa, porque aínda que che salve só 7 ou 8 vacas no ano xa vale a pena. E despois véndelo e sempre ten un valor comercial tamén. Eu levo xa 4 ou 5 dos criados por min. Déixoos até os tres anos e despois cámbioos”, explica. 

Casa Gabino pon tamén embrións noutra explotacións de Ordes

Casa Gabino pon tamén embrións noutra explotación

“Se unha vaca é xeneticamente interesante sempre lle das algunha oportunidade máis, senón o que fago cando unha vaca dá a lata é poñerlle un embrión e logo botarlle o touro, pero sempre lle dou antes unha oportunidade co embrión porque necesito ter onde poñelos”, explica. 

Eu penso que nunha gandería compensa ter un semental, porque aínda que che salve só 7 ou 8 vacas no ano xa vale a pena

Aínda que polo de agora o que máis vende Iván son machos e algunha que outra femia que lle sobra por non dispoñer de espazo dabondo no establo, a súa intención é tamén vender embrións. “Estou aberto a iso e estou poñendo tamén noutra gandería de Ordes, SAT Regueiro Branco, porque non dou posto nas miñas vacas todos os embrións que fago”, conta. “Levo dous anos poñendo máis de 40 embrións, son todos sacados a vacas da miña explotación”, explica.

Xatos xenotipados por Fontao

Casa Gabino leva vendidos máis de 30 machos nos últimos 5 anos para distintas ganderías de Galicia e Asturias. Son explotacións que teñen touro e que perseguen un dobre obxectivo: salvar as vacas que non empreñan e que as xatas que saian sexan aproveitables. 

Vendo machos desde que teñen dous meses porque os xenotipo antes de vendelos

“Todos os machos que comercializo están xenotipados por Fontao, por iso os vendo desde que teñen dous meses, porque os xenotipo antes de vendelos”, explica Iván. Xenética Fontao mercoulle tamén varios dos seus animais nestes anos para utilizalos como sementais para produción de doses de inseminación. Un deles, Casagabino Doorman Portelo, con 3.697 puntos Gico, foi cualificado como o número 11 de Xenética Fontao e o número 22 do TOP 100 ICO Nacional de touros probados.

Utilización das novas tecnoloxías

Iván amosa polas redes sociais imaxes dos seus animais e datos do seu historial xenético

Iván amosa polas redes sociais imaxes dos seus animais e datos do seu historial xenético

A través da páxina web e tamén do facebook e do instagram da explotación, Iván vai anunciando o nacemento dos animais e ofertando aqueles que pon no mercado. Mesmo emprega as novas tecnoloxías para facer ofertas puntuais, como a que lanzou en novembro do ano pasado con motivo do Black Friday, cando comercializou 5 machos con descontos de entre o 15 e o 25%. O prezo orixinal dos becerros, que oscilaban entre os 415 e os 700 euros, quedaban deste xeito entre os 315 e os 560. 

Nas redes sociais de Casa Gabino a recría é a protagonista e a que acapara máis focos. Hai imaxes do proceso de medre dos animais e, como se fose un álbume familiar, fotos dos xatos e xatas coas súas proxenitoras, moitas veces desde o momento mesmo do parto na parideira da granxa.   

Maman leite de vaca

recria6 Ganderia Casa Gabino (Friol)Tanto os xatos como as xatas maman leite de vaca e Iván leva un control estricto do seu crecemento. “Pésoas cunha cinta e destétoas aos dous meses e medio pero se hai algunha pequena alárgolle até case os tres meses. No último ano adiantei bastante a idade de inseminación. Fíxome no peso e na estatura. Antes inseminaba aos 15 meses e agora xa teño bastantes becerras inseminadas aos 12 meses. Xa pariron media ducia destas xovencas e non lles vin diferenza, pariron igual que as outras, tiveron o mesmo desenvolvemento corporal e produciron o mesmo leite”, afirma. 

recria Ganderia Casa Gabino (Friol)3Os becerros e becerras están en boxes individuais até o destete e despois en grupo. Empregan cama de palla até os 8 meses e logo por falta de sitio pasan a emparrillado. “As parrillas non me gustan. Están nelas porque non teño outro sitio, pero queremos dobrar as camas onde están as secas e as xovencas preñadas para poder sacalas das parrillas”, explica Iván. Unha vez inseminadas, as xatas van para o establo vello onde hai camas de goma.

Só con palla e penso coido que non é dabondo para as xovencas, pero se a ración cubre as necesidades da vaca seca tamén cubre a das xovencas preñadas

Desde o destete (aos dous meses e medio) até os 5 meses están a penso, auga e herba seca. “Bótolles algo da ración das secas para que se vaian habituando á forraxe”, explica Iván. “Despois, desde os 5 até os 11 meses, están coa ración de leite e volvo logo á ración das secas para que non engorden tanto para inseminar. Eu o que quero é que teñan un bo desenvolvemento corporal e medren cando teñen que medrar e desde que empreñan non necesitan tanta enerxía, só que manteñan o crecemento e penso que se a ración cubre as necesidades da vaca seca tamén cubre as da xovenca preñada”, argumenta. 

“A area non vai dar herba nin vai dar millo”

Fan todos os traballos agrícolas agás o ensilado de herba e o millo

Fan todos os traballos agrícolas agás o ensilado de herba e o millo

Casa Gabino conta na actualidade con 150 cabezas, das que 68 son vacas dando leite. Producen unha media de 34 litros co 4% de graxa e o 3,40% de proteína, que entregan á cooperativa Aira. “Estamos tratando de mellorar na media de produción por vaca”, explica Iván, que considera que xenética e produción son dous conceptos que non están reñidos. É o caso de Outeiro Goldwyn Chiara, considerada Vaca medalla de ouro 3 Estrelas no ano 2018 segundo os datos do Libro Xenealóxico na avaliación xenética de Conafe.

sala muxido Ganderia Casa Gabino (Friol)Muxen dúas veces ao día (ás oito e cuarto pola mañá e ás sete da tarde) nunha sala 2×5, polo que lles leva case dúas horas muxir. Iván seca ás súas vacas en produción aos 7 meses e medio. “Dos 225 días non deixo que se pase ningunha. Mínimo un mes e medio penso que lles fai falta para descansar e recuperar un pouco”, indica. 

Antes usabamos viruta, pero tiñamos problemas de mamites por xermes que viñan na viruta. O 80% das mamites que tiñamos procedían diso

A explotación dispón de 40 hectáreas de superficie e na metade sementan millo. Nunha parte delas fan rotación con raigrás como cultivo de inverno e, en función das necesidades de forraxe que teñan ese ano, queda baleira algunha das fincas. As parcelas máis alonxadas atópanse a 5 quilómetros da granxa. “Facemos nós os traballos agrícolas, agás a recollida do millo e da herba, que até o ano pasado tamén a metiamos nós. Pero a sementeira tanto do millo como da herba, por exemplo, si que a facemos nós”, explican. 

Ganderia Casa Gabino (Friol) cubiculosAs camas son dunha mestura de carbonato e serrín ao 70-30%. “Levamos un ano e medio así. Antes estivemos un ano con area, pero cambiamos porque repousa na fosa do purín, tes que sacala e non é un material aproveitable e nas fincas podes botala un ano, pero non sempre, porque a area penso que non vai dar herba nin vai dar millo. Por iso cambiamos ao carbonato. Aquí xa houbo un pouco de todo, porque antes da area estivemos con palla. Botamos bastantes anos. E antes da palla tiñamos viruta, pero tiñamos problemas de mamites por xermes que viñan na viruta. O 80% das mamites que tiñamos eran diso”, asegura Iván. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información