Ponse en marcha unha web que ofrece datos do sector forestal por concello

A nova plataforma web permite obter información do sector forestal da comunidade e crear series históricas de datos. No 2020 Galicia acadou os 9 millóns de metros cúbicos de madeira, case un 7% por debaixo das cifras de 2019

Ponse en marcha unha web que ofrece datos do sector forestal por concello

Corta de eucalipto. // Foto de arquivo.

A Xunta acaba de poñer en marcha unha plataforma web coa que coñecer información do sector forestal galego e crear series históricas. A ferramenta foi desenvolvida pola Consellería do Medio Rural -a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega). A nova web amosa os datos que definen o sector forestal galego, non só a nivel autonómico senón en detalle tamén por provincia, distrito ou mesmo por concello.

Baseada en tecnoloxía de Intelixencia Empresarial, a nova ferramenta web permite atopar xa datos da estrutura da propiedade en Galicia e das producións madeirables. Trátase dos dous primeiros ámbitos de datos xa desenvolvidos, ós que está previsto que se vaian incorporando nas vindeiras semanas e meses novos eidos como a superficie ordenada, a superficie en xestión pública, as empresas do sector forestal de Galicia, os tratamentos de loita biolóxica contra pragas e doenzas forestais ou as actuacións de silvicultura e repoboación realizadas nos últimos anos con financiamento público.

“Trátase dun fito tecnolóxico en materia de administracións públicas porque os datos están agrupados mediante o acceso directo a múltiples aplicacións de datos con información forestal”, explican dende a Consellería. Esta plataforma web de estatística forestal enmárcase no conxunto de accións realizadas ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal como a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen desenvolvendo nos últimos anos.

web xunta producion forestal

Vista da nova plataforma web.

Volume de cortas en 2020

Entre os datos que se poden consultar nesta plataforma atópanse os dos aproveitamentos de madeira para o ano 2020, un ano marcado pola pandemia da covid-19 no que, con todo, se superaron os 9 millóns de metros cúbicos. Esta cifra supón un lixeiro descenso do 6,87% respecto ao volume de cortas do ano 2019.

Da madeira cortada o ano pasado destacan os máis de 5,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto aproveitada, fronte aos 5,6 millóns do ano anterior. Mentres, as coníferas -especialmente Pinus radiata e Pinus pinaster– mantivéronse constantes con respecto ao ano anterior, acadando os 1,6 millóns de metros cúbicos aproveitados para ámbalas dúas especies.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información