Serrerías Rodríguez, situada en Valga (Pontevedra), é unha empresa especializada no serrado de coníferas e foi unha das primeiras en contar co selo Pino de Galicia, que se puxo en marcha en 2022. Coñecemos da man de Ana Busto Zúñiga, adxunta de dirección da firma e cuarta xeración de Serrerías Rodríguez, máis sobre esta empresa.
-Cóntanos como é Serrerías Rodríguez?
-Serrerías Rodríguez somos unha empresa familiar, somos xa a cuarta xeración. A nosa principal liña de negocio é a fabricación de táboa para empresas que fabrican e reparan palés. Ademais, temos outras liñas, pero son de menor volume, como a táboa de carpintería. En total, temos unha produción aproximada de 6.000 metros cúbicos ao mes.
– A embalaxe é o primeiro segmento de negocio do piñeiro galego. No voso caso, cando e por que comezastes a especializarvos na fabricación de palé?
-Comezamos coa fabricación de táboa para palé sobre a década dos 70. Inicialmente a serrería estaba centrada na fabricación de táboa para envases de froita ou bebidas, pero cando comezaron a fabricarse tamén os palés para utilizar no transporte doutro tipo de produtos, viron que había un nicho de mercado e decidiron especializarse nel.
Os nosos principais clientes son fabricantes e reparadores de palés que están especializados, sobre todo, nos sectores da alimentación e distribución. Nós estamos enfocados ao mercado nacional, aínda que tamén temos clientes en Portugal, Italia e Francia.
– Traballades sobre outras liñas de negocio?
-Xa levamos uns anos potenciando outras liñas de negocio como a embalaxe industrial para sectores químicos ou empresas que traballan con pedra. Ademais, temos outra liña centrada en proporcionar táboa para carpintería, aínda que esta é unha liña de negocio con menor volume
-Con que tipo de madeira traballades?
-Traballamos con piñeiro galego. Traemos piñeiro de toda Galicia, maioritariamente procedente de Lugo e A Coruña, aínda que tamén temos algo de piñeiro do norte de Pontevedra e algo procedente de Ourense.
-Que vantaxes vos proporciona o piñeiro fronte a outras especies?
-O 90% das embalaxes realízanse con piñeiro, é unha esixencia dos fabricantes, que prefiren esa madeira, é unha materia prima moi compatible e con boas calidades para destinar a este tipo de uso. Ademais, no noso caso, traballamos co piñeiro porque tamén é unha madeira que temos preto e dispoñible.
-Sodes unha das empresas rexistradas na marca de garantía Pino de Galicia, impulsada dende a Fundación Arume, que supón esta marca para vós?
-Pasamos a auditoría meses atrás e xa somos unha das empresas que conta coa marca Pino de Galicia acreditada. Polo momento, non estamos á comercializar porque está aínda empezando todo o proceso.
-Que expectativas tedes sobre a marca?
-Cremos que é unha boa oportunidade e que nos pode achegar moito nun futuro, sobre todo na táboa de carpintería. Este selo de Pino de Galicia pode traducirse nun maior valor engadido á táboa de calidade que producimos.
-No seu momento, apostastes tamén pola certificación forestal, que garante un manexo sostible do monte, é unha demanda dos vosos clientes?
-Levamos moitos anos certificando porque os nosos clientes así nolo pedían e cada vez é unha demanda maior. Agora mesmo estamos a certificar en PEFC porque o noso sector é o que máis nos demanda. Hoxe en día, o 80% das nosas vendas son certificadas en PEFC.
-Estades tamén apostando pola dixitalización e automatización no serradoiro. Cales foron as últimas accións que levastes a cabo?
– Cada ano tentamos mellorar, ben sexa unha máquina ou un proceso concreto. Estamos a especializarnos cada vez máis en ofrecer aos nosos clientes a táboa de reparación de palé xa lista, con todo o pintado, así como os buracos que precisan para os palés pequenos… Neste sentido, cada ano tentamos tamén automatizar e dixitalizar algunha das máquinas.
– Aínda que o mercado de piñeiro xa se retardou, o 2022 pode cualificarse dun ano histórico en prezos. De que maneira vos afectou o incremento da demanda e os prezos da madeira de piñeiro que se viviu nos últimos anos?
-Xestionalo foi un pouco difícil, xa que había novos clientes que querían que lles servísemos e os nosos propios clientes demandábannos unha maior cantidade de mercadoría. A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo.
“A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo”
Creo que foi algo positivo para o sector porque puidemos situar ao piñeiro nuns prezos competitivos con respecto a outras madeiras, o que resulta bo para toda a cadea, desde o propietario. É un incentivo para optar polo piñeiro, que foi positivo para o sector.
-Continúa a elevada demanda de palé polos cambios nos fluxos do comercio que se produciu tras o Covid e coa guerra de Ucraína?
-Estabilizouse a demanda e diminuíu. Nos primeiros meses do ano, xaneiro e febreiro, a demanda foi moi baixa. Houbo unha leve recuperación en abril e maio, pero estamos moi lonxe das cifras que se manexaron o ano pasado. Esta baixada da demanda débese á reactivación dos fluxos mundiais e isto coincide cunha baixada da demanda de palés.
-Volvéronse a incorporar ao mercados produtores de palé como Chile ou Brasil?
-Si, xa volve entrar táboa tanto de Chile como de Brasil, así como de Europa do Leste, o que está a provocar unha maior competencia. Sobre todo está a entrar en barco na zona do Levante moita madeira de fóra e iso estanos afectando de maneira significativa. Os prezos están a caer con esa maior oferta e ao haber tamén unha menor demanda.
-A que creedes que se debe esta baixada da demanda de palés?
-Pode deberse a que as empresas teñen un alto stock de palés despois das compras que realizaron o ano pasado. Aínda que tamén pode estar relacionado cunha baixada da economía e que haxa unha menor demanda. O que está claro é que non estamos nos números que se barallaron en 2022. Esperamos que se incremente esa demanda de fronte ao próximo ano.
- Entrevista difundida pola Fundación Arume