Poñer en valor o monte

Arredor dun 25% da superficie forestal galega carece de usos produtivos. As directrices propostas polo sector para o Plan Forestal apostan por adicar 225.000 hectáreas a pastos e forraxes, así como aumentar a superficie arborada

Publicidade
Poñer en valor o monte

O monte galego dispón dun gran potencial para a gandeiría extensiva.

Dos 2 millóns de hectáreas que hai de monte en Galicia, están arboradas 1,4 millóns de hectáreas, en tanto as outras 600.000 hectáreas carecen de usos produtivos na súa maior parte. O sector forestal entende que esta superficie abandonada constitúe un potencial que cómpre poñer en valor. Así llo trasladou á Xunta o grupo de traballo do Consello Forestal que estivo a elaborar durante o último ano unha proposta de directrices para o novo Plan Forestal de Galicia, que se prevé que estea finalizado a finais do 2016.

O grupo de traballo do Consello Forestal, no que participan, entre outras, as asociacións forestais de propietarios, aposta por adicar as superficies actualmente improdutivas a pastos, forraxes e a arborado. En concreto, o sector calcula que os terreos de monte adicados a pastos e a cultivos para o gando poderían elevarse ata as 225.000 hectáreas.

O sector propón fortalecer as axudas para creación de pastizais e para a produción de carne en extensivo

Para incentivar os usos gandeiros do monte, as directrices que se lle transmitiron á Xunta avogan por fortalecer as liñas de axudas dirixidas á creación e mellora de pastizais, así como aquelas que apoien á produción de carne en extensivo.

O sector advirte tamén da necesidade de que toda acción de pastoreo conte coas correspondentes autorizacións da propiedade, ben comunidades de montes, ben propietarios particulares; e de que os terreos en pasto se inscriban no rexistro público de terreos forestais en pastoreo.

Plan Forestal de Galicia
O novo Plan Forestal de Galicia, que sustituirá ó anterior, vixente desde 1992, é un documento que servirá de guía para as políticas forestais da Administración autonómica. O sector estivo traballando ó longo do último ano nunha proposta de directrices para o Plan Forestal, que xa lle foron trasladadas a Medio Rural, e espérase que a Xunta presente ó longo do 2016 a súa proposta de Plan Forestal, que debe ser debatida e aprobada no Parlamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información