Real Buey Casamado, carne de boi en base a pasto

Producir carne en base a pasto e cun mínimo de penso foi obxecto de estudo para un grupo de gandeiros galegos que participaron nunha viaxe de visita a varias gandarías de Asturias e Cantabria durante uns días. A actividade rematou nunha granxa de Goiriz (Vilalba, Lugo) que emprega o pasto como base para a alimentación de preto de 50 bois. Coñecemos o seu traballo

Real Buey Casamado, carne de boi en base a pasto

Javier Paz, cos bois nos pastos.

En Casamado, de Goiriz, a gandaría sempre foi un medio de vida que levou a esta familia a ter grandes recoñecementos. Cunha longa traxectoria como criadores de Blonde de Aquitania, o futuro desta explotación dividíuse nos últimos anos en dous camiños, sumando así a cría de bois.

En Real Buey Casamado contan a día de hoxe cun total de 48 bois repartidos polas 50 hectáreas das que dispoñen para a súa alimentación. Dende o seu nacemento, fai preto dunha década, nesta explotación foron producíndose cambios para facela máis viable de cara a un futuro. Esta sostibilidade, a día de hoxe, pasa por ser eficientes na alimentación e ao mesmo tempo conseguir unha máxima calidade nos canais. Javier Paz, terceira xeración de Casamado, ve no pasto o modelo para chegar a este fin.

A granxa aposta por bois de raza minhota porque, según Javier Paz, teñen un bo equilibrio entre calidades e rendemento da canal. “Decantámonos por esta raza porque é o que demanda o mercado, un animal con bos rendimentos e con boa infiltración de graxa” comenta Javier. Esta é unha variante que comparte orixe coa Rubia Galega pero que ao longo dos anos evolucionou en camiños diferentes, sendo animais moi apreciados dentro do vacún maior.

Bois nos pastos

Bois nos pastos

De volta ós pastos, a alimentacíón ten como eixo central a herba, sendo a única comida durante os primeiros catro ou cinco anos. “Para facer viable a explotación queremos que a base da alimentación sexa o pastoreo e complementalo con silo de herba cando sexa necesario” comenta Javier.

En Real Buey Casamado apostan por mudar cara a un pastoreo rexenerativo, aumentando as cargas gandeiras en curtos períodos de tempo e así conseguir mellores pradeiras. Con este manexo buscan aumentar o valor nutricional do pasto e que os animais cheguen á última fase con maior peso.

Periodicamente, os bois pasan por unha báscula na que se van vendo as evolucións de cada animal e así selecionar o momento óptimo para pasar á seguinte fase. Neste último paso, entran a unha zona estabulada, con cama de palla e alimentación específica. Aquí, actualmente a base é o silo de herba, silo de millo e gran húmido. Xunto con esto, en Real Buey Casamado están probando un concentrado que incorpora aceites vexetais para favorecer a infiltración, “necesaria para as maduracións tan longas que se están a facer nestes momentos” explica Javier.

O manexo das pradeiras nesta zona é complicado por ser moi chá e deste xeito acumular moita humidade, ainda con poucas chuvias. “Un punto no que temos que mellorar é no ensilado, porque cando podemos entrar a herba xa e moi grande e perdeu valor nutritivo. Queremos cortar cando sexa máis baixa e así eliminar o silo de millo na fase de cebo, quedandonos soamente co silo de herba e o gran húmido” apunta Javier.

Bois en fase de cebo.

Bois en fase de cebo.

Un terceiro piar no que traballan é a comercialización. Recorda Javier que “nun principio empezamos coa idea de vender catro bois cada mes pero estábamos sobredimensionados. Cos precios de mercado, para ser rentables necesitabamos esta produción pero dímonos de conta de que sendo pequenos poderiamos ser máis rendibles. Nunca chegaríamos a competir coa industria, necesitábamos ofrecer un producto de calidade e diferenciado. Agora estamos sacando nove bois por ano, pero apostamos por sacar ao mercado un producto de máxima calidade”.

“Démonos de conta de que sendo máis pequenos, podiamos ser máis rendibles. Apostamos por sacar só 9 bois ó ano, pero para un mercado de máxima calidade”

A súa produción conta cunha carteira de clientes estable, cos que comercializan costelares, hamburguesas e embutidos, que chegan á alta restauración.

Proba da calidade producida nos pastos de Goiriz é que Lucia Freitas, propietaria dos restaurantes A Tafona e Lume e galardoada cunha estrela Michelin, aposta pola carne de Real Buey Casamado. Así é que coa súa Galicia Japan burguer conseguiu o terceiro posto no Campeonato de España de Hamburguesas. De cara a un futuro Lucia Freitas e Real Buey Casamado estan traballando en novos proxectos de comercialización.

Boi proximamente comercializable.

Boi proximamente comercializable.

Visitas a ganderías de Asturias e Cantabria

A visita a Casamado foi o punto e final dunha viaxe formativa sobre a producción de carne a pasto na Cornixa cantábrica. Este evento, promovido polo grupo operativo autonómico de Carne de Vacún a Pasto, tiña como obxetivo contactar con gandarías nas que se está a producir carne cun mínimo de concentrado. Para isto era preciso ver modelos de manexo de pasto e animais. A actividade desenrolouse durante 3 días por distintas granxas de Asturias e Cantabria.

“A carne criada en base a pasto é un produto diferente que esixe un manexo distinto, pero non perde calidade e textura se se fan as cousas ben” (Xan Pouliquen)

Xa de volta, nunha reunión na sede da cooperativa Almoga, en Vilalba, os gandeiros puxeron en común as posibilidades de producir carne con pasto. Xan Pouliquen, coordinador desta viaxe salienta que “é posible ou polo menos paga a pena ver as posibilidades deste modo de produción. É factible pero para iso é necesario un manexo específico dos animais e das pradeiras”.

Un momento da recente visita de gandeiros galegos a Casamado.

Un momento da recente visita de gandeiros galegos a Casamado.

Nesta reunión tamén sairon a debate ideas e mitos acerca da calidade deste tipo de carne, na que os animais non pasan por cebadeiro. “A conclusión foi a de que é un produto diferente que necesita un manexo diferente, pero que non perde calidade nin textura sempre e cando se fagan as cousas ben”comenta Xan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información