A Xunta aproba apoios para a industria forestal e de segunda transformación da madeira por importe de 16,5 millóns de euros

O listado de beneficiarios, que se terá que publicar no Diario Oficial de Galicia, é de 150 empresas da madeira e autónomos

A Xunta aproba apoios para a industria forestal e de segunda transformación da madeira por importe de 16,5 millóns de euros

O Consello da Xunta avaliou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural que dá conta da resolución de dúas liñas de axudas xestionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, que buscan mellorar a competitividade da industria forestal galega. Así, aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros, o que suporá un investimento público-privado mobilizado de 48 millóns de euros.

Concretamente, na liña de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais houbo 116 beneficiarios que recibirán unha subvención de 14,1 millóns de euros. No caso da liña de achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (conxunto de actividades orientadas ao deseño, fabricación, subministración e instalación de equipamento integral para construcións de uso colectivo) aprobáronse 34 expedientes por importe de 2,4 millóns de euros. En ambos casos falamos do maior importe convocado e concedido en cada unha destas liñas de achegas por parte da Axencia Galega da Industria Forestal.

Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, este ano tamén foron beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que tivesen base asociativa e prestasen os ditos servizos, sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En todos os casos, os beneficiarios desenvolven a súa actividade en Galicia.

Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Ademais, cabe ter en conta que ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, promovida pola Axencia da Industria Forestal en 2019 e revisada no ano 2022. O obxectivo que se busca con estas achegas é consolidar as pemes que conforman este sector, permitíndolles gañar en competitividade e apostando por procesos de produción con menor impacto ambiental.

Neste senso, a Axenda de impulso é unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información